Emilio Rúa: «O home sempre tenro para o amor».

O pasado xoves 15 de setembro, tivo lugar un acontecemento especial no contexto do Liceo, despois de ter que desenrolarse o evento nese contexto por mor do risco de choiva, que ía ter lugar na Praza San Martiño. Emilio Rúa, na compañía da cantante Rosa Cedrón e o pianista Miguel Arthus, ofreceu un concerto con certo aire intimista ós presentes.

img_9047
Miguel Arthus (esquerda), Rosa Cedrón e Emilio Rúa (dereita).

Emilio é un home que a pesares da súa xuventude leva xa unha longa andaina no mundo da música, pois dende os sete anos se vinculou a esta a través da súa familia. No ano 2000 sae o seu primeiro disco de estudio á venda, que tivo unha distribución aceptable, chegando a grandes áreas comerciais, e dende aquelas xa leva seis no mercado.

Nun principio, Miguel Ríos foi un músico que o impactou, e o intento de asimilación pasou pola súa mente, mais ó descubrir figuras como a de Bob Dylan, coa súa guitarra e a súa harmónica contando historias, decidiu dar un xiro cara este xénero, despois de pasar unha guitarra polas súas mans e indagar sobre o instrumento. Antonio Vega e Carlos Goñi serían outros referentes máis hispanos na súa singladura.

img_9121
David Conde e Emilio Rúa durante a entrevista no Liceo.

A definición do que se enmarca no seu estilo, o cantautor, é relatada por Emilio como alguén que non necesariamente ten que reivindicar cuestións políticas, imaxe que se asociou durante moitos anos a este xénero en España, debido ó contexto histórico que nos tocou vivir. Neste sentido defende a apertura da temática da canción de autor, falando, necesariamente, de temas como o amor, xa que parte do feito de que el non é unha personaxe política, aínda que si teña interese pola política. Valora as cousas máis sinxelas e cotiás como máis importantes que a propia política en si.

img_9124

Comentamos tamén o que significaba o artista, a complicación que estribaba no feito de intentar ser coherente co que se cantaba cando se profundizaba en temáticas complexas, defendendo a idea de que quen se sube a un escenario ten que ser igual arriba que abaixo, non sufrir unha transformación a segundo onde se atopase. Fermosa reflexión que fai cando fai referencia ás cancións de amor, nas que di que “cunha canción de amor podes conquistar a unha persoa ou ó mundo enteiro, e ó final aqueles que cantaron ás cousas máis sinxelas son os máis grandes.” Defende que o importante realmente para prosperar é empatizar, algo que a día de hoxe non está patente na sociedade.

Cando el comezaba a súa andadura, existían eventos nos cales a figura do cantautor tiña un peso e un recoñecemento, cousa que propinaba visibilidade a todos aqueles que andaban coa teima de transmitir a través da música. Naqueles tempos, a lingua que empregaba era o galego, ó igual que hoxe o sigue sendo maioritariamente.

Chegados a este punto intentamos debullar se o feito de cantar en galego significaba unha tara para poder abarcar outros mercados, pero a idea que expresou foi que o problema non era utilizar o galego para cantar, senón que realmente non existía unha industria que implicase un empuxe, e puxo como exemplo que, con seis discos no mercado, como xa comentamos enriba, o seu ámbito de traballo xeográfico era reducido, xa que os circuítos estaban pechados ó estipulado por aqueles que contaban con “posibles” para poder estar en radios e demais medios de difusión. Non renega de cantar en castelán, xa que é unha lingua que coñece, e afirma que se dominase inglés tamén se plantexaría o feito de empregala, pois cantas máis linguas se abarquen, mellor.

img_9132
Emilio Rúa, Rosa Cedrón e David Conde.

Despois de percorrer mil escenarios diferentes, a figura de Emilio Rúa proxéctase cara a idea de seguir loitando por medrar artisticamente, cousa que quedou patente na conversa que mantivemos con el. Calquera avance, por pequeno que sexa, suporá un aliciente, e agarda que quen se sume o carro de seguir a súa figura no futuro, sexa dende a honestidade e a comprensión da sensibilidade que aporta como artista. Cabería citar aquí unha frase final como despedida de artigo, que se escoitou fai moitos anos na televisión, mudando simplemente o nome do cantante: “Emilio Rúa; o home sempre tenro para o amor.” Se así llo dixeramos en persoa, quizais tamén soltase o que aquel naquel tempo, que dicía tal que “voltamos ás películas. A tenrura no amor eu creo que se di nas cancións e nos libros, pero o amor ten que ter un punto importante de disparate.” Puido ser unha conversa/entrevista máis longa, pero o tempo apremaba, máis confiamos en ter unha segunda oportunidade para debullar máis polo miúdo, quizais, proxectos máis concretos que este artista nos poida plantexar.

Redacción: David Conde Seoane

Fotografía: Andrea Pérez Justo

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.