Archivo de la categoría: Artigos

«A Inmortalidade»

Prometeo dirixídose aos deuses:

«Non existiríades se non fosen tolos cheos de esperanza os nenos e os mendigos»

Goethe.

A inmortalidade é un concepto que hoxe ten o seu lugar no presente xa que o narcisismo plausible ocupa as páxinas das redes sociais e satura as  de casos particulares de diversa índole os contidos dos medios de comunicación aportando unha ansiedade mediatizada en imaxes que constrúen unha relación social. Concepto aportado por Debord en La sociedad del espectáculo e onde o autor vólvese  visionario da dimensión tecnolóxica que camiña a par da conducta humana na metade do século XX.  Neste contexto tecnolóxico  o individuo perde a súa esencia e convértese en personaxe físico “ born to kill”  na contenda cibernética. A inmortalidade atópase en cada foto que subimos e na aceptación que a mesma ten , así coma no resultado que estas infunden sobre a nosa personalidade acadando dous conceptos  que irán unidos;  o “elo” e o “super-eu” na pantalla e o “eu” real que actúa sobre a mesma modificando o noso perfil. Para comprender o concepto de Inmortalidade debemos diferenciar esta palabra do concepto de eternidade, dous valores  diverxentes en forma e fondo en canto a análise cara a nosa predisposición a cada un dos axentes. A  inmortalidade defínese na búsqueda da fama tanto a niveis mundiais coma mundanos mentres que a eternidade acada a súa condición de axente especial en canto a desaparición temporal dun suxeito que vive no seu presente e que polo tanto se funde no ocaso paralizando a compoñente temporal e converténdoa en atemporal de forma inequívoca, e así se converteu Rimbaud, o poeta francés en partícula que afronta a súa mortalidade, espíndose ante o solpor , ante a terra,  e formando parte  da súa constante xiratoria.

¡La hemos vuelto a hallar!

¿Qué?, la Eternidad.

Es la mar mezclada

con el sol.

        (A.R)

milan-kundera
Milan Kundera ; Escritor Checo.

Na Inmortalidade revisada por Kundera o individuo chega a ser a víctima da súa propia búsqueda de fama inmortal e a compara coa fama na que se revolve nun círculo vicioso. Máis existe unha fama trascendente e secular que lle otorga ó individuo unha reputación histórica. O xesto de Napoleón tocando a súa costela esquerda coa man dereita é xa unha pose inmortal. Nun primeiro momento o emperador francés realiza ese xesto de forma involuntaria, debido a dores estomacais,  máis logo adopta esa posición de forma máis meditada  e en presencia dos seus retratistas persoais .Esa postura simbólica a segue mantendo Napoleón nun encontro co Dramaturgo Alemán Johann Wolfgang Von Goethe . Un encontro entre dous persoaxes de fama histórica, os cales manteñen unha conversa que se carga de toda esta enerxía case divina. Os persoaxes de dita reunión forman dous polos de entendemento da inmortalidade;  por unha banda Napoleón que é segun Kundera o máis inmortal dos dous ; o dramaturgo da escena levada a práctica real , o estadista que move as fichas do taboleiro para o beneficio persoal, e nun segundo plano , para os beneficios dunha nación; un déspota ao que se lle otorga a fama de estadista de alento faustiano “ De aquel que leu todos os libros” a  “Aquel que combatiu en todas as batallas” . Por outra banda atopámonos coa presenza do poeta Alemán mais recoñecido , e polo tanto tamén inmortal, máis el é o inmortal teórico , o literato consciente da trascendencia das súas obras, un home preciso que recoñece a existencia da inmortalidade e que se desenrola sempre cunha actitude de prudencia , unha virtude que Goethe ten moi arraigada na súa percepción humana da realidade.

 

 

Napoleón, no citado encontro, recibe a Goethe mentres almorza,  a pesar de sentir gran admiración por el, e en especial pola obra Wherter , este decide manter as distancias mentres se mostra moi atarefado falando cos homes uniformados que o rodean, un deses homes  indícalle a presencia de Goethe. Napoleón entusiasmado afirma berrando: “Velaquí un home!”. Esta afirmación aseméllase a búsqueda  da humanidade  por parte de Diógenes o Sabio quen tamén pretendía buscar un ente inmortal máis se atopou co figura de Carlo Magno nun dos capítulos máis cómicos e esenciais da historia da filosofía.  Na propia conversa Napoleón plantéxalle unha cuestión do máis irreverente e asociada ao libro xa citado “ As desventuras do xoven Werter” ,a pregunta é a seguinte: “E contrario a natureza?”(“Nega polo tanto como afirma Robiesperre que a morte e o principio da inmortalidade?” S.) Napoleón refírese ao episodio no que Carlota envíalle a Werter a pistola coa que se suicida. Kundera en voz de Goethe responde esta pregunta cunha pequena frase  afirmando: “Non son digno do meu sufrimento” e  elo derivao a reflexión de que de todos os sentimentos, o sufrimento é o que merece maior respecto para logo engadir  “ Ata certo momento a morte é algo demasiado lonxano para que nos ocupemos dela .. Máis logo comezamos a ver a nosa morte ante os ollos e xa non podemos librarnos de pensar nela. Está con nós…podemos dicir que tamén está con nós a inmortalidade”(MK.)

Pablo Gómez Portas

Dá-dá, “La Gran Chafallada”

Que carallo é o dádá? Pois poderíavos dicir que canto menos saibades, máis preto estaredes de sabelo. Pode ser que o primeiro dadaísta fose Sócrates, o maior sabio da Historia que o único que sabía era que había que desaprender? En certa forma, o dadaísmo tamén é un exercicio que invita a desaprender. Desaprender ás veces é útil para aprender a aprender, que é o importante, verdadeiramente, moito máis co que se aprende.

gran-chafallada
Fotografía de Andre Pérez Justo.

Dicían que o termo “dádá” facía referencia as verbas que di un bebé antes de saber falar. E isto vennos perfecto para o caso, porque un bebé non ten outra cousa que facer máis que aprender. Cecáis a vida non sexa o que pensamos, cecáis non haxa un coñecemento divino que se poida chegar a posuír e que nos faga os seres máis poderosos do mundo, ou, polo menos, das nosas vidas. Cecáis a cousa vaia de aprender porque si, e que os coñecementos sómente estean aí pola oportunidade de pasalo ben aprendendo. Seguro que xa non o recordades; como vos sentiades cando aprendiades. Porque iso co tempo pérdese. Esquécese. Poder ser que pensemos que canto máis se sabe menos fai falla ter unha actitude de espreita, disposta. Pero a verdade na que eu creo é que cando tes 80 anos e xa non tes nada máis que agardar da vida, es afortunado se descobres que a vida aínda ten moito que ensinarnos teñamos a idade que teñamos. Dá-dá, ou a arte, a creatividade, o valor ou o divertimento, a esperanza ou a ilusión, ou inclusive a beleza e o caos, non son só cousa da xuventude. A vida sempre é unha oportunidadade para aprender cousas novas.

gran_chafallada3
Fotografía de Andrea Pérez Justo
gran_chafallada2
Fotografía de Andrea Pérez Justo

O 4 de novembro celebrouse no Café “El Cercano”, en Ourense, un aniversario do Cabaré Voltaire, unha vez fundado en Zúrich no ano 1916. Esta tolería, ou chafallada como moi cariñosamente lle chamaron os amigos de El Cercano, tiña azos dunha auténtica revolución, e non só artística, aínda que o dadaísmo estea considerado o movemento que deu orixe ás vangardas do século XX. O dadísmo tiña o espírito do cambio, a vontade de ruptura, a gañas de dicir “xa abonda” (ou xa comeza!)”. Todo cambio sempre é unha evolución, ou por dicilo dunha maneira menos rancia: un paso cara adiante. Niso consiste a cousa. As vangardas, como a maioría das grandes armas do cambio, xurdiron nun momento de crise, nun momento no que había que romper co inmobilismo causado polo medo. Romper co medo, iso sempre é boa cousa.

Podería atufarvos con informacións obxectivas, como que o Cabaré Voltaire era en realidade un refuxio de artistas e intelectuais que fuxían da Primeira Guerra Mundial (Zúrich era a cidade neutral en Europa), que podía considerarse o eslógan da clase obreira pola súa oposición á arte burguesa… Podería inclusive explicarvos paso por paso cómo se fai un poema dadá. Pero prefiro non facelo. Para iso está a Wikipedia. Calquera enciclopedia ou volume académico podería ser un perfecto exemplo do que NON é dádá. Eles mesmos (os dadaístas) preferiron definir o dadá como a antiarte. Ímoslle pois chamar Cousa… ou Chafallada.

E se algún aínda se está a preguntar que carallo é o dadaísmo, foi necesario ter ido a El Cercano ese día para comprendelo mellor, pois o bo das cousas boas é que sexa necesario vivilas no propio corpo para coñecelas. Agora xa perdestes a oportunidade. Pero se polo mínimo conseguín plantar en vós a dúbida, ou as gañas de aprender, entón xa me podo dar por satisfeita.

Redacción: Nuria Sánchez Álvarez

Fotografía: Andrea Pérez Justo

Iago Rodríguez Cortón (Imaxe principal)