Crise en Podemos

Crónica dunha partida de xadrez

Autora: Alba Reigada


Algo ía pasar en Podemos, cocíase, sabíase.

Sabíase dende que os 6 conselleiros de Manuela Carmena foran suspendidos de militancia en novembro, por non concorrer ás primarias do partido para conformar as listas ao Concello de Madrid; sabíase despois da perda de 3 escanos de Adelante Andalucía, e sabíase tamén que, se pasaba, era agora. Aínda queda un tempo prudencial ata unhas municipais e autonómicas que, na capital do Estado semellan case a batalla final polo Trono de Ferro, así que de facer algo, era o momento. Por certo, Xogo de Tronos volve o 14 de abril.

O escenario actual é o dunha dereita avanzando inexorable, cun partido en pleno auxe que esperta a peor ideoloxía, a máis rancia e con máis recorte en dereitos (especialmente para as mulleres), proxectando a posibilidade da sombra dun tripartito da morte planeando sobre as nosas cabezas. Nesta tesitura, un rapaz con pinta de ir facer o exame de selectividade deu unha patada a un taboleiro morado que, a verdade sexa dita, levaba moito tempo aguantando coma un simple peón.

No xadrez sempre se di que o rei é a peza máis importante, pero ao mesmo tempo, a máis débil, e máis cando o rei está de permiso de paternidade.

Primeiro Torres, logo Reis

Houbo un tempo no que Pablo Iglesias e Íñigo Errejón eran dúas torres que, coma no xogo, movíanse tantas casas como quixeran, cara adiante, cara atrás, cara os lados. Avanzaban, sumaban, representaban. Protexíanse mutuamente facendo fronte a todos os intentos que facían outros partidos e axentes para desacreditalos. Ían xuntos.

De cara á galería o que se exteriorizou coma o principio do fin foron máis ben cuestións de diálogo con outras forzas, e sistemas de diálogo interno. Diferenzas á hora de pactar cos socialistas, discusións no hemiciclo captadas polos fotógrafos… Quedou moi claro que as torres deixaron de protexerse mutuamente, e convertéronse en dous reis. E coma xa se sabe, non pode haber máis dun rei ou raíña sen que a sangue chegue ao río.

Vistalegre II

Xa para sempre, esta será recordada (e probablemente estudiada) como a batalla que escenificou o jaque mate de Pablo a Íñigo.

Nun momento de derrota, un rei soamente ten 3 opcións para escapar: moverse a unha casa segura, bloquear o jaque interpoñendo outra peza do seu propio bando, ou capturar a peza que o ameaza.

Errejón moveuse (ou movérono) a casa segura. Unha casa con forma de cambio de posto no Congreso e de escano tamén, pero cunha ventá aberta para el só. Segundo a carta de Pablo de onte, “en muchos partidos, quién pierde un congreso se va a su casa o abandona la primera línea. Yo quise que en Podemos eso no fuera así y hablé con Íñigo para que, si los inscritos así lo querían, fuera nuestro candidato en la Comunidad de Madrid”.

Foi elixido candidato á Comunidade, pero non sen que quedaran claras as diferenzas co secretario xeral de Podemos en Madrid, Ramón Espinar. A reconciliación Errejón-Espinar representouse cunha rolda de prensa conxunta con Pablo no medio. Pero claro, cando algo non é real, resulta bastante evidente, sobre todo nas expresións e xestos que non se poden controlar. A linguaxe non verbal dicía máis que calquera dos discursos que se pronunciaron ese día.

Despois disto veu o que aconteceu cas listas ao Concello de Madrid. Esta loita polos postos de saída rematou ca actual portavoz no consistorio Rita Maestre, e outros cinco concelleiros e concelleiras suspendidos de militancia. E iso, ata onte.

Máis ou menos Madrid?

Se as formas de anunciar a candidatura conxunta con Carmena foron ou non as correctas, iso queda para a opinión de cada un. Pero todo hai que dicilo, quedou evidente que nin o deberon ser, nin había intención de que se negociaran no marco dun escenario xa dinamitado pola conformación dunhas listas, (tanto para o Concello como para a comunidade), máis impostas ca negociadas.

De feito, un extracto da carta conxunta de Carmena e Errejón di que “es más necesaria que nunca otra manera de hacer política que escuche más que grite, que proponga más que imponga, que colabore más que compita”.

Aínda que Más Madrid soa moi lóxica como plataforma para concurrir seguindo o modelo doutros Concellos (repetido onte unha e mil veces por Errejón nunha entrevista en Hora 25), o certo é que o movemento viuse coma unha forma de devolver a Pablo os meses de castigo e de purga despois de Vistalegre II.

Despois disto, convén recordar que no xogo do xadrez existen 5 razóns polas que unha partida pode quedar en tablas.

Que a posición chegue a un punto morto no que é o turno dun xogador pero que non pode facer ningún movemento reglamentario; que non haxa suficientes pezas no tableiro para forzar un jaque mate; que un xogador declare tablas se a mesma posición se repite 3 veces, que se efectuen 50 movementos e ningún dos dous xogadores mova un peón nin capture unha peza, ou que, simplemente os xogadores acorden tablas e deixen de xogar.

Chegados a este punto da partida, pode que esta última opción sexa a mellor se queren gañar Madrid.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.