Archivo de la categoría: Música

Emilio Rúa: «O home sempre tenro para o amor».

O pasado xoves 15 de setembro, tivo lugar un acontecemento especial no contexto do Liceo, despois de ter que desenrolarse o evento nese contexto por mor do risco de choiva, que ía ter lugar na Praza San Martiño. Emilio Rúa, na compañía da cantante Rosa Cedrón e o pianista Miguel Arthus, ofreceu un concerto con certo aire intimista ós presentes.

img_9047
Miguel Arthus (esquerda), Rosa Cedrón e Emilio Rúa (dereita).

Emilio é un home que a pesares da súa xuventude leva xa unha longa andaina no mundo da música, pois dende os sete anos se vinculou a esta a través da súa familia. No ano 2000 sae o seu primeiro disco de estudio á venda, que tivo unha distribución aceptable, chegando a grandes áreas comerciais, e dende aquelas xa leva seis no mercado.

Nun principio, Miguel Ríos foi un músico que o impactou, e o intento de asimilación pasou pola súa mente, mais ó descubrir figuras como a de Bob Dylan, coa súa guitarra e a súa harmónica contando historias, decidiu dar un xiro cara este xénero, despois de pasar unha guitarra polas súas mans e indagar sobre o instrumento. Antonio Vega e Carlos Goñi serían outros referentes máis hispanos na súa singladura.

img_9121
David Conde e Emilio Rúa durante a entrevista no Liceo.

A definición do que se enmarca no seu estilo, o cantautor, é relatada por Emilio como alguén que non necesariamente ten que reivindicar cuestións políticas, imaxe que se asociou durante moitos anos a este xénero en España, debido ó contexto histórico que nos tocou vivir. Neste sentido defende a apertura da temática da canción de autor, falando, necesariamente, de temas como o amor, xa que parte do feito de que el non é unha personaxe política, aínda que si teña interese pola política. Valora as cousas máis sinxelas e cotiás como máis importantes que a propia política en si.

img_9124

Comentamos tamén o que significaba o artista, a complicación que estribaba no feito de intentar ser coherente co que se cantaba cando se profundizaba en temáticas complexas, defendendo a idea de que quen se sube a un escenario ten que ser igual arriba que abaixo, non sufrir unha transformación a segundo onde se atopase. Fermosa reflexión que fai cando fai referencia ás cancións de amor, nas que di que “cunha canción de amor podes conquistar a unha persoa ou ó mundo enteiro, e ó final aqueles que cantaron ás cousas máis sinxelas son os máis grandes.” Defende que o importante realmente para prosperar é empatizar, algo que a día de hoxe non está patente na sociedade.

Cando el comezaba a súa andadura, existían eventos nos cales a figura do cantautor tiña un peso e un recoñecemento, cousa que propinaba visibilidade a todos aqueles que andaban coa teima de transmitir a través da música. Naqueles tempos, a lingua que empregaba era o galego, ó igual que hoxe o sigue sendo maioritariamente.

Chegados a este punto intentamos debullar se o feito de cantar en galego significaba unha tara para poder abarcar outros mercados, pero a idea que expresou foi que o problema non era utilizar o galego para cantar, senón que realmente non existía unha industria que implicase un empuxe, e puxo como exemplo que, con seis discos no mercado, como xa comentamos enriba, o seu ámbito de traballo xeográfico era reducido, xa que os circuítos estaban pechados ó estipulado por aqueles que contaban con “posibles” para poder estar en radios e demais medios de difusión. Non renega de cantar en castelán, xa que é unha lingua que coñece, e afirma que se dominase inglés tamén se plantexaría o feito de empregala, pois cantas máis linguas se abarquen, mellor.

img_9132
Emilio Rúa, Rosa Cedrón e David Conde.

Despois de percorrer mil escenarios diferentes, a figura de Emilio Rúa proxéctase cara a idea de seguir loitando por medrar artisticamente, cousa que quedou patente na conversa que mantivemos con el. Calquera avance, por pequeno que sexa, suporá un aliciente, e agarda que quen se sume o carro de seguir a súa figura no futuro, sexa dende a honestidade e a comprensión da sensibilidade que aporta como artista. Cabería citar aquí unha frase final como despedida de artigo, que se escoitou fai moitos anos na televisión, mudando simplemente o nome do cantante: “Emilio Rúa; o home sempre tenro para o amor.” Se así llo dixeramos en persoa, quizais tamén soltase o que aquel naquel tempo, que dicía tal que “voltamos ás películas. A tenrura no amor eu creo que se di nas cancións e nos libros, pero o amor ten que ter un punto importante de disparate.” Puido ser unha conversa/entrevista máis longa, pero o tempo apremaba, máis confiamos en ter unha segunda oportunidade para debullar máis polo miúdo, quizais, proxectos máis concretos que este artista nos poida plantexar.

Redacción: David Conde Seoane

Fotografía: Andrea Pérez Justo

Encontro con Factoría de Subsistencia

Os camiños do señor son inescrutables, ou iso é o que di a sapiencia populosa. Sen dúbida, nunca pensei que un grupo que coñecín en Padrón, cando estaba a traballar de camarerio nunha das semanas máis fortes do ano no luagar, a Semana Santa, puidese entrevistalo e velo actuar nun lugar tan afastado de grandes núcleos poboacionais cómo é Santa Ana. Alí, onde antano se constituía o espazo coma un cortello, e hoxe é denominado na súa honra cómo “Corte dos Bois,” tivemos unha charla de aproximación ó grupo Factoría de Subsistencia.

thumbnail_DSC_3196
Entre risas, en plan broma, Josito Porto, guitarrista, vocalista e coprotagonista da película, comenta que Factoría de Subsitencia nace na época dos indignados, cando o por entón alcalde Conde Roa o contrata para espallar a xente que alí se concentraba, e ó ver o percal, súmase á causa, saíndolle o tiro pola culata ó poder rexio da cidade. Afondando, non obstante, un pouco máis na historia, acaba confesando que en realidade eran temas que tiña xa na testa dende a época de Korosi Dansas.

O teatro, que non lembro agora a qué número de arte fai referencia (o cine coido que sempre se considerou o séptimo arte), foi o artífice da xuntanza entre Sabela Dacal, que tocaba o acordeón en directo nalgunha das obras nas que participaba, e Josito Porto, reputado actor, que non diputado por dúas veces. Ambos en conxunto conforman esta Factoría de Subsistencia, cando non lles permiten agregar os seus músicos habituais, por culpa de cuestións económicas, e de ahí o de subsistencia, xa que eles elaboran un producto do que subsisten cómo boamente poden nos tempos nos que toca vivir, que é a música.
A conexión entre ambas personalidades é perfecta, e ven derivada dun equilibrio de forzas, xa que Josito se define cómo bastante anárquico no seu método, e ó atoparse enriba dun escenario para dar un concerto, esquécese da faceta de actor que sigue un guión, polo que lle poida restar de credibilidade á actuación, mentres que Sabela semella aportar ese punto de corrección precisa, pero sen propasarse, para lograr que os temas, que son da autoría de Josito maiormente, teñan un toque máis preciosístico, aportando uns arranxos que lle dan un algo que sempre suma, xa que ela é a que aporta un maior manexo da música no campo teórico, aparte de que xa ten unha andadura nesta disciplina, pois aparte de ser profesora de piano e acordeón, é parte integrante do grupo Xestreu.

thumbnail_DSC_3231.jpg
A temática dos temas acólchase sobre unha especie de humor ácido, no cal a canción acolle unha forma inicial para rematar dando un xiro radical, acabando certamente mal a historia, cómo acontece por exemplo no tema que quizáis sone máis entrañable, titulado “Nana.” A idea é un pouco a de traballar algo tan noso cómo é a retranca, “misturar blanco con negro, xogar coas verbas,” tal e cómo afirma o propio Josito. Tamén semellan aparecer destellos da figura do antiheroe, xa que “os perdedores son máis interesantes.” Cóntanos de feito, a anécdota da época na que el rexentaba un bar en Vilagarcía de Arousa, onde un tipo falaba só diante dun espello, e que cando un se achegaba a el, podía escoitar que estaba a falar da fin do mundo e da ignorancia desta chegada por parte da xente, o que inspirou o fermoso tema “Lura de bar.”

Falamos tamén por suposto, desa visión do mundo que rodea ó artista, pois ela é o alimento preciso para as súas obras, o que abastece a súa despensa e do que nutre o seu corpo e a súa ialma. Josito é un tanto amante do Carpe Diem, e non se preocupa do futuro en exceso, porque cando se pecha unha porta ábrense mil máis, e sempre se aprenden cousas por ese camiño que ás veces se nos fai un tanto tortuoso. Non está a favor para nada das poses, “aínda que esto igual xa é unha pose,” nos di, polo que amosa un gran respeto por un tipo que se anime a tocar tres acordes desafinados, mais que toca algo da súa propia colleita, e que non busca ser un tributo ou o reflexo perfecto de calqueira grupo de culto.
En canto ás influencias musicais, ó grupo asimila varios estilos, xa que Sabela amosa un “certo descontento” cara a distorsión, e bebe de productos musicais que se entroncan en diversos estilos, tales cómo a música clásica ou o jazz. Valora moito o que son aquelas xentes que traballan no xénero, chegando a ser quen son a base de esforzo e traballo, cun pasado un tanto difícil.

Polo que respeta a Josito, comenta que para el houbo un antes e un despois na música tralo primeiro disco de Siniestro Total, “¿Cuando se come aquí?,” valorando a grupos cómo Golpes Bajos, Sex Pistols ou mesmo David Bowie. No referente ó punto compositivo, as creacións achéganse máis a xentes como Albert Pla, ou incluso un algo a Javier Krahe, e un grupo que tamén é referente para Josito, tal que Surfin Bichos, alabando o papel desenrolado por Fernando Alfaro.

thumbnail_DSC_3230.jpg
En definitiva, atopámonos diante dun grupo que sonou de vicio o día que actuaron na Corte dos Bois, pero que, escoitándoos un tempo despois nas festas de Ourense, con todo o grupo ó completo, a cousa gañou dunha maneira espectacular, que debería ser tomada en conta á hora de contar cos seus servizos. Cando desta maneira sucede, súbense ás tablas tamén Mon Orencio, ó baixo, guitarra e trompeta, e José Lameiras á parte de batería e ó theremín. Sirva este aritgo logo para lograr o empuxe dunha banda que pode aportar moito ó patrimonio cutrual, cómo no seu tempo o aportaron sen ser conscientes delo, grandes cantantes e grupos que hoxe se atopan na memoria colectiva de grandes e pequenos. Que a factoría nunca desista, por tanto, de subisitir.

Redacción: David Conde Seoane

Fotografía : Alberte Otero