O patrimonio galego á venda
Autor: Daniel Luis Otero
A semana pasada os medios de comunicación facíanse eco dunha noticia producindo a sorpresa, para algúns dos propios medios, así coma para unha gran parte da sociedade: a familia dos Franco (os netos neste caso) deciden por a venda o coñecido Pazo de Meirás. O motivo? Principalmente a familia alega unha falta de liquidez, polo cal os herdeiros da fortuna do ditador piden, nada menos, que oito millóns de euros polo inmoble máis o terreo ao seu redor, que entre xardíns, hortas, prados e demais suman ó redor de seis hectáreas de terreo.
Para os que non coñezan o Pazo tentaremos explicar brevemente a súa existencia:
O Pazo de Meirás foi construído a finais do século XIX sobre as ruínas dun edificio anterior que xa fora destruído durante a Guerra de Independencia; co paso do tempo, a propiedade do lugar foi a parar a unha coñecida escritora da nosa terra, Emilia Pardo Bazán. Trala súa morte en 1921 e posteriores falecementos dos seus herdeiros directos, acábase por tentar doar á Compañia de Xesús, pero por mor de unha serie de desacordos nas condicións remátase por non aceptar a doazón. É entón cando as autoridades franquistas do momento, no ano 1938, entran en acción; fan unha proposta de compra polo Pazo coa fin de doalo a Francisco Franco para que se instale nel co gallo de ter neste lugar unha residencia de verán, polo que se acorda un prezo de venda final dunhas 400.000 pesetas da época (diferentes arquivos acordan o prezo entre menos de 400.000 e 700.000). Pero non pensen, queridos lectores, que estes cartos van vir dos petos dos que serían denominados coma a “Xunta Provincial Pro Pazo do Caudillo”, non. Resulta que esta Xunta decide mercar as propiedades do Pazo e terreos próximos financiando o pago a base de descontar diñeiro das nóminas dos funcionarios do Concello da Coruña e da deputación Provincial, ademais de emitir bonos de aportación “voluntaria”. E como non, o entón xeneral das forzas sublevadas e posterior Caudillo de España non podía rexeitar tal mostra de gratitude pola salvación do país.

Utilizaría a familia de este o Pazo e as súas terras para o destino que se tiña previsto: pasar as vacacións de verán. Mais unha vez morto o ditador, non existiu unha cesión ou algún tipo de contacto polos seus herdeiros (naquel entón a súa muller), nin tampouco acercamento co paso dos anos; hoxe en día a pesares de ser declarado ben de interese cultural xa no ano 2008, dos problemas derivados entre Xunta e a Fundación Francisco Franco por non respectar as condicións de visitas que teñen a obriga de ofrecer (chegouse ao acordo de abrila catro veces ao mes, que veñen a ser todos os venres) e a presión de diferentes grupos para que se cedan as propiedades, os netos de Franco non parecen moi pola labor e, como comentabamos ao principio do texto, van a poñer á venda este lugar. Non teñen liquidez.
A primeira palabra está nas administracións
Antes de que os inversores ou interesados poidan ofrecer unha cantidade aos vendedores, a Lei de Patrimonio Galega recolle que a Administración Pública ten a súa disposición o coñecido coma “dereito de tanteo” polo cal tería preferencia sobre calquera comprador privado polo prezo acordado co vendedor. Aínda así, todo parece indicar que nin a Xunta nin o Concello de Sada estean pola labor do desembolso dos oito millóns de Euros que piden os herdeiros.
A fortuna dos Franco non remata no Pazo de Meirás
Pero ben é coñecido, sobre todo nos últimos anos, que os Franco non son persoas de clase media ou media/baixa. A partires da morte do ditador se especulou moito ca posible fortuna da súa familia; nos anos oitenta, calculouse que a fortuna da familia estaba ao redor dos catrocentos millóns de euros, que primeiro serían xestionados pola muller de Franco, Carmen Polo, despois, pola súa filla Carmen e trala súa morte, polos netos do Caudillo.

É que non podemos falar de feitos non esclarecidos na actualidade como puideron ser os millóns de pesetas que se di que moveron fóra do país, nin sequera das empresas dos que son donos na actualidade e que tantos beneficios dan a pesares da súa escasa facturación, pero si podemos falar dos moitos bens inmobles que a familia posúe a día de hoxe: Fincas rústicas que en calquera momento poden ser recalificadas como xa aconteceu fai máis dunha década en Madrid, terreos por todo o estado Español, un edificio no barrio de Salamanca, ou máis preto de nós, o Palacio de Cornide situado na Coruña, son algunhas das propiedades das que aínda desfrutan estes personaxes.
Futuro incerto
Como a noticia aínda é recente, non se sabe moi ben o que acontecerá co Pazo de Meirás finalmente, pero ante a negación dunha expropiación forzosa por parte das administracións durante todo este tempo e a negativa do presidente da Xunta á compra das propiedades en venda, todo parece indicar que a venta finalmente realizarase a algún comprador privado, o quen e o cando son respostas que soamente o futuro nos dirá.
Tamén vos pode interesar: