Autora : Mar Álvarez Verea
unha lingua de fogo que a todos e a cada unha pertence..
Chus Pato
Xa hai unhas semanas que un “ciudadano” afirmaba como deputado no Congreso que “el castellano ha desaparecido de lugares como Cataluña, Baleares, la Comunidad Valenciana, el País Vasco o Galicia”. Cumpre dicir que este home, coma moitas outras personaxes que se consideran políticas e altavoces do pobo, pouco debe coñecer das distintas realidades lingüísticas presentes nas diferentes autonomías do estado español, máis alá do que se fala e escoita na capital. Máis como galegofalante dende que teño uso de razón, estas afirmacións parécenme unha verdadeira ofensa tanto para a propia lingua, como para o resto de persoas que loitan por manter viva un idioma que sufre un abasallamento e opresión contínua. Permitídeme pois que vos conte, o que para min foi o exemplo máis ilustrativo de que non é o castelán o que está a desaparecer da Galiza, senón o galego, e desta miña historia xa fai sete anos.
No meu primeiro día no grado de Traballo Social , concretamente no campus de Ourense, éramos arredor de sesenta persoas na aula e durante a presentación individual só utilizamos a lingua galega dúas rapazas. Naquel intre chamoume a atención que sendo tódalas personas habitantes da comunidade autónoma ninguén máis utilizase o galego como idioma de presentación. Pero, non lembro ben se foi ese mesmo día ou seguinte, que a outra rapaza que falou en galego se acercou o meu carón e en voz baixa díxome: “Só nós falamos en galego?”, “É tamén a lingua que acostumas a empregar?”. Foi nese intre no que as miñas sospeitas sobre a disminución e depreciación que do meu idioma materno sufría dentro das xeracións máis novas, se comezaron a facer evidentes. Ao longo dos anos, e en distintas situacións, preguntas do tipo: “!Ah¡,¿Pero hablas en gallego?”, ou “¡Qué riquiña!,¿Hablas en gallego!”, inclusive, ¿Qué acento tienes, no? pasaron a ser comentarios habituais en moitas situacións ou lugares enmarcados dentro da xeografía galega.
Certo é que nacín nun entorno rural, e que o idioma, así como elemento depositario da esencia dunha cultura, ten a súa orixe na tradición das zonas rurais e que naceu com lingua de expresión da comunidade campesiña, pero non debemos esquecer que, consegiu transformarse nunha lingua culta e de expresión tanto en pintura, poesía, música… máis alá de ser un mero instrumento de comunicación e rompendo coas fronteiras xeográficas.
É a lingua de moitas xeracións, mesmo de xeracións nas que o exilio non lles impediu manter e, incluso ampliar de múltiples formas unha cultura tan rica. É esta memoria histórica un elemento suficiente para loitar porque esta lingua non desapareza, e con ela a resistencia a unha amenaza de homoxeneizar unha cultura.
Numerosas estatísticas xa mostran que a maior parte da poboación galegofalante vive no rural, pero tamén nas últimas décadas existen numerosos movementos e institucións favorables a visibilizar, normalizar e empoderar o galego (centros de investigación, de documentación, revistas, programacións, festivais e un longo etcétera), mais o certo é que algo está a fallar. É dicir, a normalización da lingua galega debe ser un reto para o conxunto da sociedade e non so para os poderes públicos. Xa que, se confiamos so na súa responsabilidade para sobre ela, corre o risco de se por en perigo. A xuventude no seu conxunto debemos ser conscientes da necesidade de recuperar, asentar e interiorizar a lingua galega, de levar a cabo unha resistencia da que Galiza é máis que experta, tras anos e anos de agresión externas e internas, a calquera imposición que signifique relegar o galego a un segundo plano, e recuperar a carga emocional que simboliza compartir unha cultura propia, unha cultura abandeirada pola lingua.
Por ende, faise necesario un desafío para un problema de carácter político para a Galiza do século XXI: a nosa cultura só poderá sobrevivir no escenario da globalización se se expresa en galego porque o idioma foi o único elemento do universo simbólico constituínte da nosa identidade que consegiu sobrevivir ata hoxe.
Un comentario en “Relato Con Lingua”