Archivo de la categoría: Eventos

RURALÍZATE! UN ENCONTRO CON RUBÉN RIÓS.

Xa percorrido o mes de agosto pola súa metade, e tamén polo medio dunha finde que prometía ser longa, pois o luns era o 15 de agosto, tivemos un encontro con Rubén Riós, que se atopaba metido de cheo no festival de Artes Escénicas que ten lugar na súa vila natal.

Ante a primeira pregunta, que versa sobre o porqué organizar un festival desas características nun lugar que, en principio, non se amosaría moi válido para moitos dos promotores que traballan polo país, a súa resposta é “unha mestura de inconsciencia, gañas e amor á terra.” Coméntanos que a desconfianza nas posibilidades do festival mantívose ata o sexto ano. Hoxe en día, todo o mundo está de acordo en que non se poderían agardar mellores números, xa que ó longo da fin de semana poden achegarse ó lugar ata 3000 persoas.

img_6964
IX Festival de Artes Escénicas de Riós.

A comparativa con Cans é algo que se proxecta na nosa mente, e faise inevitable tratar esta cuestión. “Aquí estamos no rural de verdade, non nos enganemos.” Esta afirmación da pé a comprender que  a cousa busca dar un paso adiante para apoiar a un rural que ten a urbe máis cercana a case unha hora en coche. Calquera tipo de actividade cultural alí, atópase co atranco da despoboación, que xera o prexuízo de que todo o que se pretenda desenrolar fóra do sector agrario ou hostaleiro está abocado ó fracaso.

Con esta idea trata de rachar o pensamento de que non se poden realizar actividades culturais nun entorno como aquel. Por outra banda, as actividades que se engloban dentro do festival de Artes Escénicas, collen un rango de idades que van “dende os 9 ós 90 anos.” Evita tinguir de cores políticas a súa programación, o que conleva que o interese sexa xeneralizado, xa que non hai ningún sector ó cal se contente en concreto.

img_6502
IX Festival de Artes Escénicas de Riós.

E así que nace deste proxecto Ruralizarte, no que se buscan potencias que poidan facer carreira no eido da cultura e que proveñen do mundo rural. El coméntanos que moitos dos que hoxe están aí visibles, pois sobre un 80% dos que hoxe traballan na cultura, proveñen dese suposto “entorno hostil” para o desenrolo dunha carreira artística, polo que busca expandir esta idea cara outros puntos, creando un movemento bandeira que sirva de trampolín para tantas xentes que poidan amosar o talento que teñen dentro.

Este proxecto ten unha complicación para o seu desenrolo, polo feito de que se precisan medios materiais, humanos e, sobre todo, implicar a xentes do eido da cultura, que poidan coordinar en diferentes puntos eventos similares ao das Artes Escénicas. Rubén mesmo coméntanos que a idea de expandirse se atopa ás veces con ese muro que son as propias ideas. Estas teñen que ir acompañadas de proxectos xa desenrolados: “Tes unha idea? Ben. cantas horas de sono che quitou?” A elaboración deste tipo de proxectos implica un arduo traballo ó cal hai que adicarlle tempo, aínda a risco de restarlle tempo ás persoas que forman o noso entorno.

img_7084
IX Festival de Artes Escénicas de Riós.

Esta edición do festival, viu potencial xa en dúas persoas, o que axuda a que teñan “autoconfianza,” e xera unha rede de contactos, o cal é positivo para desenrolar as respectivas carreiras de cada un deles. Esta actitude entronca co que el pretendía conseguir na película “Vida,” a cal conta no reparto con xente que pertence a A.S.P.A.N.A.S.

Comentámoslle se cabería a posibilidade de ampliar os días de festival, ó cal nos respostou que era bastante complicado, xa que para eses dous días había un traballo detrás de moito tempo e de mobilización de moita xente, conseguindo, por sorte para o propio pobo, que as xentes que alí habitan se involucraran de cheo no proxecto, aínda que nun principio costase facerlles mudar o concepto de traer algo que non fosen orquestras, xa que o evento se enmarca dentro das propias festas do lugar.

dscn0115
IX Festival de Artes Escénicas de Riós.

Por outra banda, a financiación está feita por iniciativa privada, na súa maioría, intentando reducir custos, metendo a persoas da súa produtora Claqueta Coqueta, ademais de contar, evidentemente, coa xa comentada forza do voluntariado. A súa figura, aparte, ó ser de dominio público, axuda tamén a conseguir máis facilmente o visto bo de entidades privadas á hora de colaborar.

Para o ano, conta facer o que será xa a décima edición, na cal intentará reunir polo menos á metade dos artistas que pasaron ó longo do tempo que se leva feito. Rubén Riós, que conta no seu haber cun camiño percorrido xa, asegura que a partires da décima edición o que tocará é sentarse e falar, pois sinte a necesidade de relevar a organización, pois quítalle moitas horas de vida. Como colofón, polo tanto, déixanos un titular para encabezar a nosa entrevista: Rubén Riós preparando a X edición. Que haxa sorte, ou, como ben lin nalgures, que o azar sexa ben aproveitado.

David Conde Seoane

Fotografía: Pily Reñones

Emilio Rúa: «O home sempre tenro para o amor».

O pasado xoves 15 de setembro, tivo lugar un acontecemento especial no contexto do Liceo, despois de ter que desenrolarse o evento nese contexto por mor do risco de choiva, que ía ter lugar na Praza San Martiño. Emilio Rúa, na compañía da cantante Rosa Cedrón e o pianista Miguel Arthus, ofreceu un concerto con certo aire intimista ós presentes.

img_9047
Miguel Arthus (esquerda), Rosa Cedrón e Emilio Rúa (dereita).

Emilio é un home que a pesares da súa xuventude leva xa unha longa andaina no mundo da música, pois dende os sete anos se vinculou a esta a través da súa familia. No ano 2000 sae o seu primeiro disco de estudio á venda, que tivo unha distribución aceptable, chegando a grandes áreas comerciais, e dende aquelas xa leva seis no mercado.

Nun principio, Miguel Ríos foi un músico que o impactou, e o intento de asimilación pasou pola súa mente, mais ó descubrir figuras como a de Bob Dylan, coa súa guitarra e a súa harmónica contando historias, decidiu dar un xiro cara este xénero, despois de pasar unha guitarra polas súas mans e indagar sobre o instrumento. Antonio Vega e Carlos Goñi serían outros referentes máis hispanos na súa singladura.

img_9121
David Conde e Emilio Rúa durante a entrevista no Liceo.

A definición do que se enmarca no seu estilo, o cantautor, é relatada por Emilio como alguén que non necesariamente ten que reivindicar cuestións políticas, imaxe que se asociou durante moitos anos a este xénero en España, debido ó contexto histórico que nos tocou vivir. Neste sentido defende a apertura da temática da canción de autor, falando, necesariamente, de temas como o amor, xa que parte do feito de que el non é unha personaxe política, aínda que si teña interese pola política. Valora as cousas máis sinxelas e cotiás como máis importantes que a propia política en si.

img_9124

Comentamos tamén o que significaba o artista, a complicación que estribaba no feito de intentar ser coherente co que se cantaba cando se profundizaba en temáticas complexas, defendendo a idea de que quen se sube a un escenario ten que ser igual arriba que abaixo, non sufrir unha transformación a segundo onde se atopase. Fermosa reflexión que fai cando fai referencia ás cancións de amor, nas que di que “cunha canción de amor podes conquistar a unha persoa ou ó mundo enteiro, e ó final aqueles que cantaron ás cousas máis sinxelas son os máis grandes.” Defende que o importante realmente para prosperar é empatizar, algo que a día de hoxe non está patente na sociedade.

Cando el comezaba a súa andadura, existían eventos nos cales a figura do cantautor tiña un peso e un recoñecemento, cousa que propinaba visibilidade a todos aqueles que andaban coa teima de transmitir a través da música. Naqueles tempos, a lingua que empregaba era o galego, ó igual que hoxe o sigue sendo maioritariamente.

Chegados a este punto intentamos debullar se o feito de cantar en galego significaba unha tara para poder abarcar outros mercados, pero a idea que expresou foi que o problema non era utilizar o galego para cantar, senón que realmente non existía unha industria que implicase un empuxe, e puxo como exemplo que, con seis discos no mercado, como xa comentamos enriba, o seu ámbito de traballo xeográfico era reducido, xa que os circuítos estaban pechados ó estipulado por aqueles que contaban con “posibles” para poder estar en radios e demais medios de difusión. Non renega de cantar en castelán, xa que é unha lingua que coñece, e afirma que se dominase inglés tamén se plantexaría o feito de empregala, pois cantas máis linguas se abarquen, mellor.

img_9132
Emilio Rúa, Rosa Cedrón e David Conde.

Despois de percorrer mil escenarios diferentes, a figura de Emilio Rúa proxéctase cara a idea de seguir loitando por medrar artisticamente, cousa que quedou patente na conversa que mantivemos con el. Calquera avance, por pequeno que sexa, suporá un aliciente, e agarda que quen se sume o carro de seguir a súa figura no futuro, sexa dende a honestidade e a comprensión da sensibilidade que aporta como artista. Cabería citar aquí unha frase final como despedida de artigo, que se escoitou fai moitos anos na televisión, mudando simplemente o nome do cantante: “Emilio Rúa; o home sempre tenro para o amor.” Se así llo dixeramos en persoa, quizais tamén soltase o que aquel naquel tempo, que dicía tal que “voltamos ás películas. A tenrura no amor eu creo que se di nas cancións e nos libros, pero o amor ten que ter un punto importante de disparate.” Puido ser unha conversa/entrevista máis longa, pero o tempo apremaba, máis confiamos en ter unha segunda oportunidade para debullar máis polo miúdo, quizais, proxectos máis concretos que este artista nos poida plantexar.

Redacción: David Conde Seoane

Fotografía: Andrea Pérez Justo