Venres, 15 de abril, oito da tarde. No edificio Marcos Valcárcel tivo lugar unha conferencia organizada pola fundación Amigos da República de Ourense ao cargo de David Simón, médico e investigador na historia da medicina, e titulada “Da Praza Maior de Ourense ao campo de concentración nazi de Drancy (París) e ao exilio: Os dentistas Dainow Dicker e familia”.
Nesta, o conferenciante contará a vida dalgunhas familias que sufriron a represión nos anos posteriores a República, dende a Guerra Civil en diante, en concreto a familia dos Dicker Dainow. Coñecemos que estas familias eran importantes porque aparecen referenciados en caricaturas ou en libros posteriores como pode ser “Los médicos republicanos en la URSS” de Miguel Marco Igual.
Marie Dicker e Wulf Dainow aséntanse na cidade de Ourense coa apertura de clínicas, aínda que a súa historia xa comeza algo atrás, xa que ambos estudarán en Xenebra por ser un lugar con ambiente liberal, constatado pola gran presenza de estudantes femininas e xentes de diversos grupos políticos.
Pola súa parte, Nina Dicker, irmá de Marie Dicker, terá un papel importante na historia da súa familia; casará de primeira vez con Manuel Dainow, que falecerá en 1922, e será editora da revista Burevestnik. Máis adiante, terá segundas nupcias con Boris Tchlenoff no ano 1939. James Dicker, irmán desta, chega a Xenebra no ano 1906, lugar no que terá importancia debido a que chegará a ser un dirixente do Partido Socialista de Xenebra.
Marie Dicker aséntase en Ourense e formarán parte da competencia con outros dentistas daquel tempo como pode ser Pedro García del Villar, e chegarán a expandirse coa apertura de clínicas en Celanova ou Ribadavia. Xa asentados, comezan a participar de forma activa na cultura da cidade, patrocinando libros de poesía como o de Xavier Bóveda «Epistolario romántico y espiritual. Rosario lírico y otros poemas” de 1917, o cal lle dedica a Eva Dainow, integrante da familia, e que casará con Roberto Tizón Aguiar, outro membro importante da cidade.
Participarán activamente no ambiente cultural ourensán, apoiando periódicos, promovendo bailes no Liceo ou en homenaxes a persoeiros coma Marcelo Macías en 1916 ou Basilio Álvarez en 1928.
Pero ca guerra as cousas cambiarían; nestes anos máis de 160 médicos serían represaliados. O Colexio de Odontólogos, que fóra constituído no ano 1930, adhírese ao movemento, e procédese á incautación de todo tipo de materiais sanitarios que se enviarán aos hospitais militares do momento, como o de Bellavista en Vigo ou o de San Caetano. A título persoal, estes persoeiros veranse afectados pola incautación de bens, a inhabilitación ou en algúns casos, ao fusilamento.
Os Dainow Dicker, pola súa parte marchan a París, onde permanecerán desde 1939 a 1943, coa desgraza de que alí son capturados pola guerra, e internados no ano 1942 no campo de concentración do Velódromo de Drancy. Neste punto entrará Bernardo Rolland de Miota, que foi Cónsul Xeral de España en París entre 1939 e 1943, que tentará axudar aos represaliados polos nazis, e que axudará a esta familia a fuxir do campo de Drancy nun convoi que chegaría a Irún.
Chegados a este punto, cada protagonista de esta historia ten un final diferente: Marie Dicker morre ao chegar a fronteira. Miguel Dainow acaba en Cádiz, estuda a carreira de Medicina en Madrid. Volodia Dainow e Eva Dainow serán enviadas a un campo de refuxiados en Casablanca para ser posteriormente remitidas a Arxelia. Unha vez marchan, voltarán a París onde Volodia Dainow morrerá en torno a 1960.

O que se intenta nesta conferencia non é soamente centrarse en individualismos e mostrar a cara de estes persoeiros que sen dúbida tiveron unha vida importante, se non que, tenta mostrar con exemplos a vida de moitas persoas que loitaron por manter os seus pensamentos ao longo da súa vida sen importar os seus devenires e que o mantiveron ata o momento da súa morte.
Os actos da Fundación Amigos da República, non finalizou nesta conferencia, xa que nesa mesma noite, tivo lugar unha cea no LICEO. Máis tarde, o domingo día 17, as doce da maña tivo lugar no Cemiterio de San Francisco unha ofrenda floral aos republicanos fusilados, co que se puxo fin aos actos deste ano 2016.
Daniel Luís Otero