Archivo de la categoría: Artigos

RURALÍZATE! UN ENCONTRO CON RUBÉN RIÓS.

Xa percorrido o mes de agosto pola súa metade, e tamén polo medio dunha finde que prometía ser longa, pois o luns era o 15 de agosto, tivemos un encontro con Rubén Riós, que se atopaba metido de cheo no festival de Artes Escénicas que ten lugar na súa vila natal.

Ante a primeira pregunta, que versa sobre o porqué organizar un festival desas características nun lugar que, en principio, non se amosaría moi válido para moitos dos promotores que traballan polo país, a súa resposta é “unha mestura de inconsciencia, gañas e amor á terra.” Coméntanos que a desconfianza nas posibilidades do festival mantívose ata o sexto ano. Hoxe en día, todo o mundo está de acordo en que non se poderían agardar mellores números, xa que ó longo da fin de semana poden achegarse ó lugar ata 3000 persoas.

img_6964
IX Festival de Artes Escénicas de Riós.

A comparativa con Cans é algo que se proxecta na nosa mente, e faise inevitable tratar esta cuestión. “Aquí estamos no rural de verdade, non nos enganemos.” Esta afirmación da pé a comprender que  a cousa busca dar un paso adiante para apoiar a un rural que ten a urbe máis cercana a case unha hora en coche. Calquera tipo de actividade cultural alí, atópase co atranco da despoboación, que xera o prexuízo de que todo o que se pretenda desenrolar fóra do sector agrario ou hostaleiro está abocado ó fracaso.

Con esta idea trata de rachar o pensamento de que non se poden realizar actividades culturais nun entorno como aquel. Por outra banda, as actividades que se engloban dentro do festival de Artes Escénicas, collen un rango de idades que van “dende os 9 ós 90 anos.” Evita tinguir de cores políticas a súa programación, o que conleva que o interese sexa xeneralizado, xa que non hai ningún sector ó cal se contente en concreto.

img_6502
IX Festival de Artes Escénicas de Riós.

E así que nace deste proxecto Ruralizarte, no que se buscan potencias que poidan facer carreira no eido da cultura e que proveñen do mundo rural. El coméntanos que moitos dos que hoxe están aí visibles, pois sobre un 80% dos que hoxe traballan na cultura, proveñen dese suposto “entorno hostil” para o desenrolo dunha carreira artística, polo que busca expandir esta idea cara outros puntos, creando un movemento bandeira que sirva de trampolín para tantas xentes que poidan amosar o talento que teñen dentro.

Este proxecto ten unha complicación para o seu desenrolo, polo feito de que se precisan medios materiais, humanos e, sobre todo, implicar a xentes do eido da cultura, que poidan coordinar en diferentes puntos eventos similares ao das Artes Escénicas. Rubén mesmo coméntanos que a idea de expandirse se atopa ás veces con ese muro que son as propias ideas. Estas teñen que ir acompañadas de proxectos xa desenrolados: “Tes unha idea? Ben. cantas horas de sono che quitou?” A elaboración deste tipo de proxectos implica un arduo traballo ó cal hai que adicarlle tempo, aínda a risco de restarlle tempo ás persoas que forman o noso entorno.

img_7084
IX Festival de Artes Escénicas de Riós.

Esta edición do festival, viu potencial xa en dúas persoas, o que axuda a que teñan “autoconfianza,” e xera unha rede de contactos, o cal é positivo para desenrolar as respectivas carreiras de cada un deles. Esta actitude entronca co que el pretendía conseguir na película “Vida,” a cal conta no reparto con xente que pertence a A.S.P.A.N.A.S.

Comentámoslle se cabería a posibilidade de ampliar os días de festival, ó cal nos respostou que era bastante complicado, xa que para eses dous días había un traballo detrás de moito tempo e de mobilización de moita xente, conseguindo, por sorte para o propio pobo, que as xentes que alí habitan se involucraran de cheo no proxecto, aínda que nun principio costase facerlles mudar o concepto de traer algo que non fosen orquestras, xa que o evento se enmarca dentro das propias festas do lugar.

dscn0115
IX Festival de Artes Escénicas de Riós.

Por outra banda, a financiación está feita por iniciativa privada, na súa maioría, intentando reducir custos, metendo a persoas da súa produtora Claqueta Coqueta, ademais de contar, evidentemente, coa xa comentada forza do voluntariado. A súa figura, aparte, ó ser de dominio público, axuda tamén a conseguir máis facilmente o visto bo de entidades privadas á hora de colaborar.

Para o ano, conta facer o que será xa a décima edición, na cal intentará reunir polo menos á metade dos artistas que pasaron ó longo do tempo que se leva feito. Rubén Riós, que conta no seu haber cun camiño percorrido xa, asegura que a partires da décima edición o que tocará é sentarse e falar, pois sinte a necesidade de relevar a organización, pois quítalle moitas horas de vida. Como colofón, polo tanto, déixanos un titular para encabezar a nosa entrevista: Rubén Riós preparando a X edición. Que haxa sorte, ou, como ben lin nalgures, que o azar sexa ben aproveitado.

David Conde Seoane

Fotografía: Pily Reñones

CRISTOVO COLÓN, O PRIMEIRO GALEGO QUE FOI A AMÉRICA

“Reivindicar a Colón é unha tarefa pendente en Galicia”

Carlos de Vilanova

Un dos maiores misterios da historia é a patria de Colón, si xa sei, diredes que era xenovés, pero, estades seguros? El mesmo encargouse de agochalo seu pasado e nin tan sequera aos seus fillos contoulles cal era súa orixe familiar. Que en tódolos manuais de historia saia que foi nado en Xénova débese a gran campaña publicitaria que fixo Italia sobre esta teoría, baseada en documentación que fala dunha familia de comerciantes chamada Colombo nesa cidade, e de interpretacións de documentación do propio mariño. A día de hoxe unha vella teoría vai collendo novas forzas e xa son moitos seus defensores: Cristovo Colón era de Pontevedra.

A orixe do Colón pontevedrés.

O pai desta hipótese foi Celso García de la Riega a finais do século XIX. A primeira vez que a expuxo ao público foi en 1898 nunha conferencia en Madrid, contan que a xente acudiu escéptica a escoitalo, mais cando saíron xa non tiñan tan clara a idea oficial do comerciante italiano. En 1914 saía a luz seu libro Colón español, su origen y patria.

Ao pouco tempo de publicalo García de la Riega morría, e nese momento estoura unha tormenta de críticas contra a súa obra e persoa. Os maiores ataques viñan, sorprendentemente, de outros autores galegos: Manuel Murguía e Eladio Oviedo e Arce. Este último acusaba a Celso García de la Riega de falsificación dos documentos que empregou como fonte do seu traballo. Esta campaña de desprestixio parece que foi orquestrada dende Madrid polo secretario da Real Academia de Historia Ángel Altolaguirre, que ao parecer tiña amigos nas alturas ós que non lle gustaba que o Almirante nacera en España. Cando morreu Altolaguirre un anticuario barcelonés mercou súa biblioteca, nun dos libros había unha carta do alcalde de Xénova ao embaixador italiano en España na que lle pedía que afundira a teoría galega. En Italia sempre houbo moito interese das autoridades porque o Descubridor nacera naquel país, un dos máis acérrimos defensores da orixe xenovesa era Benito Mussolini.

Este acoso e derribo contra o Colón pontevedrés case acaba ca figura do seu autor pero non ca idea, xa que moitos autores recolleron o guante e seguiron ca investigación.

En que se basea está orixe pontevedresa?

En primeiro lugar está a documentación do século XV que fala dunha familia de mareantes pontevedresa chamada Colón. Os detractores dicían que o autor falsificara os documentos porque marcara por riba os nomes que aparecían nos papeis, podendo por o que a el máis lle conviña, mais el sempre afirmou que os perfilara para distinguilos mellor nas fotografías. Tiveron que pasar cen anos para que a ciencia demostrara que de la Riega non falseara nada: unha proba confirmou que o papel era do século XV-XVI e a policía científica tras analizar os nomes remarcados concluíu que a tinta do que esta escrito por riba e por baixo coinciden.

Sorprendentemente o “Xenovés” non falaba italiano, non hai escritos del nesa lingua, e o máis curioso de todo era que para escribirlle a un matemático e astrónomo italiano amigo del, Paolo Toscaneli, tiña que pedir axuda a un tradutor. Porén a documentación que deixou estaba chea de léxico galaico-portugués, hai máis de 500 termos nesta lingua. Entre esas palabras hai algunhas coma con (rocha ocultada polas mareas, esta verba é moi usada nas Rías Baixas) ou xevileo (xubileo) que só as empregaban en Galicia. Hai que dicir que no século XV-XVI á maioría dos galegos que escribían en castelán colábanselle moitas verbas da nosa fala. A mesma raína Isabel a Católica chámalle portugués a Colón nunha carta, sería polo seu acento galaico-portugués?

colon-descubrimiento-644x362
Colón chega ao Novo Mundo.

Outro dos argumento é a toponimia dos lugares que el descubriu no Caribe, moitos corresponden a nomes que tamén hai nas Rías Baixas e incluso están na mesma orde xeográfica; máis de 100 topónimos coinciden (que raro que para ser xenovés ningún sexa desas terras). A familia Colón de Pontevedra residía en San Salvador de Poio, na parroquia de Porto Santo, pois o primeiro nome que puxo nas Indias é San Salvador; en Cuba funda Porto Santo; en Xamaica (a que bautizou coma Isla Santiago) chamou a dous ríos Miño e Xallas; etc.

A nao La Gallega.

Unha das tres embarcacións que chegou a América en 1492, a Santa María, fíxose nun estaleiro do barrio da Moureira en Pontevedra, e nun principio foi bautizada co nome da Galega. Por aquel entón a cidade do Lérez , que era o segundo porto comercial do Atlántico tras Lisboa, tiña moita fama no que a construción de barcos se refire.

Enríque Zas, un dos que continuo cá investigación, defende na súa tese que o dono da Galega, Juan de la Cosa, era tamén de terras galaicas (Xoán da Coxa) e que tras alugarlle a nao a Colón, este mudoulle o nome por Santa María en honra da patroa de Pontevedra Santa María a Maior. Como proba disto da o dato de que tras arribar ao Novo Mundo Colón celebrou a festa desta Virxe o 18 de decembro de 1492, festa moi celebrada tamén na cidade galega.

A casa do Almirante en Poio e “El huevo de Colón”.

En Porto Santo (Poio) a tradición popular afirma que a casa coñecida coma Casa da Crus, é onde naceu o Descubridor. En fronte da casa hai un cruceiro no que se le o nome Joam de Colón o cal mandou facer aquel monumento. O bispo de Tui Diego de Avellaneda, nunha carta pastoral do tempo do descubrimento di que Colón era nativo do Reino de Galicia e o relaciona cos Colón de Poio. Tamén os descendentes do Almirante herdaron terras en Pontevedra, por que tería terras aquí un comerciante italiano?

Hernando Colón, fillo de Cristovo, conta na súa obra  Historia del Almirante de las Indias Don Cristóbal Colón que seu pai “limouse” o apelido, este dato non é comprendido polos historiadores pero, podería agocharse a resposta na igrexa de Santa María a Maior? Resulta que naquel templo hai unha capela mandada construír por Joam Colón (o do cruceiro da Casa da Crus) e resulta que no altar aparece gravado seu nome, ca curiosidade de que hai un espazo no seu apelido (Co lón) onde posiblemente habería un l, por que o quitaría? Nunha carta do rei Joao II a Cristovo en 1488, o monarca portugués chámalle Collón, o motivo polo que Joam quitoulle un l o seu nome era para evitar confusión ca verba galega collón? Podería ser isto o que se refire Hernando cando di que “limou” o apelido? E ten que ver isto co mito de “El huevo de Colón”?

juan-colon-santa-maria-la-mayor
Inscripción de Joam de Colón na igrexa de Santa María a Maior.

O negro pasado do Almirante. Un nobre rebelde aos Reis Católicos?

Que motivos fixeron que este persoeiro quixera ocultar seu pasado? Entre as hipóteses cas que se traballa estarían que fose un xudeu converso, e quixo ocultalo para que seu “sangue sucio” non fose un obstáculo ao seu proxecto; ou que combatera no bando portugués na guerra de Sucesión Castela (1475-1480), que levou ao trono aos Reis Católicos.

Esta segunda idea é a que máis casa ca teoría da orixe galega e tamén é defendida polos seguidores da teoría catalá: poido ser un corsario ao servizo do rei Afonso V de Portugal, coma o capitán Casanova Coullón (que se asentou en Pontevedra); ou un nobre que se decantou polo bando castelán-portugués. Parece que a idea do nobre rebelde podería ser a clave que descubra o pasado de Colón, pois en Galicia hai un cabaleiro cuxa vida casa en moitos aspectos ca do mariño, pero diso falareivos noutra ocasión.

Colón produto da publicidade.

Dicía nun programa Afonso Eiré (que foi director de A Nosa Terra) que hoxe todo o mundo pensa que Cristovo Colón era xenovés por todo o aparato publicitario e investigacións con que o estado italiano apoio a teoría, e que se a nosa hipótese non callou foi pola falta de axuda institucional. Inda así parece que o traballo que comezou Celso García de la Riega en 1898 pouco a pouco fai abríndose camiño, pois este ano estaba eu vendo un capítulo da serie el Ministerio del Tiempo (só a vin para confirmar o que vou contar) na que saía Cristovo Colón, e, para a miña sorpresa, seu fillo fálalle en galego.

pedro-madruga-cristobal-colon
Retrato de mariño atopado en Tui (s.XV), podería ser Cristovo Colón?

David Sabucedo Cardero

Para saber máis:

Alfonso Philippot Abeledo, Colón, galego. O almirante da mil facianas. Ed. Toxosoutos 2006.