Parada de Amoeiro, un Entroido diferente

 

Todos coñecemos de sobra a festa do entroido, ou antroido e introido como se lle chama nalgunhas rexións. O arraigo desta festa en Galicia débese ó feito de que a pesar da súa prohibición na época da ditadura continuouse celebrando, pero con tradicións diferentes nas distintas localidades rurais da nosa comunidade; aínda que ben é certo que todas as celebracións de entroido caracterízanse por dous factores comúns: a vinculación ca gastronomía típica da época: cocido, orellas, bica, licores… e a participación da xente, tanto de cativos como adultos.

No tempo que dura a celebración do entroido os medios énchense de noticias e reportaxes sobre as localidades máis coñecidas pola súa tradición e festividade; xa que moitas delas foron declaradas de interese turístico nacional ou interese turístico de Galicia. Algunhas delas son Xinzo, Laza, Maceda, Verín…, pero non lle dan a importancia merecida o entroido doutros concellos menos coñecido, como é o caso de Parada de Amoeiro; que aínda que non goza dun traxe tradicional como as anteriores, posúe o mesmo espírito carnavaleiro ou máis.

carroza-amoeeiro
Carroza durante a preparación do Entroido de Amoeiro

A festividade neste concello non dura pouco, comeza o domingo pola maña cedo e remata o mércores ca queima do meco, aínda que o espírito xa ferve moito antes, xa que os participantes do desfile fan as súas propias carrozas para lucilas durante estes días e, se pode ser,  levarse o premio á mellor carroza.

De Domingo a Martes as carrozas dedícanse a desfilar polas diferentes aldeas do concello de Amoeiro, nas que contando coa xenerosidade da súa xente, gozan en cada unha delas dunha “mesa” coa comida e bebida típica da festividade, a que poden acceder, claro está, despois de bailar e troular o ritmo da charanga acompañante. Moitos anos o Luns incluso se chegaba a desfilar  noutros concellos como Maside ou Cea. Pero non remata aí a festa, non so é diúrna, senón que a noitiña pódese menear un o ritmo das orquestras encargadas de seguir caldeando o ambiente e animar os veciños que aínda non o estiveran. O Martes, o último dia de desfiles, faise a gran comida popular no campo da festa de Parada e  no descanso da orquestra repártense os diferentes premios as carrozas. Por último, o mércores de cinza, conclúe o Entroido ca queima do meco, normalmente a partir das 8 da tarde, na que os veciños din adeus a súa festa predilecta e xa teiman na do ano que ven.

Autora: Alba Losada García

Para saber máis:

Fotografía Principal: Martiño Pinal (La Región)

Fotografías do artigo: Imaxes cedidas polos organizadores e participantes do entroido de Amoeiro.

Un comentario en “Parada de Amoeiro, un Entroido diferente”

Deja un comentario

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.