Archivo de la categoría: Opinión

Facismo e Capitalismo: A barbarie que nace da barbarie.

Autor: Paulo Vila


 

Nos últimos anos podemos observar tanto na Europa coma na Latinoamérica como o auge do fascismo está a converter-se numha ameaça tam perigosa que sería umha irresponsabilidade ignorá-la.

Após dous anos, em práticamente todos os países europeus, os fascistas começárom a reorganizar-se em partidos políticos, participar nas tertúlias políticas nos meios de des-informaçom da burguesia, empregando um discurso ultranacionalista, racista e xenófobo e incluso chegando a alcançar o poder político em alguns países.

Países coma Suécia, o partido nazi (Demócratas Suecos), Grécia (Aurora Dourada) ou na França (Frente Nacional), as forças reacionárias estam às portas do governo, na Alemanha (Alternativa para Alemanha), os fascistas manifestan-se nas ruas contra os inmigrantes, fomentando o ódio contra este coletivo e chegando a efetuar açons violentas contra eles. Noutros países coma Hungría, Polónia e Itália os partidos de ultradireita avançam também com força.

Mas o caso máis destacável na Europa é o de Ucránia, onde os nazis levam no poder dende o 2014 mediante um golpe de estado apoiado pola UE e os EUA. Neste país o Partido Comunista está ilegalizado e assassinam-se antifascistas, enquanto o resto de países olham face outro lado.

Do mesmo jeito acontece em Latinoamérica onde em países como o Brasil, o candidato de ultradireita e ex-militar, Jair Bolsonaro, pode chegar a converter-se em presidente.

É a propia democracia burguesa e o capitalismo os que conducem inevitavelmente a reaçom e ao fascismo. Podemos comprobar na maioría de países europeus, como os fascistas organizan-se (amparados polas forças repressivas e financiados polos própios Estados) atingindo rápidamente o aceso aos meios de comunicaçom burgueses, introducindo um discurso falso para dividir a classe operária e assim obter representaçom nas instituçons burguesas.

No Estado espanhol o fascismo nunca se foi, seguiu no poder após o lavado de cara na “transiçom” com a cumplicidade do PSOE e do PCE. Mantivo-se presente no poder judicial, legislativo, nos altos mandos das forças armadas, nas forças repressivas, nos meios de comunicaçom, na hierarquia católica, etc.

Após a “transiçom” o fascismo estivo durante décadas à expetativa, nom necessitava mostrar a sua natureza já que estava relativamente cómodo. Embora no atual contexto marcado polo questionamento da monarquía e avanço do independêntismo na Catalunha, o Estado espanhol, perante esta ameaça, fomenta de novo esse fascismo latente, tanto a nivel institucional (viragem de extrema-direita do PP, neofalangismo laranja ou VOX), coma nas ruas, onde as hordas fascistas co apoio das forças policiais golpeiam a manifestantes ou atacam as sedes dos partidos indepedentistas com total impunidade.

Enquanto, a «esquerda» reformista segue instalada na institucionalidade, como se nada acontece-se. Dende a irrupçom da “nova política” nas Cortes Espanholas, valeirou as ruas promovendo o falso relato que é possível democratizar umhas instituçons pertencentes a burguesia, abandonou a linguagem “revolucionária” por umha  linguagem trasversal e postmoderna e é responsável de que espaços que históricamente pertencem ao movimento operário rematem nas maos do fascismo.

É pois a socialdemocracia com o seu falaz discurso de reformar o sistema criminal capitalista, quem abre as portas aos fascistas após os seus estrepitosos e anunciados fracasos.

Desmascarar ao reformismo e a socialdemocracia é umha tarefa tam importante, para as forças revolucionárias, como é combater o fascismo nas ruas de forma permanente, sem vacilaçons, nem dúvidas.

Ante a perigosa deriva reacionária do Estado Espanhol, dende a esquerda revolucionária, consideramos prioritário a articulaçom dum bloco popular antifascista para fazer-lhe frente a besta fascista de maneira eficaz, mas nom para defender a ditadura do capital, nem a democracia burguesa, senom co objectivo de contruir umha alternativa socialista ao capitalismo.

A luita contra o fascismo deve ir ligada a luita contra o sistema capitalista. Eis a causa pola que, ao nosso juízo, entendemos que deve ser de máxima importância a creaçom dum espaço de luita anticapitalista e anti-imperialista.

“¿De que serve dizer a verdade sobre o fascismo que se condena, senom se di nada sobre o capitalismo que o origina?” Bertolt Brecht

 

Relato Con Lingua

Autora : Mar Álvarez Verea


unha lingua de fogo que a todos e a cada unha pertence..

Chus Pato

Xa hai unhas semanas que un “ciudadano” afirmaba como deputado no Congreso que “el castellano ha desaparecido de lugares como Cataluña, Baleares, la Comunidad Valenciana, el País Vasco o Galicia”. Cumpre dicir que este home, coma moitas outras personaxes que se consideran políticas e altavoces do pobo, pouco debe coñecer das distintas realidades lingüísticas presentes nas diferentes autonomías do estado español, máis alá do que se fala e escoita na capital. Máis como galegofalante dende que teño uso de razón, estas afirmacións parécenme unha verdadeira ofensa tanto para a propia lingua, como para o resto de persoas que loitan por manter viva un idioma que sufre un abasallamento e opresión contínua. Permitídeme pois que vos conte, o que para min foi o exemplo máis ilustrativo de que non é o castelán o que está a desaparecer da Galiza, senón o galego,  e desta miña historia xa fai sete anos.

No meu primeiro día no grado de Traballo Social , concretamente no campus de Ourense, éramos arredor de sesenta persoas na aula e durante a presentación individual  só utilizamos a lingua galega dúas rapazas. Naquel intre chamoume a atención que sendo tódalas personas habitantes da comunidade autónoma ninguén máis utilizase o galego como idioma de presentación. Pero, non lembro ben se foi ese mesmo día ou seguinte, que a outra rapaza que falou en galego se acercou o meu carón e en voz baixa díxome: “Só nós falamos en galego?”, “É tamén a lingua que acostumas a empregar?”. Foi nese intre no que as miñas sospeitas sobre a disminución e depreciación que do meu idioma materno sufría dentro das xeracións máis novas, se comezaron a facer evidentes. Ao longo dos anos, e en distintas situacións, preguntas do tipo: “!Ah¡,¿Pero hablas en gallego?”, ou “¡Qué riquiña!,¿Hablas en gallego!”, inclusive, ¿Qué acento tienes, no? pasaron a ser comentarios habituais en moitas situacións ou lugares enmarcados dentro da xeografía galega.

Certo é que nacín nun entorno rural, e que o idioma, así como elemento depositario da esencia dunha cultura, ten a súa orixe na tradición das zonas rurais e que naceu com lingua de expresión da comunidade campesiña, pero non debemos esquecer que, consegiu transformarse nunha lingua culta e de expresión tanto en pintura, poesía, música… máis alá de ser un mero instrumento de comunicación e rompendo coas fronteiras xeográficas.

É a lingua de moitas xeracións, mesmo de xeracións nas que o exilio non lles impediu manter e, incluso ampliar de múltiples formas unha cultura tan rica. É esta memoria histórica un elemento suficiente para loitar porque esta lingua non desapareza, e con ela a resistencia a unha amenaza de homoxeneizar unha cultura.

Numerosas estatísticas xa mostran que a maior parte da poboación galegofalante vive no rural, pero tamén nas últimas décadas existen numerosos movementos e institucións favorables a visibilizar, normalizar e empoderar o galego (centros de investigación, de documentación, revistas, programacións, festivais e un longo etcétera), mais o certo é que algo está a fallar. É dicir, a normalización da lingua galega debe ser un reto para o conxunto da sociedade e non so para os poderes públicos. Xa que, se confiamos so na súa responsabilidade para sobre ela, corre o risco de se por en perigo. A xuventude no seu conxunto debemos ser conscientes da necesidade de recuperar, asentar e interiorizar a lingua galega, de levar a cabo unha resistencia da que Galiza é máis que experta, tras anos e anos de agresión externas e internas, a calquera imposición que signifique relegar o galego a un segundo plano, e recuperar a carga emocional que simboliza compartir unha cultura propia, unha cultura abandeirada pola lingua.

Por ende, faise necesario un desafío para un problema de carácter político para a Galiza do século XXI:  a nosa cultura só poderá sobrevivir no escenario da globalización se se expresa en galego porque o idioma foi o único elemento do universo simbólico constituínte da nosa identidade que consegiu sobrevivir ata hoxe.