Archivo de la categoría: Arte

ESTIGMA, II ESCEA

Unha obra de Manuel J. Maside


 

(O fillo medrou, é agora un mendigo duns trinta anos. Está sentado pedindo á xente que pasa pola rúa)

 

Fillo: Cago na cona, a xente non da nin un peso. Manda carallo, oxalá lles pasase o mesmo algunha vez!!! … Non, mellor non, isto non se lle desexa a ninguén. Pero, foder, un pouco máis de humanidade, un pouco máis de empatía. Son humano coma eles! Fillo do señor, cidadán  dista cidade, inda que non sexa a miña levo xa moitos anos aquí.

 

(Entra en escena outro mendigo, Charlie)

 

Charlie: Cona, meu, que barallas so? Non che chega estar na rúa que tamén queres semellar tolo?

 

Fillo: Ao mellor dábanme máis cartos. Non, non!! Tolemia xamais. Pobre pero normal.

 

Charlie: (Senta onda el na beirarrúa) Ai meu, que mal estás da cachola.

 

Fillo: (Anoxado) Foder, Charlie, non estou tolo!!

 

Charlie: Tranquilo home, era unha coña.

Fillo: Pois con iso coñas cero.

 

Charlie: Vale, vale… (Pausa) Que tal a recadación?

 

Fillo: Hoxe mal, a xente está da virxe do puño.

 

Charlie: O de sempre, nin ca choiva se apiadan de nós. E iso que nós non o gastamos en drogas ou alcohol.

 

Fillo: Somos os limpos de espírito.

 

Charie: So lacazáns

 

Fillo: Non é iso, Charlie, non é so iso

 

Charlie: (Dálle unha palmada nas costas) Xa o sei, meu, sei as que pasaches, pero inda así algo lacazáns somos (Ri)

 

Fillo: Se a miña nai non morrera, máis ben se non se matara, eu non creo que estivese aquí.

 

Charlie: Seino, e o do teu pai e todo iso.

 

Fillo: Nin el quería manterme nin eu quería que me mantivese. Por iso marchei da casa e… En fin, sabes a historia de sobra, non vou seguir.

 

Charlie: Si, cóntala varias veces o mes, demasiadas veces ao mes (O fillo mírao con desprezo) Tranquilo, era coña.

 

Fillo: Que dixen antes? Hai cousas que coñas cero. (Pausa, quedan papando moscas) Ás veces pregúntome que lle pasaba pola testa a miña nai cando estaba así, mirando ao mundo en silencio.

 

Charlie: E ti, en que pensas?

 

Fillo: E ti?

 

Charlie: Primeiro ti.

 

Fillo: Nela, sempre nela. Desesperadamente. Non puiden axudala, nunca, fun un fillo pésimo.

 

Charlie: A cona, meu! Estou seguro de que fuches un fillo magnífico, deses de monumento.

 

Fillo: Ela si que era de monumento.

 

Charlie: E ti que? Prefires estar na rúa que vivir da esmola dun pai coma ese?

 

Fillo: Vivo. Vivimos da esmola de descoñecidos (Ri)

 

Charlie: (Ri tamén) Algunha non é tan descoñecida, pasan varias veces por aquí, xa podían deixar máis cartos.

 

Fillo: Precisamos unha moza.

 

Charlie: Ti sobre todo.

 

Fillo: E ti, non te fode! Botar un… xa sabes, un foguete e liberar emocións.

 

Charlie: Estaría moi ben, aforramos 50 euros cada un e xa sabes… (Ri)

 

Fillo: (Nas pavías) Unha que me quixese, que me dese cariño e calor polas noites, vivir nun pisiño e ter un gato chamado Lenin… Non sei, estaría ben…

 

Charlie: Estaría cojonudo, pero na nosa situación… un pouco difícil ligarnos a unha desas. A unha desas ou a calquera. (O fillo papa moscas) En que carallo pensas, na túa nai? Agardo que agora non (Ri)

 

Fillo: O amor é tan fillo de puta.

 

Charlie: A nosa vida é puta, non lle botes a culpa ao amor.

 

Fillo: Quixera ter a quen apertar. A vida así é unha merda. Temos que reformarnos.

 

Charlie: Como? Non temos un puto peso!

 

Fillo: Loitar por algo, quizais un traballo, empezar polo mínimo e ir medrando.

 

Charlie: Eu xa non podería, non teño ganas…

 

Fillo: Algo… Ter algo.

 

Charlie: (Tamén nas pavías) Darlle nos fociños á xente que nos ve aquí tirados, vernos na póla.

 

(Os dous quedan nas pavías, pensativos. Polas costas aproximase Xoana, membro dunha igrexa cristiá)

 

Xoana: (Moi sorrinte) Ola, estades ben? Pódovos molestar un intre?

 

(Os dous dan a volta de súpeto)

Charlie: (Sorrinte logo de ollar de arriba a abaixo a Xoana) Molesta, molesta canto queiras, que non temos nada que facer. (Charlie dálle a man)

 

Xoana: Eu son Xoana. (ao fillo, dándolle a man) E ti, como te chamas?

 

Fillo: (Dálle a man, sorrinte) Iso non importa.

 

Xoana: Teño pasado por esta rúa e a certas horas sempre estades por aquí pedindo esmola. Estades na rúa?

 

Charlie: Estamos, é o nosa humilde morada.

 

Xoana: Pódovos facer unha pregunta delicada? Consumides alcohol ou drogas duras?

 

Charlie: Non, somos moi sans. So tabaco, e por sibaritas (Todos rin)

 

(Xoana comeza a falar con Charlie, os dous moi sorrintes, pero non se escoitan as súas voces. O fillo levántanse e fala para si, mais ollando ao público)

 

Fillo: Charlie non vai foder con ela, dubídoo. Mais se o fai, alégrome por el. Eu sería incapaz de facelo, de ligar. Que lle ía dicir? So sei falar de tristuras, do amolado que estou. Son coma unha pataca podre, igual de interesante. Como desexaría ter alguén ao meu carón, os brazos da miña nai, os brazos dunha boa moza. Estou so, estou so… Non sei que facer… (Escóitanse risas de Xoana e Charlie. Vanse da escena. O fillo chantado coma unha estatua no chan) A ver se ven pronto a noite, poñerme ca manta a durmir contar estrelas, caer baldado e non espertar máis. Como me prestaría…

 

(Apáganse as luces)

es2
Escea II /Fotog: David Novoa

Fotografía de David Novoa

 

ESTIGMA , Primeira Escea

Unha obra de Manuel J. Maside


ESCENA 1

 

(O salón dunha casa. Na cadeira de brazos  unha muller, a nai, con instrumentos de calceta na man, mais totalmente queda, ca vista perdida no público. No chan, xogando cuns coches de xoguete, o fillo)

 

Fillo: Nai, que lle pasa? (Pausa) Xa está maliña coma sempre, nai? (Pausa) Pódeme contar que lle pasa, non llo digo a ninguén… De verdade, confíe en min.

 

(Pausa. Segue a xogar)

 

Nai: Fillo, ti… non sabes… ti… non sabe.. eu…

 

Fillo: (Volve mirar á nai) Non sei que lle pasa, nai, nunca mo di, nunca fala, so queda aí pasmada, eu… non sei que facer. (Triste, ca testa baixa) Se a lo menos me contara algo…

 

Nai: Ti… non sabes… eu

 

(O fillo volve a xogar, metido no seu xogo, a muller segue estática. Entra o pai no salón)

 

Pai: (Canso pero ledo, sen reparar na nai) Ola, familia (Vai onde o fillo e saúdao cariñosamente) Ola, fillo, como estás? (Vai cara onde a nai) Ola nai, que tal… (Repara no estado catatónico. Anoxado) Outra vez, outra vez?? Xa está outra vez a tola esta papando moscas no seu mundo?

 

Fillo: Pai, non lle rife, ela está enfermiña outra vez, non lle rife.

 

Pai: (Moi anoxado) Non rifo, non rifo… soamente me cago en todo!! Puta tola, por que casaría con ela? Por que carallo escollería a esta tola entre todas as mulleres? Cagoental! Estou ata o carallo desta muller, ata o carallo! Non fai nada, non coida de ti, non cociña, a cona, muller, a cona!!

 

Fillo: (Chorando) Pero, pai! Ela está enfermiña, non ten culpa, ela é boa, é boa!

 

Pai: (Moi preto da orella da nai, que permanece inmóbil) Quen me pon unha cervexa, quen?! O carallo, póñoma eu? Vai tomar polo cu. (O fillo chora desconsolado) E ti que choras, papaostias? Marcho desta casa.

 

(O pai marcha da escena. Queda o fillo chorando desconsolado e a nai igual de paralizada)

 

Fillo: Nai, que lle pasa? El é… el non lle merece a pena… pero a min pode falarme… (Unha bágoa cruza o rostro de pedra da nai, logo baixa a testa) Eu non sei que facer por vostede, se me dixera que lle pasa…

 

Nai: Eu… non sei… eu… so quero… morrer…

 

Fillo: (Chora inda máis) Non quero perdela… (Berra) Non quero perdela!! (Marcha correndo da escena)

(Queda a nai sentada na cadeira de brazos, levanta a testa, olla ao público e seca ca man as bágoas. Entra un home vello en traxe e ponse ao seu carón, charlan)

 

Home: Moitas bágoas, non si?

 

Nai: Unhas poucas, as de sempre, comezo a estar seca.

 

Home: Cando o vas facer?

 

Nai: Dáme tempo.

 

Home: Vaste despedir? Eu non o faría, é peor.

 

Nai: Por el dáme igual, é un fillo de puta, ten razón, pero é un fillo de puta, pero o neno.

 

Home: Non é un fillo de puta, ti non satisfás os seus desexos.

 

Nai: Coñezo os teus razoamentos, todo a culpa é miña.

 

Home: E o fillo? Chorando desconsolado por ti? Non é culpa iso tampouco?

 

Nai: (Volve chorar) Supoño que si, é culpa túa.

 

Home: Eu so che digo a verdade.

 

Nai: Supoño que si, que é culpa miña.

 

Home: Lamento dicircho, pero sabes de sobra que es un lastre para a túa familia, estalos fodendo ben. Un home que desespera e un fillo que non para de chorar.

 

Nai: Por que deus fixo isto comigo?

 

Home: Non metas a deus nisto. A que rebenta vidas es ti.

 

Nai: Se marcho, o me fillo terá un estigma ante a sociedade dunha nai tola que se matou.

 

Home: O estigma vai telo igual, ou pensas que non se enterarán pronto por aí que ten unha nai trallada da cabeza?

 

Nai: Certo. Pero inda así, quizais inda me precisa, uns anos máis.

 

Home: A ti? (Ri) A ti quen carallo te precisa?

 

Nai: Gozas con isto?

 

Home: É o meu traballo, en serio, soamente fago o meu traballo.

Nai: Parece que gozas.

 

Home: Antes dixeches que o teu home é un fillo de puta… Mataríalo?

 

Nai: Que dis?? Xamais faría dano a ninguén, e menos a el.

 

Home: Perfecto, soamente quería deixalo claro.

 

Nai: Non son unha criminal!

 

Home: Ben. De todas formas vai pensando cando e como.

 

Nai: Non vas axudarme?

 

Home: (Sorrí cinicamente) Por suposto! Agora penso que ven o teu fillo. Ata logo!

 

(Marcha o home. Entra polo outro lado o fillo. Corre a onde a nai e dálle un bico)

 

Fillo: (Secando as bágoas) Nai, é por culpa miña?

 

Nai: (Chora e dálle tamén un bico mentres sorrí amable) Como vai ser por ti? Es o mellor que me pasou xamais. Se por min fose estaríamos xuntos toda a vida… Que fuches facer?

 

Fillo: Nada, nai… Fun chorar.

 

Nai. Ai, meu fillo, non chores por min!! Eu xa son vella e teño manías. Ti vive a vida sen ollar as miñas tolemias.

 

Fillo: O pai é malo, bérrache, non entende que estás mal.

 

Nai: (Con curiosidade) Por que dis que estou mal?

 

Fillo: Véxote mal, pasmada, cos ollos tristes, queda. Unha vez vin na aldea dos avós unha curuxa nunha póla á que lle pillara a luz do día lonxe do niño. Tiña os ollos grandes coma pratos, e estaba queda coma unha estatua. Ti estás igual de mal, ou a lo menos iso semella, como nunca me falas non sei que che pasa.

 

Nai: Non me pasa nada, as veces póñome nerviosa, nada máis.

 

Fillo: Non pareces nerviosa, semellas noutro mundo, case morta.

 

Nai: (Sorrí) A outro mundo vou, a onde están os meus pensamentos máis escuros, loitando uns cos outros nunha batalla fratricida, e fáltame o ar, e preciso vento, e marcho a un cantil con vento onde ollo o sol morrer no mar, i eu mesmo quero… En fin, son pensamentos meus, non quero que te preocupes, soamente son cousas que me pasan pola testa, como a calquera. Non te preocupes.

Fillo: Non entendín moi ben todo iso.

 

Nai: Normal fillo, a túa nai ten pensamentos moi complexos, de adultos.

 

Fillo: Eu tamén penso ás veces.

 

Nai: En que pensas?

 

Fillo: Nun mundo mellor.

 

Nai: Para a xente pobre?

 

Fillo: Non, para nós os dous, un paraíso onde podamos vivir tranquilos o resto da vida.

 

(A nai bota a chorar e aperta ben forte ao fillo, que lle devolve a aperta)

 

Nai: (Berrando) Por que serei tan filla de puta, por que??!!

 

(Apáganse as luces)

David Nóvoa Sequeiros
I Escea/ Fotog: David Novoa

 

Fotografía: David Novoa