Archivo de la categoría: Poesía

Un poeta é aquel que albisca máis alá do seu crepúsculo e contempla as miúdas pingueiras de átomos solemnes que mudan a dor do contemplativo, a poesía é un refuxio para o antihéroe que entende o mundo mellor que ninguén máis non enturbia as augas para que parezan máis profundas. A algúns póñenselle os pelos de punta no solpor, outros, gardan o vacío existencial no seu corpo e mudan de pel se é necesario.
O poeta recita para sí mesmo a melodía da contracultura neste século que pide a berros unha transformación prudente. El naceu para ser destiño, para debuxalo, para ser o sinxelo interlocutor entre o ego e os atributos estoicos. O poeta non teme ser incomprendido, non pretende o rapsoda actual rimar en estructura metódica se non danzar arredor das palabras e erguer a testa ante a morte, sen medo, sabendo que non significa nada. A contracultura naceu para debuxar nas marxes das libretas, romper as estructuras do arte e elevar a calquera mortal a unha inspiración catártica xa sexa a partir de Rimbaud ou de Kiko Neves.

Pablo Gómez Portas

O circo da dignidade

Cubrín o meu corpo coa languidez

da vergonza para non espantar

os asistentes durante a recepción.

Ocultei tamén o pé dereito

por medo á carne máis lasciva

e no meu interior activouse

o mecanismo máis obsceno.

Ao comezo ofrecín aos espectadores

a voz como única identidade.

Logo fun desvestindo aos poucos

cada centímetro de pel

e invoquei todo o que suprimira

de min de xeito consciente.

Eles, aínda ignorantes da mudanza,

seguían prendidos do sinuoso fío

da miña voz.

Ao final, espida por completo,

calei.

Eles contemplaron

e comprenderon que eu non era

o que sempre viran.

Servinme entón da rosa

e tatueilles nas mans

o circo da dignidade.

Tamara Andrés

Fotografía: Carlota Mosquera «Hilo»

De onde eu son hai unha chaira infinita

De onde eu son hai unha chaira infinita

os invernos cristalízanse a ras da nosa pel

hai unha lingua de río que lame

a cicatriz dunha lagoa

que teme ó verán e súmese

negándose a sí mesmo

acumulamos as xeadas

en entroido chamamos á morte

e facemos escarnio dela

son de sol e herba seca

de sombras de cegoñas

e falcóns sobre os regos

son de máis ceo que terra

-ceo infinito-

de terra meticulosamente cuarteada

por liñas rectas que se cruzan

o equivalente ás constelacións

son de hortas que reclaman auga

e de colleitas inundadas

son de cadáveres de animais que podrecen

ó sol á beira dos camiños

a chaira é un mar invertido.

poema-2

Autora: Lourdes Blanco

Fotografía: Cris Armadanzas