Que carallo é o dádá? Pois poderíavos dicir que canto menos saibades, máis preto estaredes de sabelo. Pode ser que o primeiro dadaísta fose Sócrates, o maior sabio da Historia que o único que sabía era que había que desaprender? En certa forma, o dadaísmo tamén é un exercicio que invita a desaprender. Desaprender ás veces é útil para aprender a aprender, que é o importante, verdadeiramente, moito máis co que se aprende.

Dicían que o termo “dádá” facía referencia as verbas que di un bebé antes de saber falar. E isto vennos perfecto para o caso, porque un bebé non ten outra cousa que facer máis que aprender. Cecáis a vida non sexa o que pensamos, cecáis non haxa un coñecemento divino que se poida chegar a posuír e que nos faga os seres máis poderosos do mundo, ou, polo menos, das nosas vidas. Cecáis a cousa vaia de aprender porque si, e que os coñecementos sómente estean aí pola oportunidade de pasalo ben aprendendo. Seguro que xa non o recordades; como vos sentiades cando aprendiades. Porque iso co tempo pérdese. Esquécese. Poder ser que pensemos que canto máis se sabe menos fai falla ter unha actitude de espreita, disposta. Pero a verdade na que eu creo é que cando tes 80 anos e xa non tes nada máis que agardar da vida, es afortunado se descobres que a vida aínda ten moito que ensinarnos teñamos a idade que teñamos. Dá-dá, ou a arte, a creatividade, o valor ou o divertimento, a esperanza ou a ilusión, ou inclusive a beleza e o caos, non son só cousa da xuventude. A vida sempre é unha oportunidadade para aprender cousas novas.


O 4 de novembro celebrouse no Café “El Cercano”, en Ourense, un aniversario do Cabaré Voltaire, unha vez fundado en Zúrich no ano 1916. Esta tolería, ou chafallada como moi cariñosamente lle chamaron os amigos de El Cercano, tiña azos dunha auténtica revolución, e non só artística, aínda que o dadaísmo estea considerado o movemento que deu orixe ás vangardas do século XX. O dadísmo tiña o espírito do cambio, a vontade de ruptura, a gañas de dicir “xa abonda” (ou xa comeza!)”. Todo cambio sempre é unha evolución, ou por dicilo dunha maneira menos rancia: un paso cara adiante. Niso consiste a cousa. As vangardas, como a maioría das grandes armas do cambio, xurdiron nun momento de crise, nun momento no que había que romper co inmobilismo causado polo medo. Romper co medo, iso sempre é boa cousa.
Podería atufarvos con informacións obxectivas, como que o Cabaré Voltaire era en realidade un refuxio de artistas e intelectuais que fuxían da Primeira Guerra Mundial (Zúrich era a cidade neutral en Europa), que podía considerarse o eslógan da clase obreira pola súa oposición á arte burguesa… Podería inclusive explicarvos paso por paso cómo se fai un poema dadá. Pero prefiro non facelo. Para iso está a Wikipedia. Calquera enciclopedia ou volume académico podería ser un perfecto exemplo do que NON é dádá. Eles mesmos (os dadaístas) preferiron definir o dadá como a antiarte. Ímoslle pois chamar Cousa… ou Chafallada.
E se algún aínda se está a preguntar que carallo é o dadaísmo, foi necesario ter ido a El Cercano ese día para comprendelo mellor, pois o bo das cousas boas é que sexa necesario vivilas no propio corpo para coñecelas. Agora xa perdestes a oportunidade. Pero se polo mínimo conseguín plantar en vós a dúbida, ou as gañas de aprender, entón xa me podo dar por satisfeita.
Redacción: Nuria Sánchez Álvarez
Fotografía: Andrea Pérez Justo
Iago Rodríguez Cortón (Imaxe principal)