Crónica dunha partida de xadrez
Autora: Alba Reigada
Algo ía pasar en Podemos,
cocíase, sabíase.
Sabíase dende que os 6 conselleiros de Manuela Carmena foran suspendidos de militancia en novembro, por non concorrer ás primarias do partido para conformar as listas ao Concello de Madrid; sabíase despois da perda de 3 escanos de Adelante Andalucía, e sabíase tamén que, se pasaba, era agora. Aínda queda un tempo prudencial ata unhas municipais e autonómicas que, na capital do Estado semellan case a batalla final polo Trono de Ferro, así que de facer algo, era o momento. Por certo, Xogo de Tronos volve o 14 de abril.
O escenario actual é o
dunha dereita avanzando inexorable, cun partido en pleno auxe que esperta a
peor ideoloxía, a máis rancia e con máis recorte en dereitos (especialmente
para as mulleres), proxectando a posibilidade da sombra dun tripartito da morte planeando sobre as
nosas cabezas. Nesta tesitura, un rapaz con pinta de ir facer o exame de
selectividade deu unha patada a un taboleiro
morado que, a verdade sexa dita, levaba moito tempo aguantando coma un
simple peón.
No xadrez sempre se di que o rei é a peza máis importante, pero ao mesmo tempo, a máis débil, e máis cando o rei está de permiso de paternidade.
Primeiro Torres, logo Reis
Houbo un tempo no que
Pablo Iglesias e Íñigo Errejón eran dúas torres que, coma no xogo, movíanse
tantas casas como quixeran, cara adiante, cara atrás, cara os lados. Avanzaban,
sumaban, representaban. Protexíanse mutuamente facendo fronte a todos os
intentos que facían outros partidos e axentes para desacreditalos. Ían xuntos.
De cara á galería o que se exteriorizou coma o principio do fin foron máis ben cuestións de diálogo con outras forzas, e sistemas de diálogo interno. Diferenzas á hora de pactar cos socialistas, discusións no hemiciclo captadas polos fotógrafos… Quedou moi claro que as torres deixaron de protexerse mutuamente, e convertéronse en dous reis. E coma xa se sabe, non pode haber máis dun rei ou raíña sen que a sangue chegue ao río.
Vistalegre II
Xa para sempre, esta será recordada (e probablemente estudiada) como a batalla que escenificou o jaque mate de Pablo a Íñigo.
Nun momento
de derrota, un rei soamente ten 3 opcións para escapar: moverse a unha casa
segura, bloquear o jaque interpoñendo outra peza do seu propio bando, ou
capturar a peza que o ameaza.
Errejón moveuse
(ou movérono) a casa segura. Unha casa con forma de cambio de posto no Congreso e de escano tamén, pero cunha ventá
aberta para el só. Segundo a carta de Pablo de onte, “en muchos partidos, quién
pierde un congreso se va a su casa o abandona la primera línea. Yo quise que en
Podemos eso no fuera así y hablé con Íñigo para que, si los inscritos así lo
querían, fuera nuestro candidato en la Comunidad de Madrid”.
Foi elixido candidato á Comunidade, pero non sen que quedaran claras as diferenzas co secretario xeral de Podemos en Madrid, Ramón Espinar. A reconciliación Errejón-Espinar representouse cunha rolda de prensa conxunta con Pablo no medio. Pero claro, cando algo non é real, resulta bastante evidente, sobre todo nas expresións e xestos que non se poden controlar. A linguaxe non verbal dicía máis que calquera dos discursos que se pronunciaron ese día.
Despois disto veu o que aconteceu cas listas ao Concello de Madrid. Esta loita polos postos de saída rematou ca actual portavoz no consistorio Rita Maestre, e outros cinco concelleiros e concelleiras suspendidos de militancia. E iso, ata onte.
Máis ou menos Madrid?
Se as
formas de anunciar a candidatura conxunta con Carmena foron ou non as
correctas, iso queda para a opinión de cada un. Pero todo hai que dicilo, quedou
evidente que nin o deberon ser, nin había intención de que se negociaran no
marco dun escenario xa dinamitado pola conformación dunhas listas, (tanto para
o Concello como para a comunidade), máis impostas ca negociadas.
De feito,
un extracto da carta conxunta de Carmena e Errejón di que “es más necesaria que
nunca otra manera de hacer política que escuche más que grite, que proponga más
que imponga, que colabore más que compita”.
Aínda que
Más Madrid soa moi lóxica como
plataforma para concurrir seguindo o modelo doutros Concellos (repetido onte
unha e mil veces por Errejón nunha entrevista en Hora 25), o certo é que o movemento viuse coma unha forma de
devolver a Pablo os meses de castigo e de purga despois de Vistalegre II.
Despois disto, convén recordar
que no xogo do xadrez existen 5 razóns polas que unha partida pode quedar en
tablas.
Que a posición chegue a un punto
morto no que é o turno dun xogador pero que non pode facer ningún movemento
reglamentario; que non haxa suficientes pezas no tableiro para forzar un jaque
mate; que un xogador declare tablas se a mesma posición se repite 3 veces, que
se efectuen 50 movementos e ningún dos dous xogadores mova un peón nin capture
unha peza, ou que, simplemente os xogadores acorden tablas e deixen de xogar.
Chegados a este punto da partida,
pode que esta última opción sexa a mellor se queren gañar Madrid.