Celebrar a arte con denominación de orixe

O arquitecto Alejandro de la Sota é o homenaxeado no Día das Artes Galegas

Autora: María F. Romero


Pouco se sabe das orixes daquel Mateo que traballou en Compostela durante a segunda metade do século XII. Porén, este virtuoso da arquitectura e a escultura deixou como carta de presentación unha das máis grandes obras mestras endexamais creadas no noso territorio, o Pórtico da Gloria. Ao contrario da meirande parte dos seus contemporáneos, o seu nome e a súa autoría conseguiron, nunha fazaña á altura das súas esculturas, sobrevivir á historia ao longo de case nove séculos. Non é logo de extrañar que a Real Academia Galega de Belas Artes non escollera a outro que non fose el, como primeira figura a homenaxear para inaugurar a conmemoración do Día das Artes Galegas na primavera do 2015.

Segundo se acordou na asemblea que esta institución celebraba a finais de xaneiro daquel ano, cada primero de abril adicarase a “reivindicar a orixe e orixinalidade, como contribución particular á universalidade dos creadores, artesáns, músicos, teóricos, profesores, mecenas e marchantes” que deu, e continua a dar, a nosa terra. Se a data para a conmemoración do seu irmán máis vello, o Día das Letras Galegas, se situou no 17 maio por ser a data de publicación de “Cantares Gallegos”, as nosas Artes hónranse o mesmo día no que o Mestre Mateo asentou os dinteis do seu fabuloso Pórtico, o 1 de abril de 1188.

FOTO 1
Alejandro de la Sota. Pedro J. Delgado.

Uns cantos séculos despois, no XX nacía e desenvolvía a súa carreira o arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota, cuxo rostro bonachón inunda este ano os carteis do Día das Artes Galegas. Segundo os académicos, de la Sota foi “un dos máis notables da arquitectura española do século XX e, se cadra, o máis singular daqueles que vincularon a súa estratexia creativa ao Movemento Moderno”. Ademais de todos os logros do arquitecto, desde a Real Academia tamén quixeron xustificar a súa elección explicando que se buscaba “engadir un chanzo na construcción daquela escaleira que ascende ao imaxinario da arte actual en Galicia, de modo singular o da súa arquitectura, e esta escolla contribúe a elo pois a súa figura sitúanos ao borde mesmo do século XXI”.

Deste artista nado en Pontevedra en outubro de 1913, os que saben aseguran que “foi quen de artellar un modo de pensar a arquitectura desde as circunstancias específicas do seu presente, o que influiu poderosamente nas xeracións posteriores”.

O certo é que Alejandro tiña ben clara a súa postura con respecto á arquitectura, unha especie de paraíso perfecto no que case sempre todo eran boas sensacións, non coma na vida: “Gustoume sempre falar de Arquitectura como divertimento, se non se fai alegremente non é Arquitectura. Esta alegría é, precisamente, a Arquitectura, a satisfacción que se sinte. A emoción da Arquitectura fai sorir, dá risa. A vida non”, así se expresaba este maestro cara a disciplina á que dedicou a vida enteira.

FOTO 2
Unha vista do Goberno Civil de Tarragona. Pedro J. Delgado.

Entre finais dos 50 e principios dos 60 deseñaría e levantaría a que está considerada a súa primera obra mestra. Foi apenas 16 anos despois de conseguir o título de arquitecto, cando ideou os planos do edificio que alberga o Goberno Civil de Tarragona. A prensa da época facíase eco da noticia, pois Alejandro de la Sota foi o primeiro en gañar un concurso de arquitectura en España para a construcción dun edificio destas características, impoñéndose sobre outros 15 anteproxectos. Un edificio de liñas pulcras e moi definidas, construido en mármore labrada e tamén pulida, alberga esta sé administrativa.

Será tamén nos 60 cando vexa a luz a su obra máis recoñecida e admirada a nivel internacional. A principios desta década encargaranlle a construcción do ximnasio do colexio “Maravillas” da capital española. Unha construcción que o afamado crítico británico William Curtis considera a obra máis significativa da arquitectura española contemporánea. Case nada. Foi un encargo cheo de retos. Desde a escola buscaban unha ampliación das súas instalacións nunha parcela que presentaba numerosas irregularidades, entre elas a necesidade de salvar un desnivel de 12 metros de altura entre as rúas Guadalquivir e Joaquín Costa do madrileño barrio de Chamartín. O caso foi que De la Sota non soamente superou a proba, senón que o fixo con matrícula de honra, con mención especial no apartado de funcionalidade, e creando un fito no paisaxe urbano de Madrid.

FOTO 3
Vista interior do ximnasio do Colexio “Maravillas” en Madrid. Luis García.

A obra de Alejandro de la Sota está diseminada por toda a xeografía española. Destacan o edificio de Correos que ideou para a cidade de Úbeda en 1964 e que foi declarado Ben de Interese Cultural, ou a Facultade de Matemáticas da Universidade de Sevilla, un proxecto que recibía en 1973 o Premio Nacional de Arquitectura.

E como non podía ser doutra maneira, tamén deixou a súa pegada en Galicia. Leva a súa firma o Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra culminado en 1966, a Casa Domínguez en Poio ou os edificios para laboratorios da Misión Biolóxica situados en Salcedo. Para Ourense, De la Sota deseñou un modernísimo Colexio Residencia por orde da Caixa de Aforros Provincial, que finalmente nunca chegaría a levantarse.

E entre Mateo e Alejandro, nos anos 2016 e 2017 tocou rememorar a obra doutros dous xenios. O protagonista do primero de abril de 2016 foi un dos rianxeiros máis célebres, exemplo de home do Renacemento. Curiosamente o eterno “segundón”. Tamén a el se lle adicou o día máis importante da nosa literatura, precisamente no segundo ano da súa creación e despois de Rosalía. Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao foi escritor, político e debuxante, entre outras moitas cousas. Cos seus lapis retratou e criticou a sociedade do seu tempo. Os abusos dos caciques, ademais das penurias de labregos e mariñeiros, foron temas recurrentes na súa obra. Pero tamén quixo poñer o foco sobre outros colectivos marxinados coma o dos cegos ou o das persoas de raza negra, aos que retratou no seu álbum “Debuxos de negros”, elaborado na súa viaxe a Cuba e aos EE.UU.

Finalmente, o ano pasado, a viveirense Maruja Mallo copaba as celebracións do Día das Artes. Membro destacado da Xeración do 27, concretamente dentro do grupo feminino de “Las Sinsombrero”, Ana María inaugurou cunha grande exposición antolóxica, cando contaba 91 invernos, o Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago de Compostela. Unha artista transversal a todos os “ismos” desenvolvidos no primeiro terzo do século XX, cuxa obra enamorou a personalidades coma Ortega y Gasset ou André Breton, e que conseguiu levar as súas creacións por todo o mundo, desde París a Nova York, contaxiando a todos os espectadores coa súa inxenuidade e a súas grandes ganas de vivir.

Deja un comentario

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.