“Más se perdió en Cuba”
(Dito tradicional español)
En 1895 Ángel María, un mozo lucense, traballa coma panadeiro en Madrid. Leva preto de cinco anos vivindo na casa da súa irmá Justina. Coma tantos outros galegos deixara a súa aldea natal na procura dunha vida mellor.
Por aquel entón na capital do reino non se falaba de outra cousa, Cuba, a perla da Coroa española. Na illa estourara unha nova rebelión independentista, e esta vez un incómodo veciño estaba detrás dos insurrectos. Os yankis puxeran seus ollos na colonia. A reacción en España ante a que parecía unha inminente guerra entre ámbolos dous países foi un exacerbado nacionalismo: Onde van nese país de tendeiros e comerciantes! Se nin tan sequera teñen traxes cos que vestir ós seus soldados! Eran algunhas das expresións máis escoitadas nos “faladoiros da feira” cando se trataba dos estadounidenses.

O goberno español tiña claro que debía darlles autonomía aos cubanos, era a única forma de manter a posesión da illa, mais non tiñan claro os dous grandes partidos como debían actuar: darlle primeiro a autonomía para parar o conflito armado? Ou parar a rebelión primeiro e logo dar o autogoberno? As primeiras tentativas de acadar un acordo mediante o outorgamento de máis liberdade á colonia foron un fracaso, España non comprendía que a independencia era xa imparable. A revolución estendeuse por toda Cuba e chegaba ás portas da Habana. A situación fixo que o presidente liberal Sagasta dimitira, sendo substituído no cargo polo conservador Cánovas. A política deste respecto a colonia era máis belixerante, alá enviou ao xeneral Weyler, cunha nova remesa de recrutas.
Aquela guerra foron enviados 20000 soldados, mozos de ascendencia humilde que non tiñan cartos para librarse do servizo. Ángel quedou exento das quintas, mais o pouco rendemento económico que sacaba do traballo da panadería (e doutros choios menores que collía para complementar o salario) fixo que aceptara ir á fronte en troques dun rapaz de Ferrol, o cal pagáralle 1600 pesetas para que fora por el ao exército. Así foi coma Ángel partiu cara a guerra de Cuba, enrolado na Sexta Compaña de Isabel II. Dos miles de mozos que fixeron aquela viaxe 50000 non volverían a ver nin súa casa nin a seus seres queridos.
América para os americanos.
Cuba era unha vella obsesión dos EEUU. Primeiro tentáranse facer con ela mediante un acordo económico, ofrecéndolle a España 300 millóns de dólares pola venda da illa, oferta que o goberno español rexeitou. Ante esta negativa o goberno estadounidense pasou a un método de presión máis agresivo, e comezou a apoiar abertamente ós independentistas cubanos; en chan norteamericano refuxiáronse líderes revolucionarios coma José Martí, e dende alí partiron cara a insua caribeña en 1895. Todo este interese dos yankis pola illa obedecía á práctica da Doctrina Monroe, que se resumía na coñecida frase de “América para os americanos”, e España non deixaba de ser unha potencia estranxeira que tiña terras ás portas dos Estados Unidos.

Os métodos empregados por Weyler foron efectivos e deron atallado á revolución, desprazando ós rebeldes cara o oriente da illa, a zona máis pobre; mais practicas coma a concentración da poboación rural en campos de concentración (valla a redundancia) trouxo unha grande mortaldade entre os campesiños por mor de enfermidades e mal nutrición. Isto foi aproveitado pola opinión pública norteamericana para tachar a Weyler de salvaxe e denunciar os crimes dos españois na illa. A prensa máis sensacionalista instou o goberno federal a intervir (sónavos iso de que os americanos son a policía do mundo, aquí comezou todo). Isto fixo que o novo presidente español, Sagasta (Cánovas morrera asasinado), destitúa ao xeneral e concédalle a autonomía á colonia. Pero xa era tarde, en xaneiro de 1898 o acoirazado Maine chega ao porto da Habana para “defender ós intereses estadounidenses en Cuba”. A noite do 15 de febreiro dese ano o buque estoura no porto cubano, falecendo case 300 homes. As autoridade americanas culpan a España de minar o barco, e os españois culpan a unha avaria do mesmo. Pero o “accidente” serviu de pretexto para declarala guerra entre ámbolos dous países. A fachenda ca que España recibiu a nova só faría máis fonda a ferida que ía recibir. Aquí críase que o xoven país non era rival para un “imperio” tan antigo, máis a realidade non era así; os americanos levaban anos renovando a súa frota e armamento, mentres que España case mantiña unha frota de galeóns (é unha forma de falar).

Ó noso protagonista Ángel o choque bélico colleuno na colonia. Ata o de aquela non lle fora de todo mal, disque gañara algo de cartos xogando ás cartas contra os oficiais e aínda estaba con vida e enteiro, que nunha guerra non é pouco. Non sabemos en que batallas da guerra hispano-estadounidense combateu. A realidade é que os yankis venceron a España en dous enfrontamentos navais nas Filipinas e en Santiago de Cuba; facéndolle darse conta de que xa non era máis que unha potencia de antano, un reino sen imperio. En outubro de 1898 asínase en París un tratado de paz polo que España recoñece a independencia de Cuba e cede Puerto Rico e Filipinas aos EEUU. O mundo asiste na capital gala ó nacemento dunha nova potencia internacional. Os prisioneiros españois son repatriados á península, 150000 soldados volven á España, entre eles Ángel que chega á Coruña o nove de febreiro de 1899. Eses mozos son os auténticos perdedores da guerra, e os que non tiveron a sorte de volver foi o máis valioso que se perdeu en Cuba.
A Illa dos Asombros.
Tras chegar a Galicia Ángel regresa a súa aldea nas montañas de Lugo, mais non vai quedarse moito tempo, ten claro que vai facer. Colle o diñeiro da soldada e as 1600 pesetas que lle deran por alistarse e volve a Cuba. Xa tiña tomada esa decisión dende fai meses, quere vivir naquel paraíso caribeño o que chama “La Isla de los Asombros”.
O 4 de decembro de 1899 desembarca en La Habana. Tras pasar por varias localidades da illa e estar en varios traballos aséntase nas terras da Bahía de Nipe, onde o 28 de novembro de 1906 abre El Progreso, unha fonda típica galega. Alí casará cunha mestra e vivirá uns anos. Cos aforros da taberna inviste noutros negocios, coma a brigada que crea para limpar montes e convertelos en campos de azucre.

Co diñeiro gañado compra un eido de 300 hectáreas en Macanás, onde plantará azucre e construirá unha casa. Dicían que esa vivenda gardaba na construción lembranzas da súa terra galega, coma o feito de que tivera as cortes e cortellos dos animais no baixo da mesma; as mesmas vacas que criaba tiñan nomes galegos (Garrida, Toura, etc). El nunca deixou de mandarlle diñeiro os seus familiares en Galicia nin a un irmán seu en Arxentina. É posible que gardara desexos de volver un día a súa terra. Na casa de Macanás coñece a Lina, unha rapaza ca que se leva 26 anos, por ela deixa a súa muller, con ela terá ós seus fillos Fidel e Raúl.
Ángel María Castro Argiz foi un emigrante galego máis, un de tantos miles que marcharon alén do mar na procura dunha vida mellor, e cas súas luces e sombras conseguírona; tamén foi unha testemuña de “primeira fila” do despertar do Imperio yanki. El non cambiaría o mundo, para os americanos nin existía, pero como reza a placa da súa casa de Láncara en Lugo: “plantó árboles que aún florecen”.
David Sabucedo Cardero
Para saber máis:
–Gallegos Universales, Influencia de Galicia en el mundo. Ed. Hércules Ediciones, 2016.
-Imaxe principal: Agardando o veredicto, Puck (1898).