LES

Homenaxe o mestre de historia do cine Juan A. Hernandez

Autora: Alba Reigada


Sempre que comeza un novo ano, un baile de caras pasa pola miña mente. A quen volverei a ver, a quen non, de quen me estou a esquecer… e as miñas neuronas comezan a percorrer esas etapas da vida que xa pasaron. A infancia, a adolescencia, Compostela, as viaxes, os traballos, Madrid, Extremadura…Lembranzas inexactas forman un rebumbio de cores e conversas, de risas e festas, que me transportan aos pensamentos de tempos pasados nos que me vexo a min mesma coma outra persoa. Así rematan e comezan os anos.

Foi precisamente nesta primeira semana de 2019, nunha fría e xeada Copenhague inundada de turistas e bicicletas de cores, na que un amigo e máis eu lembramos a unha persoa que pasara fugazmente polas nosas vidas.

Veunos á cabeza a súa gabardina de espía e o seu gorro de outono durante ese percorrido que facía do camiño de entrada que vai dar á porta da facultade de Xornalismo. Tamén botamos a vista atrás, e aínda tiñamos gravadas na cabeza, con moita exactitude, as súas particulares expresións cargadas de ironía e sarcasmo, que provocaban o efecto de non saber se falaba de broma ou en serio. Ó fin é o cabo transmitíanos esa sabedoría que só os xenios saben contar de forma case casual e chea de retranca.

Pasáronnos por diante os fotogramas da Stromboli de Ingrid Bergman e Roberto Rossellini, o branco e negro de Clooney e a súa Good night and good luck, Chaplin en City Lights, Murnau e Nosferatu, Haneke e a disparidade do tráxico…e por suposto, o filme de Up.

Con todo o que nos ensinou (libro de apuntes de tamaño enciclopedia) e quedámonos ca película de Up. Pensaredes que rompe moito con esta sucesión de clásicos imprescindibles, pero é que aínda que non viramos este filme nas súas clases, o homiño da cinta gardaba un extraordinario parecido con el.

É incrible as cousas que se recordan de alguén, os momentos, e sobre todo, a influencia que puido chegar a exercer, neste caso con tan só uns minutos de clase á semana, gran parte ocupados por algún filme xa para sempre inesquecible (o filme e a súa análise del)

Por iso, cando lin acerca do seu pasamento non puiden deixar de sorprenderme como pensaramos nel días antes e como para sempre xa quedará na nosa memoria. Ó fin e ó cabo para moitos e para moitas de nós, Les (así lle chamabamos, polo apelido) é Historia do Cinema, e a Historia do Cinema xa para sempre será Les.

E homenaxeando o seu particular peche de textos, direi que, “He terminado sr. Presidente”.

Deja un comentario

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.