Un paseo polo corazón histórico de Viveiro

Autora: María F. Romero

Imaxe Principal: «Vista de Viveiro a comezos do século XX»


O sol saíu a recibirnos á nosa chegada a Viveiro a pesar do cedo no ano, e a nosa setentrional situación no mapa de Galicia. Ben é certo que a súa visita durou pouco, e mesmo ao día seguinte as nubes, donas e señoras do ceo da Mariña, volveron ocupar o lugar que adoita corresponderlles.

A Porta de Carlos V é a máis maxestosa das tres que quedan en pé, e que permiten o acceso á zona monumental desta poboación con título de cidade, ademais “moi nobre e moi leal”, desde os últimos anos do século XIX. Unha distinción que lle outorgou a raíña María Cristina durante a súa rexencia nunha sorte de recoñecemento aos servizos prestados pola vila á Monarquía.

thumbnail_Porta Carlos V
Unha vista da Porta de Carlos V. FirkinCat.

A relación de Viveiro coa Coroa viña de lonxe. Durante o século XVI, poucas eran as familias viveirenses que non cultivaran o liño, e menos aínda as que non gardasen as colleitas nos seus faiados. En setembro de 1540 sobreveu a traxedia. Un gran incendio devorou a vila avanzando con endiañada rapidez grazas ás reservas desta fibra téxtil amoreadas nas partes máis altas das vivendas. En non moito tempo todo quedou arrasado. Porén, un fío de luz abriuse no medio da escuridade. Resultou que o grande emperador Carlos I de España e V de Alemaña deu por empatizar co sufrimento dos veciños, e decidiu concederlles unha real cédula para que non tiveran que pagar impostos durante un período de tres anos. A porta é resultado do agradecemento dos viveirenses a este sorprendente xesto rexio que lles facilitou o camiño para empezar de novo despois de telo perdido todo. A súa construción comezaría oito anos despois do gran lume, pero non remataría ata ben entrado o 1554. Este monumento de estilo plateresco librouse dalgún que outro intento de demolición e conseguiu sobrevivir ata os nosos días, tras ter sido nomeada Ben de Interese Cultural en 1942.

Tras esta triunfal entrada, chegamos acompañados dunha poalla polo momento levadía, á rúa que leva o nome dunha das máis famosas benfeitoras de Viveiro, María Sarmiento de Ribadeneira. Esta muller do século XVI casada co capitán xeral de Filipinas durante o tempo de Felipe II, Gómez Pérez das Mariñas, natural da vila, deixou a súa pegada especialmente no eido da educación. Un dos IES do Concello, xa fóra dos límites da vella muralla e do outro lado da Ponte Maior, leva aínda o seu nome, pois foi pola súa iniciativa que Viveiro se converteu en sé, en 1597, dun dos primeiros colexios segrares de España. A localización orixinal deste centro, o Colexio Insigne da Natividade da Nosa Señora, dedicado ao estudo da gramática, precisamente nesta rúa, explica o porqué do nome da vía. Unha mirada rápida aos edificios permite descubrir a placa conmemorativa desta pioneira escola.

Avanzando uns cantos pasos pola rúa de María Sarmiento pronto se abriu ante nós a Praza Maior. Un espazo de reunión para os veciños e tamén para os distintos estilos arquitectónicos aos que

pertencen os múltiples edificios que a conforman, desde o Pazo que alberga a Biblioteca Municipal, ata o complexo do Concello no que se combinan dous edificios que unen tradición e modernidade. Preside o lugar a estatua dun poeta coñecido nalgúns círculos coma “príncipe do Romanticismo”. Tamén xornalista e político destacado, que ademais de compartir movemento con Larra ou Espronceda, tamén tería un papel, aínda que algo máis discreto que o do triunvirato formado por Curros, Pondal e Rosalía, no Rexurdimento das Letras Galegas.

Estatua de Nicomedes Pastor Díaz
Un detalle da estatua de Nicomedes Pastor Díaz na Praza Maior de Viveiro. Drow Male.

A súa pluma firmaba en 1844 o prólogo do “Don Juan Tenorio”, deixando mostra perpetua da grande relación de amizade que o unía a José Zorrilla. Anos máis tarde Rosalía escolleríao para que fixese o propio con Cantares Gallegos, pero a morte sorprendeuno antes. Viveiro, a vila natal de Nicomedes Pastor Díaz, concedíalle a honra de contar cunha estatua de case tres metros de altura no seu mesmo centro neurálxico, 28 anos despois da súa morte e por iniciativa de Manuel Murguía. Nicomedes comezaría o seu romance ca literatura aos sete anos precisamente na escola de María Sarmiento e acabaría sendo membro numerario da Real Academia Española. Como bo romántico os temas da súa poesía non eran precisamente alegres, e case todolas súas composicións xiran arredor da morte. Deixaría dous poemas en galego, «Alborada», considerada a primeira poesía con valor literario do Rexurdimento, e a menos coñecida “Égloga de Belmiro e Benigno”, descuberta nos anos cincuenta por Xosé María Álvarez Blázquez.

Precisamente o seu monumento foi o punto de partida dun paseo no que un experto na historia da vila guiou os nosos pasos. Durante as seguintes dúas horas percorremos as calellas da zona vella dirixidos polo historiador Suso Martínez, que nos descubriu, entre moitas outras, as historias do Cristo dos Franceses, a Venerable Orde Terceira Franciscana, Maruja Mallo, Pardo de Cela e tamén das incursións vikingas que aterraban á poboación da vila durante a alta Idade Media. A verdade é que cada capítulo do percorrido, cada personaxe merecería un artigo de seu. O caso é que o tempo pasou voando e terminou nunha sorte de museo improvisado no que Viveiro mostra algunhas das expresións artísticas das que está máis orgulloso, os seus pasos da Semana Santa, declarada de Interese Turístico Internacional no ano 2013. Ao fin e ao cabo a nosa visita transcorreu en Mércores Santo. As primeiras pistas desta celebración pérdense nun códice datado no século XI e sábese que se leva celebrando de maneira ininterrompida desde o XIII.

thumbnail_O Avón de Chavín
O Avó de Chavín baixo a chuvia do pasado mes de marzo. M.F.R.

O último día a choiva soltou por fin a melena e descargaba con forza cando nos adentrabamos no Souto da Retorta, a nosa última parada. Esta paraxe natural que se desprega na marxe dereita do río Landro, rebautizado por certo así seica por Nicomedes Pastor Díaz, cando sería Landrove a súa denominación orixinal, é a casa do Avó de Chavín. O Avó leva na comarca desde hai case 140 anos e trátase do veciño máis famoso dentro destas 3,2 hectáreas de Monumento Natural, así catalogado desde o ano 2000. Este exemplar de eucalyptus globulus foi plantado no tamén coñecido coma Eucaliptal de Chavín en 1880 e ostenta o título de árbore máis grande de España. As súas dimensións son en realidade xigantescas. Mide 67 metros de altura e ata seis personas se precisan para conseguir abrazar a súa base que chega aos 10,5 metros de perímetro. Debates sobre o eucalipto aparte, o lugar ten bastante encanto, e nós abandonamos Viveiro co pelo mollado e os zapatos cheos de barro, pero coa alma contenta.

Mentiras e manipulación sobre a guerra en Siria

Autor: Paulo Vila


Dende o inicio da guerra en Siria no ano 2011 son constantes as mentiras e a manipulación por parte dos medios de des-información occidentais co obxectivo de proporcionar unha visión completamente falsa do que realmente esta a suceder no conflicto que padece o país árabe.

Nestes 7 anos de guerra as forzas imperialistas, encabezada polos EUA, comprobarom como todos os seus plans para tumbar ao legítimo goberno de Bashar Al Assad fracasaron debido as eficazes operacións militares efectuadas polo Exército Árabe Sirio xunto cos seus aliados Rusia, Irán, Hezbollah, as milicias chiitas iraquís e fraccións palestinas, liberando os territorios controlados polos “rebeldes moderados” denominados así polos medios de des-información capitalistas pero que en realidade son grupos terroristas radicais islamistas cercanos a Alqaeda e ao wahabismo saudí e qatarí.

Tras as continuas derrotas dos grupos terroristas (Exército Livre Sirio, Al-Nusra, DAESH), o imperialismo obtou por facer unha brutal campanha de manipulación contra o goberno de Al-Assad, unha campanha que aínda que comezou xa dende o inicio do conflicto, incrementou-se ao ver como o goberno sirio ganhaba a guerra.

Siria-Home
Bombardeo occidental sobre aeroporto militar sirio (La Tercera)

Esta campanha de manipulación e mentiras por parte de Occidente tén como principal obxectivo xustificar unha invasión militar no país por parte das forzas imperialistas. Calificar a Al Assad de “dictador”, de ser o culpable da guerra provocada polos imperialistas, tildar de “demócratas” aos terroristas financiados polos EUA, Israel e países membros da NATO ou responsabilizar sen ningunha proba ao goberno sirio de utilizar armas químicas contra o seu pobo, son algunhas das moitas mentiras que Occidente utiliza ca finalidade de enganar a opinión pública e xerar odio contra o goberno sirio, Rusia, Irán e os seus aliados.

Unha das mentiras que máis repercusión tivo foi a do suposto ataque químico de Al-Assad ao seu pobo poucas semanas despois de que o exército sirio xunto cos seus aliados lanzaran unha operación militar para liberar Ghouta Oriental, onde milheiros de sirios e sirias levaban anos secuestrados polos terroristas. No trascurso da operación militar Rusia alertaba de que os terroristas preparaban un ataque químico para acusar a Damasco de ser o responsábel e de que se trataba dunha maniobra máis para lexitimar umha invasión no país.

Os “Cascos Brancos”, tamén conhecidos coma Protección Civil Siria e que actuan nas zonas controladas polos grupos “rebeldes” afíns a AlQaeda, anunciaban o 8 de Abril un suposto ataque químico efectuado polas tropas de Al-Assad na zona de Douma, moi cerca de Ghouta. Nese momento os medios de des-información comezaron a difundir o comunicado dos Cascos Brancos sen contrasta-lo.

Syria
Imaxes do suposto ataque químico (El Periódico)

Tras a denuncia do falso ataque químico o 14 de Abril as tropas dos EE.UU, Reino Unido e Francia efectuan un ataque sobre territorio sirio, o principal branco foi o centro de investigación de Barzah, nas aforas de Damasco, considerado o núcleo de producción de armas químicas sirias.

Tanto as autoridades sirias como recentemente a OPAQ (Organización para a Prohibición de Armas Químicas) desmentiron este suposto ataque químico e afirmaron de que non existe proba algunha de que as tropas de Assad atacaran ao seu pobo, senón que se trata dunha falsa acusación e de que este ataque supón unha clara agresión injerencista a un país soberano. Certo é que non tén sentido que as tropas de Al Assad ataquen ao seu propio pobo con armas químicas tras liberar eses territorios do control dos terroristas.

Este suposto ataque químico por parte de Al-Assad lémbra-nos as armas de destrucción masiva en Iraq que nunca apareceron e ao igual que aconteceu con este país trata-se dunha nova falsa xustificación para invadir, saquear e arrasar Síria por parte do imperialismo.