Archivo de la categoría: Arte

CAPHARNAÜM

Cine de calidade ou facer negocio da miseria?

Autor: Phillip Jeffries


Poucos días despois da clausura do Festival de Cine Internacional de Ourense, e podendo facer xa valoracións máis en frío, é momento de falar dun dos auténticos bombazos do certame: Capharnaüm.

Película de orixe libanés, dirixida por Nadine Labaki, o que aquí atopamos é unha metraxe que logrará remover as túas emocións, cunha sinopse que xa pon a pel de galiña antes aínda de ver nada dela, e que non podería ser máis engaiolante: “Tribunal internacional. Zain, un neno de 12 años, declara ante o xuíz. O xuíz: Por que demandaches aos teus propios pais? Zain: Por darme a vida.”

2776515.jpg-r_1280_720-f_jpg-q_x-xxyxx
Cartel do filme

Ao longo da metraxe coñeceremos a este rapaz, neno de idade descoñecida, pois os seus pais nin tan sequera tiveron a decencia de comunicar o seu nacemento no rexistro civil. A situación deste chico non podería ser máis dramática. De orixe máis que humilde, formando parte dunha familia que recorre a todo tipo de ilegalidades para poder gañarse a vida, e que non sinte ningún tipo de cariño nin por el nin polo resto dos seus irmáns, o noso protagonista leva unha vida chea de miseria, alcanzando o seu punto crítico cando os seus pais dan en matrimonio á súa irmá, de 11 anos, a un home de máis de trinta.

 

 

Será nese momento cando Zain, farto, decida marcharse da súa casa. Tras un tempo de vagabundeo, tratando de encontrar traballo nun parque de atraccións, remata coñecendo a Rahil, muller etíope, traballadora nese mesmo parque, coa que pasará a vivir, atopando o máis próximo a unha vida familiar que terá ata ese momento, con ela encarnando a figura de nai, e Yonas, o seu fillo, a de irmán.

Todo parece ir ben, pero os problemas voltarán cando ela desapareza, tendo que ser un neno pequeno o que se encargue de manter con vida a outro que o é aínda máis, pelexando contra todos os obstáculos e adversidades que a vida xeral xa pon de por si, é que, coma é lóxico, increméntanse cando é un neno o que ten que actuar coma se de un adulto se tratase.

Nun mundo tan polarizado coma o actual, esta Capharnaüm, non podía ser doutra forma, está a provocar unha auténtica división entre o público dunha maneira que fai tempo que non se vía. A pregunta é a seguinte: Estamos ante unha película que denuncia a situación que estase a vivir nos países de condicións semellantes ás retratadas na metraxe ou ante un produto manipulador que busca xogar coas emocións do espectador para que fale ben do que viu, sen importar a calidade real do filme?

A xente estase a dividir en dúas faccións. A dos que pensan que supón facer negocio da miseria allea e a dos que pensan que a película supón en todo momento unha denuncia á situación que millóns de nenos viven ao redor de todo o mundo.

Baixo o meu punto de vista, estamos ante o segundo caso, non dándose o primeiro para nada.

A película é máis que evidente que, no aspecto emocional, vai ao fácil, e o mellor exemplo disto é que sexan dous nenos pequenos os que rematan sendo os principais protagonistas do que vemos en pantalla; pero se consegue chegar ao espectador, aínda que sexa grazas a isto, acaso importa? Non é precisamente iso, que provoque en nós emocións, o que lle pedimos ao cine? E se aínda por riba se está a levar a cabo unha denuncia tan potente como a que Capharnaüm leva, na miña humilde opinión, a cabo, mellor que mellor.

Pode que mostrar a situación que alí estase a vivir a través de personaxes infantís (todo o tramo no que Zain coida de Yonas é entenrecedor a máis non poder) teña algo de truco, pero é completamente entendible dende o punto de vista de que só así é posible falar do que está pasando a todos os niveis aos que a película o quere facer.

Outro debate que tamén está a ser posible encontrar na rede é o de se a película está a pedir que a natalidade sexa controlada nos países máis pobres, pero isto é algo que non considero que ocorra na metraxe. Zain loita nun momento por lograr a escolarización, feito que finalmente non consegue. Os pais aseguran que tratan aos seus fillos como eles foron tratados. E por onde pasa precisamente que exista un cambio a ese nivel e en como as seguintes xeracións son educadas e criadas? Precisamente na educación. O que por miña parte vexo é unha denuncia de que a situación é así en determinados países pola ausencia de escolarización e de educación coas que estes contan, continuando a situación no caso de que isto non cambie, e non unha petición de que a natalidade sexa controlada.

Temas coma o das familias casando as súas fillas, cando estas aínda son nenas, só para conseguir algún tipo de beneficio, ou simplemente ter que gastar diñeiro nunca persoa menos; ou a situación da inmigración, que recordemos que é algo que estase a dar en todos os países do globo, e non só nos que presumen chamándose a se mesmos do primeiro mundo, tamén están presentes.

O proceso xudicial a través do que coñecemos a Zain só é unha escusa para que o neno poda contarnos a súa historia, que lle é mostrada ao espectador a través de flashbacks, reflexando un panorama, neste caso situado nas rúas de Beirut, no que a infancia é un mero produto, só benvido cando se pode sacar algún tipo de beneficio dela, cos pais desfacéndose da súa prole no caso de atopar algo que poida ser beneficioso para eles.

Porén todo o previamente dito, a directora, que na película realiza unha breve aparición coma avogada de Zain, consciente da cantidade de drama que estalle a presentar aos espectadores, non dubida á hora de incluír algunha que outra escena de ton algo máis cómico, co obxectivo de restarlle gravidade ao que está a ocorrer.

A película, que non terá o seu estreo en salas ata o mes de febreiro, acadou unha ovación de 15 minutos en Cannes, ademais do Premio do xurado neste mesmo festival. Para os Globos de Oro, a espera de ver que ocorre cos Oscar, xa foi nominada a mellor película de fala non inglesa. Aquí, en Ourense, pese a non facerse co premio a mellor película do festival, si levaría a mención especial do xurado, e o que para moitos é o galardón máis importante de calquera festival cinematográfico: O do público, cunha espectacular puntuación de 4,77 sobre 5.

Estamos ante unha metraxe que provoca arrepíos, pero que tamén é capaz de deixar esperanza, coma vemos nun final que loxicamente non imos a destripar, a través de actores e actrices non profesionais, na súa maioría, e que conseguen dar vida a personaxes que quedarán contigo moito tempo, principalmente no caso de Zain, interpretado polo neno de mesmo nome Zain Al Rafeea, conformando unha película máis que recomendable, e que estamos convencidos de que dará moito de que falar nos próximos meses, converténdose nunha das auténticas revelacións do vindeiro ano.


Tamén che pode interesar:

José Suárez

O fotógrafo que tiña “ollos que pensaban”

Autor: Phillip Jeffries


 

Hoxe gustaríame contarvos a interesantísima e sorprendente historia dun fotógrafo, practicamente descoñecido, que non deixa de producirme asombro todas e cada unha das veces que penso na súa figura.

Estamos a falar de José Suárez, nado en Allariz, Ourense, en 1902. Sendo moi novo, o seu pai regálalle unha cámara de fotos, entrando nese momento nun arte do que xa non habería de separarse ata a súa morte.

Jose Suarez e can
Retrato do fotógrafo co seu can

Aos 19 anos comeza a compaxinar os seus estudos de Dereito, en Salamanca (onde faise bo amigo de moitos escritores, entre eles Unamuno) co seu traballo en diferentes revistas.

En 1932 publica o libro “50 fotos de Salamanca”, con prólogo do propio escritor ao que acabamos de mencionar incluído. A “favor” sería devolta a posteriores, cando recibe o encargo de fotografarlle ao longo de varias sesións, sendo un bo exemplo esta instantánea, de 1934, que faríase icónica.

Unamuno
Unamuno /fotog: José Suárez

No ano 36 comeza unha serie fotográfica baixo o título de “Mariñeiros”, baseada no traballo costeiro da súa Galicia natal. A pesar de conseguir completar esta tarefa e de rodar unha película sobre este tema que finalmente perderíase, a José Suárez, antifranquista, o inicio da Guerra Civil obrígalle a rematar o traballo en Arxentina. Sería o inicio dun exilio físico de máis de 20 anos e dun emocional que o acompañaría o resto da súa vida.

 

A unha de estas sesións de “Mariñeiros” pertence esta fotografía, aínda icónica en Galicia:

mariñeiros 4
Mariñeiros / José Suárez

 

En Arxentina, ademais de seguir coa arte da fotografía, entraría tamén de cheo, xa de forma definitiva, no cine, ocupando toda clase de postos (director, director de fotografía de exteriores, axudante de dirección, iluminador ou asesor técnico).

Aquí unha fotografía tomada polo noso protagonista no ano 1938, pola que sinto unha especial fascinación, durante a rodaxe de “Los caranchos de la Florida”.

los caranchos
“Los Caranchos de la Florida”/José Suárez

Todo isto é compatibilizado co traballo que leva a cabo en varias revistas, recibindo finalmente o encargo de ir ao Xapón en 1953 coma corresponsal, país do que se namoraría e no que pasaría dous anos enteiros, volvendo de novo en 1960.

Nesta época, e a modo de curiosidade, mencionar que nacería unha amizade co grandísimo Kurosawa.

kurosawa
Korosawa e Suárez

Tras voltar de Arxentina, recollería o seu traballo desde época nunca exposición chamada “Vislumbre de Japón”, levada a cabo en Bos Aires.

 

Esta época sería tamén aproveitada polo artista para retratar os Andes, tendo coma obxectivo o levar a cabo retratos centrados na neve, outra das súas paixóns.

Andes
Os Andes/ José Suárez

José Suárez daría a volta ao mundo ata en dúas ocasións, e viviría en sitios coma os mencionados Arxentina e Xapón, ou Uruguai. O problema é que a morriña pola súa terra era cada vez maior, sendo o desencanto definitivo as súas viaxes o Xapón, lugar que ao fotógrafo recordáballe en moitos aspectos a Galicia. Será entón cando decida voltar á península.

Aquí co seu can, Mambrino, ao que idolatraba, en Uruguai.

can
Mambrino e José Suárez

Xa de volta continúa traballando, pero a súa obra é bastante ignorada e parece que o mundo comeza a esquecerse del. A pesar de isto, aínda chéganlle algúns traballos, coma un libro sobre A Mancha publicado en 1965 e que recolle unha serie fotográfica en branco e negro seguindo a ruta de Don Quixote; ou o póstumo, publicado en 1982, “Galicia: terra, mar e xentes”, con 161 fotografías da nosa comunidade.

Foto tomada nesa serie sobre A Mancha, en 1965.

A Mancha
La Mancha/ José Suárez

Tamén vivirá un breve período de tempo en Ibiza, época á que pertence esta foto:

ibiza
Ibiza/José Suárez

José Suárez, moi propenso a sufrir de depresión, en parte motivada por ver como foi esquecido polo mundo , decidirá rematar coa súa vida nun hostal de A Garda, Pontevedra, a véspera de Reis de 1974. O fotógrafo, elegante ata o final, deixaría unha nota de despedida, pedindo perdón por calquera molestia que a súa morte puidera ocasionar.

Remataba desde xeito a vida dun artista que gozou de certo recoñecemento no seu momento, pero que co paso do tempo foi quedando relegado, ignorado polo gran público da época, e que endexamais ha de caer no esquecemento. Nos últimos anos, por sorte, estanse a levar a cabo algunhas exposicións sobre o seu traballo en distintos puntos do mundo polos que o fotógrafo pasou, pero a súa obra continúa a ser bastante descoñecida.

America
Exposición de José Suárez

De José Suárez chegouse a dicir que “tiña ollos que pensaban”. Estamos ante un fotógrafo espectacular, que centrou a súa obra na figura humana, moi influído polas distintas vangardas europeas da época, obsesionado por retratar ás xentes dos distintos lugares polos que viaxaba e cuxo traballo merece, e moito, a pena ser visto.

Un artista ao que, e a modo de curiosidade, dicir que lle gustaba recorrer a pé a distancia entre Salamanca e Allariz, ataviado cunha mochila lixeira, cámara ao pescozo, rexistrando os distintos escenarios polos que ía pasando e retratando ás persoas coas que se cruzaba, algo que continuou a facer toda a súa vida, nunca obra que fala máis que de sobra por el, e ao que paréceme moi necesario reivindicar.