Archivo de la categoría: Arte

LES

Homenaxe o mestre de historia do cine Juan A. Hernandez

Autora: Alba Reigada


Sempre que comeza un novo ano, un baile de caras pasa pola miña mente. A quen volverei a ver, a quen non, de quen me estou a esquecer… e as miñas neuronas comezan a percorrer esas etapas da vida que xa pasaron. A infancia, a adolescencia, Compostela, as viaxes, os traballos, Madrid, Extremadura…Lembranzas inexactas forman un rebumbio de cores e conversas, de risas e festas, que me transportan aos pensamentos de tempos pasados nos que me vexo a min mesma coma outra persoa. Así rematan e comezan os anos.

Foi precisamente nesta primeira semana de 2019, nunha fría e xeada Copenhague inundada de turistas e bicicletas de cores, na que un amigo e máis eu lembramos a unha persoa que pasara fugazmente polas nosas vidas.

Veunos á cabeza a súa gabardina de espía e o seu gorro de outono durante ese percorrido que facía do camiño de entrada que vai dar á porta da facultade de Xornalismo. Tamén botamos a vista atrás, e aínda tiñamos gravadas na cabeza, con moita exactitude, as súas particulares expresións cargadas de ironía e sarcasmo, que provocaban o efecto de non saber se falaba de broma ou en serio. Ó fin é o cabo transmitíanos esa sabedoría que só os xenios saben contar de forma case casual e chea de retranca.

Pasáronnos por diante os fotogramas da Stromboli de Ingrid Bergman e Roberto Rossellini, o branco e negro de Clooney e a súa Good night and good luck, Chaplin en City Lights, Murnau e Nosferatu, Haneke e a disparidade do tráxico…e por suposto, o filme de Up.

Con todo o que nos ensinou (libro de apuntes de tamaño enciclopedia) e quedámonos ca película de Up. Pensaredes que rompe moito con esta sucesión de clásicos imprescindibles, pero é que aínda que non viramos este filme nas súas clases, o homiño da cinta gardaba un extraordinario parecido con el.

É incrible as cousas que se recordan de alguén, os momentos, e sobre todo, a influencia que puido chegar a exercer, neste caso con tan só uns minutos de clase á semana, gran parte ocupados por algún filme xa para sempre inesquecible (o filme e a súa análise del)

Por iso, cando lin acerca do seu pasamento non puiden deixar de sorprenderme como pensaramos nel días antes e como para sempre xa quedará na nosa memoria. Ó fin e ó cabo para moitos e para moitas de nós, Les (así lle chamabamos, polo apelido) é Historia do Cinema, e a Historia do Cinema xa para sempre será Les.

E homenaxeando o seu particular peche de textos, direi que, “He terminado sr. Presidente”.

713 avo Amor, o grupo que nunca existiu.

  • Música de culto / Autor: Phillip Jeffries

Poucos grupos entre os nacionais podemos atopar tan particulares coma 713avo Amor, auténtica anomalía na nosa escena musical e unha das bandas máis interesantes que publicaron a súa obra na última década do século pasado.

Aparecido no ano 1988, en Málaga, permanecendo en activo o curto espazo temporal de 6 anos, o grupo concedeuse o luxo de sacar dous dos mellores e máis potentes álbums españois dos noventa, coma o foron A veces el dolor (1993) e Horrores varios de la estupidez actual (1994). O final da aventura chegaría cun último concerto en Bilbao sempre descrito polos alí presentes dunha forma tan peculiar que moi dificilmente podería ser borrado da mente de calquera que alí estivera nesa ocasión.

Despois, o silencio. A inexistencia.

713avo Amor tivo a súa formación clásica no equipo que formaban Carlos Desastre (voz e guitarra), Antonio Acién (guitarra e piano) e Emilio Salvatierra (batería e percusión), sendo un grupo que nunca se ativo a ningunha clase de límite nin de restrición, nin no formal (sendo a ausencia de baixo un bo exemplo disto) nin tampouco no musical, facendo sempre o que eles consideraban mellor, e levándoo a cabo da forma que querían, con cancións que poden dende alargarse ata o infinito (coma no caso de Nos cambiaron por pistolas) ata rematar en menos do que dura un suspiro (La televisión no lo filma).

Máis ala de todo isto, se por algo tamén destacaba o grupo (xunto ao seu directo, do que sempre se falou moi ben) era polas letras das súas cancións, as cales sempre descendían ata o máis profundo do ser humano, indo directas á alma e ao corazón do que escoita, sen amosar nunca ningún tipo de piedade, non podendo ser máis desgarradoras, mostrando esa cara máis cruel do mundo que tantas veces atópase oculta e que moita xente busca esconder, sendo capaces de ferir coma coiteladas. Unha combinación de rabia con existencialismo visceral coma poucas veces foi vista.

E o responsable destes textos era, principalmente, Carlos Desastre.

Aínda que 713avo Amor foi unha banda que non buscaba ter un único líder (algo que poderíamos ver de forma posterior cando Carlos funda Después de nunca, formación aberta), Desastre destacaba, sen ningunha dúbida, como o cerebro, ou xenio, detrás do monstro, coma os seus posteriores proxectos, tanto colectivos coma en solitario, demostraron.

Trala separación do grupo, a súa viaxe continuaría a ser do máis interesante, pasando primeiro a vivir en Bilbao e, despois, en México, continuando con outros proxectos musicais coma o foron o xa mencionado Después de nunca, El corsal desastre ou Dando Amor, nunha continúa permutación de pel, visible nos sucesivos cambios de nome, que le permitían seguir avanzando tanto artística coma persoalmente, e chegando a fundar a súa propia compañía editorial: La Compañía de Sueños Ilimitada. 713avo Amor non deixa de ser, sen importar o espectacular cadáver en forma de música que quedou a modo de recordo, só unha máis das numerosas encarnacións ás que Desastre concedeulle vida, morrendo cando chegou o momento preciso.

A pesar da reedición dos dous discos do grupo que Carlos fixo en formato CD a través da propia e xa mencionada Compañía de Sueños Ilimitada en 2003 e 2004, respectivamente, 713avo Amor continuou a ser, moi inmerecidamente, un grupo descoñecido, algo que aínda segue a ser así nos nosos días. Unha banda que caeu nunca especie de esquecemento colectivo; algo que, sumado ao descoñecida que é a figura do icónico Carlos Desastre, non fai máis que aumentar o misterio e a lenda en torno ao grupo entre todas aquelas persoas que saben da súa existencia, recibindo algunhas etiquetas coma de culto, maldito ou underground que o propio artista sempre tratou de manter afastadas da súa obra e persoa.

713avo Amor é, en definitiva, unha das numerosas agrupacións coas que a historia da música sempre estará en débeda, e á que aínda a día de hoxe, algunha xente, continúa a descubrir moi a contagotas, sempre cunha mestura de fascinación e terror a partes iguais.

Probablemente, os sentimentos que Carlos Desastre sempre buscou xerar xa dende o principio naqueles que se atreveran a achegarse ao seu traballo.