Archivo de la etiqueta: Fútbol Gaélico

Xornada redonda para o Auriense F.G Campus da Auga

Vitoria dos equipos feminino e masculino en Vigo e Ourense.

Baixo o radiante sol que nos acompañou onte en toda Galicia, os equipos de Fútbol Gaélico da cidade tamén brillaron sobre o campo, tanto as rapazas á mañá en Vigo, coma os rapaces pola tarde na casa.

Auriense F.G feminino

O primeiro encontro de onte desputábano as rapazas máis ben cedo, ao fío das 10:00 da mañá no Campo Federativo de Coia. O equipo feminino do Auriense logrou o desquite contra o Keltoi. Un partido axustado que rematou con 10 puntos (1-7) para o equipo olívico, fronte aos 16 puntos (0-16) que acadaron as rapazas do Auriense F.G.

Estes son os resultados dos dous encontros da xornada

Auriense F.G masculino

Pola súa banda os rapaces xogábanse as súas opcións na liga contra o Estrela Gaels de Santiago de Compostela, mais non defraudaron e demostraron que pretenden loitar ata as últimas polo título de campións. O Auriense F.G abriu o marcador e tras acadar con rapidez a vantaxe sobre o Estrela Gaels, sentenciaba a súa distanza durante a segunda metade. O encontro rematou con 42 puntos (10-12) para o equipo local e 14 puntos (2-8) para os de Santiago.

Resto de resultados da xornada

Clasificación da liga galega

Clasificación Liga Galega de Fútbol Gaélico, fin de semana do 23 e 24 de febreiro de 2019

Crónica Fútbol Gaélico

Xornada 12 do masculino e 9 do feminino correspondentes os días 19 e 20 de xaneiro

Autor: Roberto Nespereira Pereira


A competición regresou este domingo ao campo da Universidade de Ourense co partido entre os equipos masculino e feminino do Auriense F.G. e o Keltoi GAC de Vigo.

As 16.30 comezaba o encontro entre os equipos masculinos. Na primeira parte o Auriense adiantábase no marcador para dar paso a unha segunda parte moi axustada onde o Keltoi adiantouse ao equipo local para rematar cun empate entre os dous a 20 puntos, con 3 goles do Auriense e 1 do Keltoi.

No caso das rapazas o Auriense tiña por diante un partido máis complicado do habitual xa que xogaban cun só recambio. Aínda así o Auriense aguantou estoico na primeira parte para ser finalmente traspasado durante a segunda parte polo Keltoi que marchaba para a casa cunha victoria de 23 puntos fronte aos 17 que anotou o Auriense con dous goles de cada equipo.

Aquí tendes os resultados de tódolos equipos galegos na xornada desta fin de semana.

E así está a clasificación neste comezo de ano.

O próximo sábado 26 de xaneiro o Auriense trasládase ata a Illa de Arousa para xogar contra o Dorna no Campo da Bouza. Esperámosvos o luns co resultado dos nosos equipos.

Tamén se desputarán encontros en Compostela (Estrela Gaels vs Herdeiros de Dhais e Estrela Vermelha vs Mecos), A Coruña (Fillos de Breogán vs Braithreachas), Gondomar (Turonia vs Ártabros) e Cambados (Cambados vs Irmandinhos).

Os horarios e lugar dos encontros actulizaranse na páxina oficial de Gaélico Galego ao longo desta semana.

Esperámosvos o próximo luns con máis gaélico. Aú, aú, aú!