BELARÚS, A REVOLUCIÓN AÍNDA NON REMATOU

Por pantanos e bosques quen camiñan por alá? Quen son os que por aí van?

– Bielorrusos.

 Que é o que levan sobre os seus ombreiros débiles e coas súas mans leves?

– A inxustiza.

Cara a que lugares marchan para levala? E a quen van mostrala?

– Ao mundo enteiro.

Yanka Kupala

A simboloxía daquel outubro que estremeceu ao mundo segue presente hoxe nun país que busca retomar o seu  propio carácter nacional

Texto e fotografía: Miriam González


A nova república de Belarús, a Rusia Branca, é unha mostra viva do poder ideolóxico e propagandístico do bolchevismo ruso. Máis de cen anos despois do triunfo da revolución bolchevique de 1917,  o goberno de Alexandr Lukashenko continúa apostando polo mantemento duns símbolos que o vinculan co  pasado soviético e inevitablemente ca Federación Rusa.

Non son só as estatuas, as conmemoracións do 7 de novembro (día da revolución bolchevique segundo o noso calendario), e as celebracións da Vitoria de 1945 o legado soviético que a República de Belarús herdou. Una economía planificada, o control dos medios de comunicación, a exigua tolerancia contra os que se opoñen ao actual executivo e o mantemento da pena de morte, son rasgos que evocan unha cultura política levada a cabo polo  partido de novo tipo ideado por Vladimir Ilich “Lenin”.

A pesar das mostras evidentes de orgullo polo pasado soviético, na actualidade, a política de Lukashenko móvese no continuo balanceo leste-oeste. O gas e o petróleo que a veciña Rusia lle suministra a prezo rebaixado a cambio dunha maior influencia no territorio bielorruso mixturase cas esixencias de Bruselas para que goberno de Minsk asimile certos estándares das democracias occidentais.

Lukashenko, polo momento parece controlar a situación facendo que estas debilidades pasen desapercibidas en favor dunha proxección internacional coa que trata de mostrarse ao mundo como un árbitro pacífico no actual conflito frío que a Federación Rusa e Ucraína manteñen e que vincula tanto á Unión Europea como á Casa Branca. As boas relacións ca República Popular de China parecen sela aposta exterior máis forte do goberno de Lukasenko.

Pero mentres a política internacional segue o seu curso, a sociedade bielorrusa mira constantemente cara o exterior e os xoves habitantes de Minsk cuestionan a Historia oficial promovida polo goberno, o estado crítico da súa lingua, o bielorruso, e a falta de liberdade nunha sociedade que quere mostrar ao mundo a existencia dunha nova xeración orgullosa do seu país, da súas propias tradicións e que pretende mirar ao futuro para conformar una idiosincrasia propia como república independente.

Sexan benvidas e benvidos á República de Belarús.

Imaxe I
Unha titánica estatua de Lenin preside a Praza da Independencia de Minsk. Minsk 2017. fotog.Miriam González

Todo en Minsk é amplo, unha gran avenida principal de máis de 15 kilómetros percorre unha cidade con tres puntos centrais, a Praza da Vitoria, a estación de metro de Outubro e a Praza de Lenin. Esta última ubicación foi o punto culminante da primeira manifestación que tivo lugar en febreiro de 2017 contra un decreto presidencial que pretendía aumentar o imposto que teñen que pagar todas aquelas persoas que están desempregadas ou non cumpren o cupo de días traballados por ano. É unha praza curiosa, a xigantesca estatua de Lenin está situada a escasos metros dunha igrexa católica polaca.

Imaxe 2
Estudantes Universitarios no Servizo Militar camiñan cara o metro.Minsk 2017. fotog. Miriam González

Unha das cousas que máis chaman a atención en Minsk é a gran cantidade de homes, tamén algunhas mulleres, uniformados e uniformadas polas prazas, os parques, no metro e ata nos supermercados. A presenza da simboloxía militar é una das principais características da sociedade bielorrusa, sempre patrocinada polo goberno. O desfile de uniformes, cun deseño non moi distante daquelas vellas películas da Guerra Fría, convive cos outfits máis alternativos, propios de calquera capital “occidental”.

imaxe 3
Busto de Lenin na rúa de Octubro. Minsk 2017. fotog.Miriam González

Aquí Lenin continúa mirando o paso do tempo rodeado de inmensos grafites. Este lugar é un punto de encontro para os novos artistas, fotógrafos, actores, poetas e deseñadores que xa traspasaron a herdanza do pasado bolchevique. En Belarús a arte e a cultura gozan dun gran respeto. As novas xeracións fálanlle ao mundo cunha lingua propia afastada da sobriedade institucional enlazando ca tradición artística sempre presente no espazo postsoviético.

Imaxe 4
Iván Ivánovich veterano de Afganistán. Minsk 2017/fotog. Miriam González

A súa imaxe non é a que solemos asimilar cos veteranos de guerra. Ivan é un cidadán ruso que vive en Belarús, dixo que se mudara xa que a vida era menos cara que en Rusia. Iván sente agradecemento por Lukashenko, mostroume orgulloso as cartillas de xubilado que lle permiten viaxar gratis no transporte público, aínda que non en taxi, bromeaba. Cando o longo inverno deixa de ser tan duro, saca a súa guitarra e ameniza as tardes a todos os que pasean polo centro de Minsk. Na despedida prometeume aprender uns acordes de Paco de Lucía a través de Youtube.

Imaxe 5
A Vitoria eterna. Minsk 2017/fotog.Miriam González

Distante ao bullicio e aos cánticos, rodeaba o monumento da Vitoria con caraveis vermellos o pasado 9 de maio. Non quere falar con ninguén pero é unha muller habitual en todas estas celebracións.

A Segunda Guerra Mundial ten un significado especial aquí. “A Gran Guerra Patriótica” levouse con ela a máis de tres millóns de bielorrusos e bielorrusas, a invasión alemá arrasou máis do setenta por cento de Minsk e cada 9 de maio, os poucos veteranos que aínda quedan, e os familares dos que morreron concéntranse para rendir honores a todos os que loitaron contra o nazismo e liberaron Europa.

Imaxe 6
A Vitoria eterna.Celebración do 9 de maio de 2017. Minsk 2017. fotog.Miriam González

O obelisco da Vitoria é un lugar obrigado para calquera persoa que visite Minsk. Este monumento está especialmente concurrido o día da Vitoria e o día da República (3 de xulio). Mantén os vellos símbolos de outubro dunha maneira austera,  cun lume perpetuo aos seus pés que recorda a todos os soldados descoñecidos.

Imaxe 7
A Vitoria eterna. Minsk 2017. fotog.Miriam González

No medio  da  celebración  da Vitoria  destaca  o  bigote  do  xeorxiano  Iósif Vissariónovich Dzhugashvil “Stalin”. Aínda que había persoas que miraban con xesto extraño, pasou desapercibido; a famosa campaña de “desestalinización” que Khruchev iniciou a mediados dos cincuenta aínda non logrou de todo os resultados esperados.

Imaxe 8
Antigos membros do Partido Comunista de Belarús. Minsk 2017. fotog.Miriam González

A banda de San Xurxo, a bandeira bielorrusa, os camaradas Lenin e Stalin e o retrato do seu pai. Eles seguen pensando que antes, na Unión Soviética, a realidade era máis amable.

Imaxe 9
As novas xeracións. Minsk 2017. fotog.Miriam González

O pasado permanece, a Vitoria do Exército Roxo na Gran Guerra Patria seguirase conmemorando, pero os xestos cambiaron, a pesar da estoica pose, hai momentos para sorrir.

Imaxe 10
Os maniquís tamén se engalanan para a celebración da Vitoria. Minsk 2017. fotog. Miriam González

O Shum e o Gum eran os grandes centros comerciais da época soviética que aínda hoxe reciben clientes. Para conmemorar o 9 de maio adornan a súas propostas téxtiles cos lazos que celebran a derrota nazi.

 

 

 

Pablo Núñez: «A novela histórica vén de séculos atrás, e veu para quedar moito tempo»

O escritor lucense presenta súa nova obra Juego de Reinas

Autor: David Sabucedo

Fotografía: David Nóvoa


O pasado ano 2017 deixounos o regreso do escritor Pablo Núñez ca súa última novela Juego de Reinas. O autor lucense volve ás súas orixes literarias cunha obra ambientada na antiga Gallaecia e no mundo celta prerromano. Unha viaxe que nos levará dende a Torre de Breogán a Stonehenge, pasando pola verde illa de Irlanda ata as Terras Altas da actual Escocia. O lector seguirá as aventuras de dúas irmás, ás que un destino tráxico separou sendo nenas, cando seu pai, o rei de Erin, é destronado e ten que partir ó exilio, a terras galaicas. Unha delas, Elvia, seguirá ó seu proxenitor mentres que a outra, Wen, permanecerá cativa en poder do destrutor da súa familia. Son tempos de guerra, traizón, paixóns e ámbalas dúas irmás estarán destinadas a atoparse e ser protagonistas dos acontecementos que farán tremer ás nacións celtas.

Acudimos á presentación da obra na cidade de Ourense, no café El Cercano, onde ó remate do acto tivemos ocasión de falar co autor:

David Nóvoa Sequeiros
«Pablo Núñez durante o acto»            fotog.David Nóvoa

Que van atopar os lectores en Juego de Reinas?

Moita aventura. A min coma escritor, e coma lector, gústame moito o xénero que antes coñeciamos coma novela de aventuras. O que lle propoño ós lectores é unha aventura nunha cultura coma é a celta, que ten unha evidente relación con Galicia, Irlanda, Gran Bretaña, a Illa de Man ou parte da Bretaña francesa, o que coñecemos polas nacións celtas. Este vai ser o escenario de Juego de Reinas.

Cales son as fontes das que bebiches para elaborar esta novela?

En Galicia é complicado atopar fontes da época. Temos moitos restos pero moi pouquiña documentación histórica. Si posuímos algo moi rico para un escritor como son as lendas, por poñerche un exemplo rápido, a da Torre de Breogán e a dos fillos e netos deste heroe, que a historia irlandesa conta dende o seu punto de vista, pero cunha coincidencia case absoluta. O que para nós é lenda, en Irlanda é parte da súa historia, coma se reflexa no Libros das Invasións.

«O qué en Galicia é lenda en Irlanda é parte da súa historia»

Para un escritor de novela histórica, a ausencia de fontes escritas sobre o período do que se quere escribir é unha vantaxe ou desvantaxe?

É unha vantaxe porque dáche a liberdade para crear as personaxes e o que ti queres transmitir ó lector, sen ter que circunscribirte a unha data ou un lugar concreto. A diferencia é que non tes os nomes dos lugares ou un relato de feitos acreditados dende hai xeracións, coma ocorre co Imperio Romano ou civilizacións máis recentes. Eu preferiría ter eses datos, e que todos puidésemos coñecer o nome de tódolos castros que hai en Galicia. Poucos nomes dos centos de poboacións castrexas que hai en Galicia chegaron a nós, aínda que xa romanizados, mais non coñecemos quen vivía neses lugares nin a historia das personaxes, a xente real, que os habitaba.

David Nóvoa Sequeiros
«O autor presenta Juego de Reinas» fotog. David Nóvoa

 

Antes de publicar Juego de Reinas estiveches a piques de “tiralas armas ó río”, é dicir, de deixalo mundo da escritura. Que ocorreu?

Foi por mor da realidade que temos agora mesmo, tanto no mundo literario coma nos outros aspectos da vida. Nos últimos dez anos cambiaron moitas cousas no eido editorial, moitos libreiros, editoriais e imprentas tiveron que pechar e as oportunidades para un escritor son menos. Foime difícil, a diferencia das outras dúas novelas, atopar quen levase a cabo esta publicación. Ese cúmulo de circunstancias foi alargando o tempo de escritura  e desanimándome. Cando antes sen rematala novela era relativamente doado atopar algún interesado en publicala (frutifícase despois o interese ou non), agora as posibilidades son moi reducidas. Moitos escritores tiveron que facer o que eu case fago, abandonar e “tiralas armas ó río”.

Cales son os teus referentes coma escritor?

Coma dixen antes moitos escritores de novela de aventura: Jules Verne, Emilio Salgari, Dafoe, Alexander Dumas, etc. Moitos nenos da miña xeración medraron cas obras destes autores, que penso que son universais e seguen estando de moda. Tamén me gusta o thriller, leo ensaio, poesía, neste eido tamén teño feito algo. Quizais os que máis me influíron e me levaron a escribir foron os autores de novela de aventura da miña nenez.

En 2006 quedaches entre os dez finalistas do Premio Planeta ca túa primeira novela Las Hijas del César, obra que tivo gran acollida e que xa vai polas seis edicións. Como foi para un escritor novel acadar este éxito?

A novela foi finalista en 2006 e foi publicada en 2008. Non puiden gañar, pero dende logo chegar a esa final ábreche moitas portas. O meu nome empeza a ser coñecido no mundo literario (xa que non empreguei pseudónimo), o nome de alguén que non escribira nunca. Entras nun mundo que para min era descoñecido. Significou todo, xa que me abriu camiño nas editoriais (xa intentara presentar a novela antes e non o conseguira); coñeces a figura dos axentes literarios, que me era descoñecida; tes contacto con outros escritores e  a través disto xorden as primeiras entrevistas, e os mesmos xornalistas poñíante en contacto con outros autores. Axudoume a coñecer e comezar un oficio que eu só coñecía dende o punto do lector. Como é ser escritor.

Nestes tempos pódese vivir da escritura?

É moi complicado pero pódese, de feito hai exemplos. Como dicía antes, nestes anos diminuíu o número de escritores e tamén o número deles que poden dedicarse en exclusiva a elo, pero en España hainos e son coñecidos por todos. En Galicia temos un bo exemplo en Manel Loureiro (que ademais é amigo). El era avogado e exercía como tal, pero abandonou a súa carreira para dedicarse a literatura coma profesión. Pódese vivir dela pero as posibilidades redúcense porque a competencia, aínda que menos, é moito máis feroz.

David Nóvoa Sequeiros
«Sinatura de exemplares a fin do acto» fotog. David Nóvoa

Nos últimos anos vemos que a ficción, xa sexa na literatura ou no audiovisual, vive moito de burbullas temáticas. Existe unha burbulla ca novela histórica?

Non, a histórica leva xa moitísimos anos, é un xénero que vén desde hai séculos e veu para quedar moito tempo.  Vemos que o seu reflexo no mundo audiovisual está atraendo moito, temos series de televisión coma Vikingos, The Last Kingdom ou Roma fai unha década; fanse secuelas de clásicos coma Ben Ur ou Yo Claudio, todas elas baséanse en novelas que se poden considerar novela histórica.

Tamén fas poesía, e tes gañado algún premio neste eido literario. Que che gusta máis escribir novela ou poesía? E cal dos dous é máis complicado?

Para min complicados son os dous. O que trato de transmitir é o que me gusta ler, o que me gusta ler é o que me gusta escribir. A poesía para min é máis íntimo e persoal, escríboa en galego, gústame moito, pero de momento máis coma lector. A poesía é máis un amor e a novela un gusto. Eu respecto moito o traballo do poeta, que ás veces é moi pouco recoñecido. Son escritores que loitan contra unha competencia editorial moi dura e o que transmiten é algo dunha gran fermosura. Merece moito a pena coñecer a poesía dende as primeiras lecturas da nenez.

«Para min a poesía é máis un amor e a novela é un gusto»

Para rematar, estas traballando xa na próxima novela?

Ando inmerso na promoción de Juego de Reinas, pero hai que traballar xa no seguinte. Esta última vez estiven a piques de renderme porque pasou demasiado tempo, e agora atopei tódalas pezas para estar motivado: un editor que aposta por min, lectores que a pesar do tempo aínda se lembran de ti, valoran o que fas e recoñecen que vas dando pasiños cara adiante, escoitando sempre as críticas xa sexa favorables ou desfavorables. Agora estou traballando en varios proxectos e centrado nun especialmente. Esta parte celta que agora volveu outra vez a miña escritura e que gustou ó lector e á crítica, vai ter importancia nas obras futuras.

Para saber máis:

Pablo Núnez (web oficial)