Archivo de la categoría: Introspectiva

The man from Italy: Simone Saibene.

O medo supérase co fluir da noite , na soidade penetrable da noite, cando podemos meter un pe no bosque sen sentir nada máis que bosque e nada menos que oscuridade…

Na zona norte italiana, concretamente en  Cirimido, nunha pequena vila que se atopa a uns poucos kilómetros dos alpes suízos, un rapaz de once anos cunha inquietude un tanto particular polo mundo da imaxe, fascinado pola televisión e deleitado pola elocuencia sonora da radio, pídelle aos seus pais que lle regalen unha cámara de vídeo.

David Nóvoa Sequeiros
Fotografía: David Nóvoa.       

Súa nai e seu pai, un ebanista propietario dunha pequena empresa, sorpréndense polo interese do seu fillo, xa que o máis normal e que os nenos reclamen presentes como unha bicicleta ou xoguetes máis convencionais acordes a súa idade. Para Simone, o protagonista desta historia comeza así unha experimentación brutal, un xermen de ideas esbarállanse na súa cabeza. O aparello de vídeo comeza a rodar e a suxerir novos ambientes impredecibles baixo a mirada do cativo que agora pode observar dende fora o transcurrir da súa vida e do seu entorno. Esperta no seu sorriso a substancia vital que fai que a cámara mini VHS forme parte inapelable da sua infancia. Simone  utiliza o vídeo como elemento de escape dunha sociedade, a italiana , ainda moi arraigada aos preceptos cristiáns e se cadra un tanto victimistas cos que o galego de corazón quere romper, escachar , crear novos mundos en representación visual. Simone desexa xogar coa seriedade e responsabilidade que lle esixe semellante regalo e evocar zecais ao amor co que Salvatore, o eterno namorado do cine en Italia , realiza as súas primeiras composicións en Cinema Paradiso, filme que coincide no tempo coa súa infancia, e que garda un símil fermoso coa aventura cinematográfica de Saibene.

Chegada a adolescencia, comeza a búsqueda de novos camiños, Simone deixa aparcado o video para enfrontarse a música, a fotografía e mesmo a literatura. Nesta última vertente vaise a atrever a escribir poesía,  interésase polo verso libre, por un movemento  de transgresión literario que nace nos estados unidos nos anos cincuenta e que será semente do auxe hippie dos sesenta; a chamada xeración beat, que se refire a unha xeración cansa, aborrecida da idea material do soño americano, da invasión económica aos paises en vías de desenrolo, da falta de verdadeira liberdade que ten como bandeira a producción en baixo coste. Esta xeración, a beat, é fundamental para Saibene e vaille servir ao xoven apaixoado pola literatura de motor e camiño literario. Empápase dos conceptos que propón Henry Miller, o pai da xeración beat, e do cal Simone, se namora da súa forma de escritura. Fascínanlle tamén outros autores desta xeración coma  Kerouak, Borroughs, Allen Ginsberf, ou Ferlinguetti. Deste último atopo un verso consecuente co feito da súa  posterior fuxida a Galicia, e no cal, o derradeiro poeta beat, dirixíndose ao espíritu malgastado dos Estados Unidos afirma en Lástima de Nación:

“Lástima de la nación que no alza su voz
excepto para ensalzar a los conquistadores
y aclamar al agresor como un héroe
que aspira a gobernar el mundo
por la fuerza y la tortura
Lástima del país que no conoce
ningún otro idioma salvo el suyo
ni otra cultura más que la propia”

 

David Nóvoa Sequeiros
Fotografía: David Nóvoa

Aos dezanove, foi o seu primeiro contacto con Galicia. Unha visita que se fixo por casualidade, aproveitando a viaxe que un curmán, “deses que só ves nas fins de ano”, realiza a capital galega.   “Compostela foi unha reveleación” afirma o director galego, o cal coñecerá San Andrés de Teixido, froito da casualidade de atoparse con dous estudantes en prácticas, que o convidan a facer unha entrevista na que Saibene se fai pasar por peregrino (sinopse). Durante este primeiro contacto con galicia, o libro de referencia para Simone é Demian de Herman Hesse, o cal o acompañará durante toda a viaxe. O trance hipnótico de Demian na novela  e a xeración dos fillos de Caín, ábrelle as portas a outra visión do mundo onde a sinxeleza non é simpleza e os homes parécense máis ao seu tempo que o seu pai  como diría Guy Debord. Xa coas pilas cargadas voltará a Italia coa sensación de cumplir o propósito da súa vida. Fascinado pola xenerosidade galega, Simone, o poeta do cine, está agora cargado de sensacións que lle evocan ás imaxes oníricas que durante a infancia e adolescencia o acompañaron nos soños recurrentes da foresta galega, un feito que medra no seu interior e que o vai a levar a unha creacción audiovisual entusiasmada.

David Nóvoa Sequeiros
Fotografía: David Nóvoa

Anímase logo a realización dunha reportarxe a un músico, veciño e bo amigo  en “Contrappunto: Gabriele Carpani, contrabbassista”, ao tempo que comeza os seus estudos de Ciencias da comunicación. Na etapa universitaria Simone vaise a atrever tamén a rodar unha curtametraxe “Il furto della zucca” para logo rematar a licenciatura cunha tese titulada; “Para unha xeografía do cine. A rexionalización do cine español: o caso de Galicia” no que fala do cine galego en galego, recupera entre  outros a Chano Piñeiro, o director ourensán que se atreveu con filmes coma Mamasunción ou Os páxaros morren no aire  e que conta ademáis na súa filmografía coa famosa Sempre Xonxa. No 2007 dirixirá Simone “Retorno a San Andrés” coma homenaxe a aquela primeira visita que se lle deu por casualidade. No 2009 comeza a súa estadía en Ourense, a cidade atrapao e  catro anos despóis produce a sua primeira longametraxe; 9 ondas , filme no cal aparece parte da súa esencia como director e forasteiro na nosa terra, un seudónimo de Saibene que peregrina na búsqueda de sí mesmo, un the man from earth a galega. Falar de Simone Saibene é falar de prudencia, de aprendizaxe, dun home que escoita coa “orella verde” e que  sabe diferenciar entre intelectual e pedante coma un soplo e un esbirro.

Pablo Gómez Portas

David Nóvoa Sequeiros
Fotografía: David Nóvoa

 

Fernando Dacosta. O mundo distópico.

A man dereita á dereita do corpo,
a man esquerda á esquerda.
En plenas facultades,
teño a cabeza no centro do mundo
e voulle cambiando os argumentos
ós meus soños escasos e prudentes.

Lois Pereiro

 

_MG_9526
Fotografía: Lucía Camba

Durante a semana da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, atopamos un oco para manter unha conversa con Fernando Dacosta, director da MITEU e na que participa  dende as súas primeiras edicións. Fernando sempre foi un home implicado coa cultura, de feito comeza a súa andaina particular a os dezaseis anos en Sarabela para pasar dous anos despóis a dirixir o Grupo Universitario de Santiago de Compostela. O licenciado en Filoloxía Hispánica integrouse como actor en obras tan recoñecidas e transcendentes coma “Macbeth”, obra literaria teatral de William Shakespare segundo a dirección de Helena Pimienta. Tamén participa na famosa adaptadción do clásico da literatura galega “O Lapis do Carpinteiro” escrito por Manuel Rivas, representación que levaría o premio María Casares de espectáculo no ano 2001 ou “Tótem” nunha versión adaptada de “El señor de las moscas” entre outras.

_MG_9536
Fotografía: Lucía Camba

Como director Dacosta afronta unha revisión e adaptación de ensaios  tan relevantes coma Hamlet, Bodas de Sangre ou  Frankenstein, máis explica que unha das súas obsesións é o chamado “Futurismo Distópico”, en canto a definición deste termo compre asignar o seu antónimo; utopía, descrito por Tomás Moro que se explica coma o desexo da creación dunha sociedade ideal e que máis tarde desenrolaría Robert Owen acompañando o termo da palabra socialismo. Pola contra, na mencionada distopía  atribúense matices negativos xa que se refire a unha sociedade indesexada , que perde a humanidade, robotizada, acrítica e maleable por parte de quen ostenta o poder.

“Vivimos nunha distopía”, afirma Dacosta, nun mundo no que  non se impón o pensamento civilizado dunha tradición milenaria se non que  triunfa a egolatría que diferencia de maneira errada entre bos e malos cando analizamos a historia, velaí a confusión, o desastre, a mala interpretación do home, dunha forma subxetiva, alineada. En relación coa explicación do que é bo ou malo, Fernando atopa un exemplo nunha das novelas que pertencen a este chamado futurismo distópico levada ao cine por Kubrick, a famosa “Clockwork Orange” escrita por Anthony Burgess; Dacosta sinala que o máis interesante do filme foi o cambio de visión do protagonista por parte do espectador.Como Álex pasa de ser un perigo común para logo converterse en víctima do mesmo, velaí a dificultade de discernir entre o ben ou o mal ou de aportar unha visión particular, que seguramente será interferida por outros aspectos innatos no sistema que contribúen a esta polarización.

Nesta liña temática Dacosta adapta as novelas “Un Mundo Feliz” de Aldous Huxley,  a inquedante  novela de Orwell “1984”, “Fahrenheit 451” de Ray Bradbury (A dictadura da imaxe)  ou o “ Pais das últimas cousas” de Paul Auster. Fernando aplica polo tanto unha vertente de temática marcadamente social que nace co teatro de resistencia dos anos 70 o cal pretende mudar o establecido e crear novos mundos. Promove a inquietude do espectador que está a ver a obra , unha teatralización que para o autor debe camiñar sobre o fío da navalla, por un lado da realidade, é dicir; o espectador é consciente de que o que está a ver forma parte da ficción, e polo outro, o  mundo imaxinario que leva ao receptor a abrir o camiño dos sentidos e a ser un voyeur consecuente e aberto a mensaxe que a trama nos envía. O director xoga con estas dúas variantes, a realidade e a ficción o que lle leva a reflexionar sobre cal é o papel do público na obra e a reivindicar un novo pantexamento de teatro no que sexa o director quen coloque ao público según os seus intereses, nunha nova concepción de performance que se move por todo o espacio  onde se desenrola a trama.

_MG_9601
Fotografía: Lucía Camba

Falando sobre o mundo actual coñecemos a un Dacosta rebelde, a un humanista contestartario que mudou  o seu pensamento co paso do tempo, ou máis ben  o evolucionou. Sopréndenos cunha reflexión de impecable plantexamento e que describe moi ben e acompañado coa  súa mirada e o seu xesto sinceiro, Fernado explica: “A fin do mundo está apenas a uns quilómetros de aquí, a dúas ou tres horas en avión” para logo engadir “Dificilmente podemos chegar a ser felices se a xente está morrendo ao noso lado”, plantéxome eu polo tanto se todo iso está pegado ao noso subconsciente, se todos os sensíbeis están condeados a  levar un peso no corazón máis grande que aqueles que  son alleos a semellante realidade e desa mesma maneira se hai vencedores e vencidos ou cantos estamos dispostos a ter moito menos, cantos queremos transformar o mundo que habitamos dende os pequenos actos que compoñen a nosa personalidade. Tarefas imposibles que se transmiten de boca en boca como afirma Benedetti e así tamén o describe Dacosta que flúe na sinxeleza do verso en eterna convicción de cambio, de austeridade acompañada de entusiasmo que transmite o teatro, entusiasmo creador que forma parte da sociedade aínda que corran malos tempos para a lírica.

En relación a súa visión do teatro podemos obter que unha obra de teatro conságrase na plegaria do efímero, dun producto que se se convirte en po e que o leva o vento, o vento nos levará canta Noir Desir, e nós formaremos parte desas partículas evocadoras da fin co paso do tempo, da morte en definitiva. Na película “Smoke” cuxo guión escribiu o mesmo Paul Auster, un dependente de tabacaría e íntimo amigo do escritor protagonista, todas as mañás realiza a mesma fotografía na mesma esquina da rúa e a mesma hora, ese intre queda gravado e a imaxe fotográfica é composta de todas as persoas que nese preciso instante pasan por diante da tenda. Nas fotos percíbese como van mudando os persoaxes ou como se cruzan as súas vidas. Auggie Wren (o dependente) móstralle esa liña fotográfica ao escritor Paul Benjamin onde lle ensina a progresión de imaxes na que nun determinado día apreciase unha moza, Ellen, a persoa a quen tanto amou Paul.  Ellen aparece nas fotografías nese preciso instante no que Wren pulsa o botón para que a imaxe quede detida para a posteridade na  Obra da súa vida. Unha mañá Ellen deixa de aparecer e xa nunca o voltará a facer.  O teatro é coma Ellen, a obra móntase, escenifícase e deixa de existir, pero a mensaxe, como defende Dacosta, queda detida no corpo do espectador, el é o encargado de enviala e transmitila ao resto dos mortais. O espectador representa a catarse da obra, a escenificación do significado na súa vida, nos seus actos e nas súas consecuencias.

Se algo aprendín de Fernando e que nunca nada desaparece por completo.

Pablo Gómez Portas

_MG_9644

_MG_9634
Pablo e Fernando.         Fotografía: Lucía Camba