Archivo de la categoría: Cinema

CHAPLIN: o xenio do cinema

105 anos do seu primeiro filme

Autor: Álex Fidalgo


Hai imaxes imposibles de esquecer, ó longo da túa vida gardas recordos que lle dan sentido ó teu pasado, ó teu presente, pensa neles, aínda olen a aquel perfume que che agasallaron, á paisaxe máis azul da túa infancia.

Recordo con exacta nitidez, camiño dos 5 anos me teño que situar, a primera vez que vin esa silueta, esa sombra que enchía a pantalla como nada igual, o seu contoneo, a súa sensualidade, era casi físico, maternal, el atraíame a min, a súa namorada, ó garda, ós extras, á cámara, ós meus pais, máis alá do humor e moitísimo máis alá dunha primeira etapa comercial, esta personaxe merece toda a miña paixón nestas letras porque realmente foi, é, un todo inmortal, á imaxe mais recoñecible deste planeta.

97811

Fillo da decadencia victoriana londinense de finais do XIX, Charles Spencer Chaplin destaca dende rapaz nos music-hall da cidade, e a súa forma de aportar a un pai alcolizado e unha nai esquizofrénica a cal morrerá, anos despois, e sen ter un mínimo coñecemento racional, na costa oeste americana, de que o seu fillo menor consagrarase no podium mundial da súa época.

Esta perturbación infantil provocada polo estado mental da súa nai e a pobreza derivada das condicións familiares sera unha constante no seu legado cinematográfico, todo xira entorno a un existencialismo redondo con forma decadente o cal hai que afrontar asentando bases, valores, inmutables e constantes os cuais sempre darán a victoria a David frente a Goliat; se analizas a personaxe de Charlot, cas súas armas nunca deixa de gañar.

Como artista, creou unha saga, fixo do 7 arte un arma de protesta e dignificou a unha sociedade que non ten voz, asaltando as salas de cine mundiais para transmitir a “boa nova” case coma un mesías do amor, o humor e a esperanza. Como un todo, el producía os seus films, dirixíaos, escribíaos, protagonizábaos, compuña a súa banda sonora e non temía deixar o seu último centavo nun novo proxecto.

Como empresario alcanzou as cotas máis altas de popularidade e riqueza, nunca olvidou ós actores que o acompañaran ao ancho e longo da súa carreira manténdoos a soldo ata o final do seus días (como Edna Purviance, romance e actriz de reparto ata un par de anos antes do estreno de “La quimera del oro”; ou Jackie Coogan, el tío “Fétido” anos mais tarde na Familia Adams, o cal tamén podemos coñecer como o rapaz protagonista da película, case autobiográfica, de Chaplin: El chico.

33186

Como persoa foi un xenio inmerso na súa obra, galán, seductor, colleitou amizades coma Albert Einstein ou Ghandi, mulleres e escándalos amorosos por doquier, críticas pola súa suposta ideoloxía comunista (que sempre desmentíu) feito que o levou a ser expulsado dos EE.UU polo fiscal McCarthy temeroso dos activistas pró-socialistas.

Como Charlot, estou seguro que era o espello da alma de Chaplin, sempre delirante, acción continua, gag exaserado, paixóns desmedidas, miradas cómplices, capaz do peor por chegar ó ben, capaz de azotar un garda en pantalla fai máis de 100 anos!capaz de armarse de Hitler e decirlle ao mundo que vai a pasar. E, quizáis, a imaxe poética máis exacta entre Walt Whitman e Baudelaire.

Ao igual que Picasso, desvirtúa as formas para chegar a metafísica das cousas, das persoas, o arte polo arte, o peso que Charlot soporta nun film é maior que a trama no seu conxunto, el só enche o espazo como as “señoritas de Avignon” o seu lienzo e xoga coas túas emocións pincelada tras pincelada, eterno romántico, fai da cabaleirosidade un standard de calidade no que non inflúen pertenzas nin posesións físicas para dar ca chave das persoas, sempre con tacto, cas xemas quentes por unha adolescencia miserable, industrial, en términos da súa filmografia, a sua infancia e “El chico”, “Tempos moderno” a súa adolescencia moral e “El gran dictador” un todo revolucionario, maduro, sen medo a nada, desafiando a un dos dictadores máis temidos da historia.

A 103 anos do seu primeiro film, o seu humor é atemporal, a súa filosofía é atemporal, o seu concepto de amor é atemporal, todo late, permanece vivo, hai, se mo permiten, unha clara necesidade na súa obra de perdurar nas xeracións; as mesmas palabras morren, desaparecen ou perden sentido, o seu silencio e atronador, personal, eres ti e son eu, fostes vos onte e eles mañá os que desempolven dos grandes arquivos da humanidade, chegada á última xornada, no día final, a Platón, Julio Cesar, Galileo, Cervantes, Napoleón, Kant, Newton, Nietzche, co medo de que unha alternativa era posible, “faise camiño ó andar”, donde por suposto, no gran arquivo, no maior tesouro que poseemos os comúns, se atope Charles Chaplin.

Non vou finalizar cunha conclusión, non sería posible para min nin creo que tivera sentido (non podes sacar conclusión dunha casa que aínda non se rematou) cando un século despois segue a desorbitar ollos de pequenos e maiores, en todos hai unha parte ben grande de Charlot, en moitas cousas, mesmo en min, tatuouseme a altura do peito, o seu refinado e marcado rostro co seguinte epígrafe: “My way”.

Ala onde a paixón che deixe descansar en paz, grazas, moitas grazas Carlos.

A NOITE DOS MORTOS VIVENTES

Autor: David Sabucedo Cardero


Imaxinade por un intre que estamos nunha casa da cidade da Coruña na década dos 50. Na cidade herculina atopábase Jorge, un cativo estadounidense con raíces galegas que estaba de visita na casa familiar. Unha das cousas que máis lle gustaban ó rapaz era escoitar as lendas de pantasmas que lle contaban súas tías coruñesas. Aquela noite, trala cea, súa tía Pura contoulle a seguinte historia:

“De nena a nosa casa quedaba preto do monte. Pola noite, moi tarde, ás doce, vía eu por alá enriba unha ringleira de luces.

-Pai-dicíalle eu ó meu pai-, cantas luces van por alá enriba!

-Cala, miña filla, cala, que é a Compaña. Son as ánimas que andan en pena polo mundo.”

(Leyendas, mitos y creencias de Galicia)

Logo volveremos con Jorge e súa tía pero antes falemos do tema sobre o que trata a lenda anteriormente narrada, a Santa Compaña.

As da Noite: “Andad de día que la noche es mía”

Pouco ten de Santa este grupo de ánimas en pena, o certo é que na tradición popular nunca se lle deu tal nome, xa que foi este unha invención erudita do século XX: Compaña, Hoste, Estantiga, Estadea, As da Noite, Compañía, etc. eran as máis comúns formas polas que o pobo denominaba a esta procesión de mortos que busca seu lugar no Alén.

557px-Nuremberg_chronicles_f_264r_(imago_mortis)
Danza macabra ou triunfo da morte.

A Compaña é de ámbito parroquial, é dicir, a parroquia e os seus camiños é o lugar polo que vagan estas animas do purgatorio. Pódese dicir que existe unha parroquia de mortos e outra de vivos, nesta os defuntos fan de mensaxeiros para os vivos, sinalando a que veciño veñen recoller. Non só aparecen en procesión, ás veces os mortos celebran misas polas noites, Misas de Ánimas, nas que sempre precisan un vivo para que axude o defunto sacerdote cos oficios; ánimas soas que teñen que emendar unha mala acción realizada en vida (o movemento dos marcos da terra é a máis común); ou esqueletos que convidan ós vivos a banquetes no alén emulando a historia de don Juan Tenorio.

Dependendo da lenda a Estantiga sae tódalas noites ou algunhas especiais; sae toda a noite ou só unhas horas, o horario laboral das pantasmas deu lugar a ditos coma: “entre as doce e unha anda a mala fortuna”, “entre as nove e as dez deixa a noite para quen é” ou “andad de día que la noche es mía” (este último é da veciña Asturias). Como mínimo ten que estar composta por cinco membros que camiñan en dúas ringleiras seguindo os sucos que as rodas dos carros deixaron nas corredoiras; estas van vestidas cun sudario branco e os pés descalzos; nas mans portan unha luz, xa sexa unha candea ou un óso prendido, tamén portan un caldeiro, unha campá, un estandarte, unha cruz e un peto de ánimas (o encargado do peto é un coxo). O portador da cruz é un vivo que esta escravizado polos defuntos, este nunca pode mirar atrás, ten acudir tódalas noites estea onde estea e garda silencio sobre as súas actividades nocturnas; o coitado mirra fisicamente, perde peso e a cor da faciana, quedando pálido coma os mortos que acompaña, tal tristura e malestar sente que en ocasións cústalle a vida, a única forma de librarse da súa cruz e pasarlla a outro. En ocasións na Hoste vai unha figura alta e moi fraca, que ten cara de esqueleto, ela é a Estadea, quen en verdade dirixe a procesión e que en ocasións chega a darlle nome, disque esta pantasma é o defunto máis antigo da parroquia.

Halloween7-750x563
A Estadea garda semellanzas co Ankou bretón, representado nesta imaxe.

Non todo o mundo é capaz de velas animas, as lendas contan casos de dúas persoas que están xuntas e un pode velas e o outro non, aínda así existen formas de protexerse desta aparición e que todo o mundo pode usar. En primeiro lugar hai sinais da proximidade da compaña: zoar do vento, cheiro a cera, ouvir unha campaíña soar, etc. As formas de protexerse son múltiples: debuxar un círculo no chan cunha cruz no medio, cruzarse de brazos para evitar que che dean a cruz, deitarse no chan cos brazos estendidos (este método ten seu risco xa que os mortos poden pasarte por riba esmagándote). Unha práctica que aínda a día de hoxe faise en case tódalas casas do país é colocar a poliña bendita no Día de Ramos na porta da casa, símbolo que serve para espantar todo mal que tenta entrar nas nosas vivendas, sendo este un dos derradeiros restos dun mundo a piques de desaparecer.

O creador dun Monstro Pop

No ano 1968 Jorge dende New York telefonou a súa tía Pura na Coruña, quería pedirlle un favor: precisaba cartos para poder levar a cabo un proxecto que levaba tempo argallando, unha película de terror cunha trama nunca antes vista, onde unha nova criatura converteríase no pesadelo do público. Os argumentos que lle deu deberon ser moi convincentes xa que Pura Romero accedeu a financiar parte do filme do seu sobriño, A Noite dos Mortos Viventes (Night of the living dead).

 

romero_2728825b
George Romero rodeado das súas criaturas

 

Jorge Alejandro Romero naceu en New York en 1940, súa familia paterna era orixinaria de Galicia, mais seu avó xa emigrara a Cuba sendo mozo e seu pai, que nacera na Coruña, trasladárase a EEUU antes do nacemento de Jorge, máis coñecido coma George A. Romero.

Romero pasará a historia do cine por ser o creador dun Mostro Pop, o zombi. Un ser cuxa creación tivo coma punto de partida as historia do folclore galego que súas tías contábanlle de cativo, coma o propio cineasta recoñecería anos despois. Coñecer a relación entre o primeira película deste xénero e Galicia debémoslla a un autor que tamén acadou a fama a nivel mundial grazas á criatura de Romero, o escritor pontevedrés Manel Loureiro, cuxa obra Apocalpisis Z foi best seller en EEUU. Para Loureiro son varias as influencias que ten este monstro xa que bebería da tradición haitiana (de onde é orixinaria a verba zombi) e de raíces galegas e xudeas, o golem da tradición hebrea medieval sería o antecedente do zombi creado polo home e que comparte co morto vivinte un único punto feble na testa.

La Noche de los muertos vivientes (cinemania)
Fotograma do filme A noite dos mortos viventes (1968)

O filme Night of the living dead sería todo un éxito xa que custou 144000 dólares e recadou 42 millóns (a tía Pura amortizou con creces a inversión), converténdose na rocha nai da que nacería todo un xénero que hoxe está en pleno apoxeo con series, películas, novelas, cómics, etc. que arrastran lexións e lexións de seguidores e que teñen coma epicentro o arquetipo cultural creado por Romero.

A culpa non só é de Fenosa

Hai unha historia moi coñecida que é a dun antropólogo que vai a unha aldea de Galicia onde lle pregunta a unha señoriña: “Cando deixou vostede de crer na Santa Compaña?”, e ela respóndelle: “Hai fillo, pois cando chegou a luz”, aquí a verba “luz” podería ter un dobre sentido, a chegada da razón ou da electricidade.

Na nosa época están a desaparecer os antigos mitos. Os vellos xa non lle transmiten ós cativos as historias e lendas dos seus devanceiros, coma facía Pura co seu sobriño, en parte polo taboo co que a sociedade moderna marcou este tipo de crenzas e que fixo que a moitos dos nosos maiores déralle vergoña falar deles; o avance tecnolóxico tamén trouxo novas formas de lecer ás familias, onde seus membros (polo menos os máis novos) prefiren matalas noites cunha maratón de The Walking Dead que cas historias do avó de trasnos, demos e aparecidos.

Tamén che pode interesar:

A orixe do samaín

Aqueles Vellos Arrepío I

Aqueles Vellos Arrepíos II