a fotografía de vivian maier

Autor: Philip Jeffries

É algo que moi poucas veces ocorre, pero a situación dase nalgunhas ocasións: A obra dunha persoa que durante décadas permaneceu no anonimato, ben por mala sorte (coma no caso de Sixto Rodríguez) ou por vontade propia (exemplo do que agora falaremos) xurde de golpe, salta á luz tras tanto tempo agochada, e non deixa a ninguén indiferente.

Vivian Maier naceu en Nueva York no ano 1926, pero pronto marcha a Francia, de onde era a súa nai, lugar no que pasa a etapa de xuventude, ata que instálase de novo na cidade que a viu chegar ao mundo aos 25 anos, en 1951, mudándose en 1956 a Chicago, onde pasará a maior parte da súa vida.

A súa profesión durante catro décadas foi a de coidadora de nenos. Ao menos, a nivel “oficial”. No vocacional non cabe dúbida algunha de que foi a fotografía, a súa auténtica paixón servíndolle a primeira ao longo da súa vida para costearse a segunda.

Vivian foi autodidacta. Comezou a sacar fotos cunha cámara Rolleiflex, e a súa obra centrouse no branco e negro, aínda que tamén traballaría en color, neste caso cunha Kodak Ektachrome 35 mm, unha Leica IIIc e cámaras SLR alemás. Pese a que sacou fotografías de todos os tipos de persoas que un poida imaxinar pertencentes ás distintas clases sociais e de todas as idades, centrouse de maneira primordial naquelas persoas ás que non sería habitual atopar na portada dunha revista.

A obra de Vivian caracterízase por retratar á sociedade da época, retratando un mundo en continua transformación, pero manténdose ela, ao mesmo tempo, ao marxe, afastada, sendo unha observadora obxectiva. Unha das cousas que máis chama a atención nas súas fotografías é o preto que consigue situarse das persoas retratadas, cunha proximidade que o normal é que faga pensar en que estamos ante posados, fotos para as que Vivian tiña que pedir permiso; pero nada máis afastado da realidade (a Rolleiflex de Vivian tiña o visor na parte superior, en vez de na frontal (que é o habitual), polo que, colocando a cámara a altura do peito e mirando cara abaixo daba a sensación de que estaba a comprobar algo na cámara, cando en realidade o que estaba facendo era enfocar e fotografar.)

Non cabe dúbida algunha de que tiña unha capacidade especial para chegar, fotografar e marchar, sen que ninguén se decatase da súa presencia, pasando desapercibida para as persoas ás que estaba a retratar, coma se dun pantasma se tratase.

Na súa obra, que principalmente procede de percorrer entre os anos 50 e 90 as rúas de Chicago e Nueva York, predominando as visitas aos barrios obreiros durante os seus paseos cos nenos aos que coidaba, abundan tamén os autorretratos, case coma nun intento por recoñecerse a si mesma.

De entre todas as familias para as que traballou coma coidadora, destaca a dos Ginsberg, coa que pasou dezasete anos. Neste fogar tiña un baño propio, que decide converter nun cuarto escuro para o revelado. Despois deste tempo vai de familia en familia, e o de revelar convértese nunha tarefa de grande dificultade para ela, comezando a súa obra a acumularse, chegando finalmente á cifra de 150.000 negativos. Nunca a ensinou, nin compartiu con ninguén o que estaba a facer.

A partir de 1990 deixa a cámara e comeza a almacenar as súas pertenzas, vendidas no ano 2007 tras ser embargadas por falta de pago do aluguer do almacén nos que as gardaba, cubrindo así as súas débedas.

O seus últimos anos de vida non poderían ser máis duros. Preto da pobreza máis absoluta, Vivian queda sen vivenda, e son os tres fillos da familia mencionada anteriormente (Ginsberg) os que se fan cargo dela, pagándolle o aluguer dun apartamento e preocupándose de Maier ata a súa morte, acontecida en 2009.

A cousa é… se nunca mostrou a súa obra a ninguén, como podemos saber todo isto e por que saltou á fama Vivian? Pois porque o máis inesperado aconteceu.

No ano 2007 John Maloof, un apaixonado da historia, atopábase a buscar información para escribir un libro sobre a zona noroeste de Chicago, o que o levou a participar nunha puxa na que adquiriu un lote de fotografías e negativos, por algo menos de 400 dólares, que saíra dun almacén do que alguén deixara de pagar o aluguer (si, loxicamente o anteriormente mencionado de Maier). Tras comezar a revisar e revelar o material decide que non lle é útil, polo que comeza a subir algunhas das fotos a Internet, tratando de vendelas de novo a través da rede, algo que fai ata que aparece Allan Sekula, crítico e historiador de fotografía, que se pon en contacto con el e pídelle que deixe de dispersar a obra, pois está chea de talento.

Maloof faille caso, regresa de novo ao repaso destas fotografías e comeza a decatarse do tesouro que ten entre as mans, pasando a sentir entón unha gran curiosidade pola autora das mesmas. O que decide facer é abrir un blog e subir as imaxes co obxectivo de compartilas co resto do mundo, obtendo reaccións moi positivas por parte da xente. A cousa continúa así, sen ter máis información que lle permita seguir tirando do fío, ata que, tras revelar algúns carretes, ve que certos negativos tiñan data e localización escritas en francés. Finalmente, chega ao nome de Vivian Maier, pero Internet non ofrece ningunha información con respecto a ela. As cousas seguirán así ata que, un tempo despois, introduce de novo o seu nome na rede e atopa que falecera dous días antes desa nova busca.

Xa completamente embarcado na historia que tiña diante, John comeza a entrar en contacto coas familias para as que Vivian traballou, necesitando saber máis sobre ela, e todo isto termina dando como resultado un documental, Finding Vivian Maier, do propio Maloof e Charlie Siskel, que chegaría a optar ao premio Oscar no ano 2014.  

O documental, financiado por crowfunding, está ben, pero tampouco chega a ser unha marabilla. O seu punto forte radica en contar a historia da fotógrafa, engarzada con numerosas testemuñas (cargadas de historias, anécdotas e curiosidades) dos entón nenos aos que coidou, xunto ao incrible que é ter tamén a posibilidade de ver vídeos gravados por ela ou escoitar algunha das súas cintas, pois tamén chegou a deixar filmacións rodadas en 8 e 16 mm e a realizar numerosas gravacións de audio.

Falar de como era Vivian en base ao que din as persoas que a coñeceron en vida é, sen embargo, difícil, por non dicir imposible. Todo o mundo parece coincidir en que se trataba dunha persoa moi peculiar, pero hai momentos en que os entrevistados practicamente estanse a contradicir entre eles. Entre outras características referidas pola maioría deles atopamos que se trataba dunha persoa solitaria e introvertida, á que lle gustaba acumular de todo, ata o punto de que chegou a mudarse cunhas duascentas maletas. Tamén que era unha muller culta e de gran intelixencia, apaixonada polo cine e pola lectura, á que lle gustaba ver mundo, chegando a viaxar pola súa conta a países coma Exipto, Bangkok, Tailandia ou Vietnam.

Cun carácter que, aparentemente, quedou moi marcado polo abandono do seu pai cando ela contaba cunha moi curta idade, no que se podía apreciar unha posible tendencia a nostalxia, dándolle voltas a temas como a fugacidade do tempo, deixando gravada nunha das súas cintas a seguinte sentenza: “Temos que deixar sitio aos demais. Isto é unha roda, te subes e chegas ao final, alguén máis ten a túa mesma oportunidade e ocupa o teu lugar, ata o final, unha vez máis, sempre igual. Nada novo baixo o sol.”

E que parecía que sempre estivese a escapar de algo, cortando os lazos coa súa familia moi cedo, preocupándolle moito o tema da identidade, xogando ao despiste con cambios no seu acento e no seu propio nome, chamándose a si mesma “mystery woman”, buscando sempre a liberdade que a independencia aporta.

Ante a falta de diñeiro, Vivian nin tan sequera chegaba moitas veces a revelar os carretes. O seu obxectivo era facer fotos, case parece que incluso sen preocuparse en exceso polo resultado final, o que fai que moita xente se faga a pregunta de cal sería a reacción de Vivian a todo o acontecido trala súa morte, xurdindo moitos debates éticos a raíz da cantidade de negocio que se está a facer coa súa figura. Gustaríalle que a xente tivese a posibilidade de ver o seu traballo? Nunha entrevista a Maloof preguntáronlle que lle preguntaría a Vivian en caso de ter a oportunidade de falar con ela, e o propio John respondeu “está de acordo co que estou facendo?”

Por que fixo Vivian as cousas desta maneira? Sabía da calidade da súa obra? Na opinión de Berta Vías Mahou, que publicou o libro “Una vida prestada”, na editorial Lumen, si. Berta considera que a artista era “moi consciente do que estaba a facer”, que sabía que estaba a deixar un tesouro, e que quería que, no caso de ser algún día descuberto, fora coma un regalo para os demais, e por iso gardaba primeiro nas casas nas que vivía e despois en almacéns todos os seus negativos.

Sen dúbida algunha, estamos ante unha artista única, cunha obra descoñecida ata tempos recentes, coa maior parte do material non visto nin pola propia Vivian, e quedando a día de hoxe aínda moito do seu traballo por ver, entre o que seguro que se atopan moitas marabillas que iremos coñecendo co paso do tempo. Independentemente de botarlle un ollo ou non ao documental, unha recomendación está clara: Busca, aínda que sexa en Internet (no caso de ter a oportunidade de acudir a unha exposición da fotógrafa faino sen darlle nin a más mínima volta), as súas fotografías, porque é algo que non te podes perder.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.