O documental que acompaña a Radiohead na xira de presentación do OK Computer e a obra mestra que mostra a absoluta desolación que a fama pode traer.
Autor: Phillip Jeffries
Aínda que poida parecer contraditorio, a chegada á cima pode supor tamén, de forma simultánea, o maior descenso aos infernos que un teña a capacidade de imaxinar. E Radiohead, sobre todo a través da figura do seu líder, Thom Yorke, experimentou isto en primeirísima persoa.
OK Computer, o considerado, en xeral, tanto o mellor disco do grupo coma un dos mellores lanzamentos musicais da década dos 90, por non dicir directamente que moitos o inclúen nas listas de mellores álbums da historia, viu a luz no ano 97. Nel atopábamos 12 cancións acerca dunha serie de temas que encaixaban ao 100% coa sociedade do momento, e que continúan a facelo aínda a día de hoxe, pode que máis que nunca: Os problemas, preocupacións e alienación dunha sociedade cada vez máis fría, o abrazo á expansión da tecnoloxía e o medo ante o que isto puidera ocasionar, o transporte (tema con respecto ao cal Yorke sinte certo pánico coma consecuencia dun accidente de tráfico que sufriu no ano 87), o traballo, a paranoia ou a angustia vital.
Estamos ante un disco que, aínda que non queiramos considerar coma depresivo, co grupo sempre deixando puntuais momentos que invitan á esperanza, si é apocalíptico canto menos, capaz de reflexar con moita precisión os resortes internos dunha banda que era moi consciente do momento histórico que estaba a vivir.
Trala súa publicación ocorre o inesperado: Para sorpresa dos propios directivos de EMI, que non tiñan en moi alta estima o lanzamento, o álbum converteuse nun éxito absoluto tanto de crítica coma de público, sendo recibido case coma se do novo mesías se tratase, elevando a Radiohead á cima da escena musical do momento.
Coma é lóxico, á publicación seguiríalle unha xira, que comezaría en Barcelona en maio do 97 e remataría, chegando a un total de 104 concertos, en Nueva York, en abril do 98. Ante esta situación, a discográfica viu máis que claro que aí tiñan unha nova oportunidade de explotar á nova galiña dos ovos de ouro, e lanzouse a elo, mandando que un equipo seguise ao grupo ao largo do tour para gravar unha película – documental do periplo da banda.
O proxecto caeu nas mans de Grant Gee, e o resultado final do que nun principio só era un encargo comercial por parte da discográfica para gañar máis diñeiro foi toda unha obra de arte, un ensaio no que a través de distintas conversacións cos membros do grupo saen distintos temas á palestra, sendo bos exemplos disto o éxito, a fama, as infinitas horas mortas cando estás a viaxar polo mundo de seguido ou a apatía ante os medios de comunicación (que sempre están a facer as mesmas preguntas, cambiando só o idioma no que están formuladas, algo que chega a un punto no que a banda xa responde en ton burlón, non podendo estar máis fartos) e o teu propio público trala sobreexposición á que se viron sometidos.
O que vemos na pantalla non ten argumento, predominando un estilo caótico que se axusta ás mil marabillas ao que o grupo estaba a vivir nese momento. As distintas imaxes van sucedéndose, mostrándonos a unha banda nun estado preto ao depresivo, sobrevivindo a todo este proceso case que de milagre (Thom Yorke, en retrospectiva, chegaría a dicir que “Meeting people is easy era unha guía sobre as razóns para non estar nun grupo”).
Todo isto refléxase nos membros de Radiohead pasando polo illamento máis absoluto, incluso canso se atopan rodeados por centos de persoas, e experimentando nas súas carnes o punto álxido do absurdo: Estar a percorrer o mundo enteiro e que o único que poidas ver das cidades nas que vas a tocar sexa o percorrido entre o aeroporto e o recinto, pois ao día seguinte tes que estar actuando en calquera outra parte do mundo, coma no documental dise, ante, aínda por riba, audiencias que só se dedican a reclamar, para exasperación do grupo, os grandes éxitos do mesmo, encabezados por Creep, canción que a banda chega ao punto de aborrecer, e coa que vemos a Yorke, nun concerto, chegar a pasarlle o micro ao público para que eles cantasen, non sendo un momento de complicidade grupo – audiencia, senón que unha mostra máis do farto que estaba o líder de Radiohead da situación.
O surrealismo máis absoluto chega cando a banda ten que gravar anuncios en xaponés, sen tan sequera saber os membros que están a dicir, producíndose xa a ruptura psicolóxica total nun Yorke que se ve incapaz de pronunciar as palabras que ten que dicir, ocorréndolle algo parecido a Jonny Greenwood de forma previa en Francia. Nada de todo iso era música, pero nese ciclón viuse atrapado o grupo de forma inesperada tralo lanzamento dunha absoluta obra mestra que os catapultou ao estrelado e a fama mundial.
Avanza a xira e o líder da banda, preso dunha continua angustia, refuxiase cada vez máis en si mesmo. Vemos ao músico caer no relativo ao emocional no máis profundo de forma progresiva ao transcorrer do tour, noutra mostra de que non, nin é divertida nin ten nada de cómico o da fama; menos aínda no caso de ser unha persoa tan sensible coma o británico. A xira supón, sen dúbida algunha, a desolación máis absoluta para todos os compoñentes da mesma.
Pero non todas as imaxes teñen que ser negativas, e así tamén podemos ver momentos produtivos co grupo, por exemplo, comezando a traballar no que serían futuras cancións, coma no caso de How to disappear completely, ou ao propio Gee dirixindo o videoclip de No surprises, deixando tamén neste caso, ao igual que nas cancións da banda, un pequeno raio de esperanza, demostrando que, incluso da maior das loucuras, pode saír algo creativo.
Yorke asegura durante o documental, de forma profética, que “nada volvería a ser o mesmo”, e non podería estar máis acertado. O que viu a continuación por parte do grupo non foi só un cambio no seu estilo musical que deixou a máis dun desconcertado a máis non poder; senón que esta experiencia tamén faría que a banda, se xa anteriormente adoitaba a facer o que quería, afondase máis nesta conducta, ignorando o esperado por parte da industria. O mellor exemplo é cando sacan In Rainbows sen un prezo fixo en Internet, no ano 2007, a través da súa propia páxina, tendo o usuario a opción de aportar algo se así o consideraba.
A película, de resultado máis que notable, aparecería no ano 98, e tería unha recepción crítica bastante positiva. En España, sen embargo, ao longo de todo este tempo, e tamén para moitos fans de Radiohead, pasou bastante desapercibida, resultando imperdible para calquera seguidor da banda, ao igual que se estás interesado nas consecuencias reais que a fama pode ter nunha persoa, a pesares de non ser de todo recomendable se
estás a pasar por unha mala etapa. Sen dúbida algunha, un deses chamados “rockumentaries” único e irrepetible.
Coma o propio grupo di nunha das frases recitadas da bastante arrepiante Fitter Happier, coa que se abre esta Meeting people is easy, “till cries at a good film”.