É o inimigo de todos, o único e derradeiro, ese home sen face nin corpo definido, cun ollar triste, con mañás infernais no medio da brétema. O inimigo de todos contempla o mundo dende o malecón, e o mar en calma coma o sangue morno que percorre as súas veas, só nese intre síntese á salvo…
… Porque o resto do tempo síntese observado, perseguido en silencio. Ninguén lle fala, mais ninguén lle deixa en paz, con olladas nocivas, con ese fedor de vila amarga, xulgado de garda en cada ollo cabrón para dicir que todo o que el respira está mal. O inimigo de todos, un nada, o todo contra el, por mal nacido, ou por nacer mal, sen estrela.
Soamente queda pensar por onde escapar, por onde podes sacar un puño e loitar, negarse a morrer ou entregarse á morte. O peso de toda unha vila sobre os ombreiros, vidas apoiadas nas túas costas, o teu fracaso, a súa vitoria, o fedor de todo este gran circo. Quen decide cal vida é valiosa e cal sobra? Cando un home pode ser xulgado por calquera que se cre con poder de opinión sobre o divino e o humano?
O mar rezuma morte hoxe. El óllase no reflexo da auga do mar e vese ca soga ao redor do colo. O inimigo de todos, só por ser diferente, só por querer pensar. Agora denostado por todo aquilo que onte lle foi dado. Agora todo semella loito ao seu redor.
Ponse sobre unha pedra no medio da praza, ca testa por riba das demais testas. Berra o seu nome, berra o seu simple delito, clama fillos de puta aos fillos desta vila cainita. Colle á pistola. Xa non hai inimigo de todos, agora hai que procurar un novo inimigo. Mais o cadavre que xace no chan nun charco de sangue é perdoado, «no fondo era un bo home».
Autor: Manuel Jorge Maside
Fotografías: David Novoa
ME GUSTA
Me gustaMe gusta