O cuco cuqueiro.

Manuel María
Manuel María

“O cuco, cuco cuqueiro
o cuco, cuco, cucón.”

Manuel María

Subindo pola estrada a San Pedro de Moreiras (vindo dende a Valenzá) xusto ao saír do lugar de As Airas e antes da revolta de Outeirodoso, está o monte de Rabadán, antano nese monte había un piñeiro que estaba inclinado cara a estrada, unha poliña chea de follas aguilladas caía del facendo a forma dun bambán, eu coñecía aquel piñeiro coma o “columpio do cuco”. Pois deste paxaro tan curioso vai este artigo, o cuco no folclore galego, e que sirva de paso coma a miña particular homenaxe a Manuel María, ao que tamén este animal inspirou para elaborar os versos do seu poema O cuco.

Madrugón e cantareiro
cantareiro e madrugón.”

O cuco ten o cantar máis característico de tódolos paxaros. Seica pode adiviñar cantos anos tarda en morrer unha persoa ou cantos lle quedan para casar, para iso haille que formular correctamente a pregunta: “señor cuco, cuco rei cantos anos vivirei?” ou “cuco que estás no outeiro cantos anos me das de solteiro?”, e el responde cantando un determinado número de veces, sendo cada cu-cu un ano, iso si para facerlle a pregunta ten que ser pola mañá cedo e estar en xaxún. Tamén seu canto anuncia o tempo que vai facer, se o canto é fungo anuncia choiva, e se canta de seguido é sinal de bo tempo.

 “Oise pola carballeira
ó vello cuco souril
ó nacer a primaveira
antre o Marzo i o Abril.”

O cuco ven pola primavera e marcha pola verán, meu avó sempre dicía que ven pola romaría do San Benitiño de inverno, 21 de marzo, e marchaba polo San Benito de verán, 11 de xullo. Di un refrán “entre marzo e abril, ou o cuco, ou a fin”, senón ven o cuco non habería primavera o que indicaría a fin dos tempos. Hoxe seguro que se ides ao monte ou á aldea escoitades o seu alegre canto.

“¡O vello cuco cucou
emoito máis cucará!
¡O cuco non me capou
enunca me capará!”

Disque ouvir o cuco por primeira vez no ano en xaxún da mala sorte, o que se coñece por capar, para evitalo hai que saír da casa sempre almorzado e con algo de prata enriba, así non haberá fame nese ano nin faltarán os cartos, despois de ouvido unha vez xa non existe este perigo.

“Polas mañás ben cediño
o cuco canta cu-cu.
¡Como o teño de veciño
eu trato o cuco de tu!”

Soamente vin unha vez o cuco na miña vida, sendo neno vino cantar na pola dunha cerdeira. Disque este paxaro gústalle que o traten de ti, nunca de vostede, e que responde os nomes de Martiño, Pedro ou Antón. Tamén se di que non ten nai, xa que esta morreu queimada, ou que a calor do cuco non é suficiente para chocalos ovos, o certo é que este paxaro pon seus ovos en niño alleo, por iso a xente que lle chamaban cucos era por ser uns aproveitados.

Agora seguro que xa non escoitaredes o canto deste paxaro da mesma maneira, e ao ler o poema de Manuel María entenderedes o que sentiu o autor ó escribilo e o que quixo dicir nel. Pero lembrade se vedes o cuco e estades tentados a facerlle unha pregunta pensade dúas veces se queredes sabela resposta.

“O cuco o cuco cuqueiro
o cuco,  cuco, cucón.
Madrugón e cantareiro
cantareiro e madrugón.”

David Sabucedo Cardero

 



 

Para saber máis:

Os soños na gaiola.
Manuel María
Ed. Xerais, Vigo, 2000.

Suso Vaamonde: O cuco cuqueiro

 

Noite Krahe no Auriense

IMG_516228
Carlos Blanco                                                                    Fotografía:Andrea Pérez Justo

Non sei onde o lin, non sei onde o escoitei, que nunha conversación que se estaba dando entre Joaquín Sabina e Javier Krahe, sobre cara onde desexaban proxectar as súas respectivas carreiras artísticas. O primeiro falaba de que anhelaba poder tocar un día nun gran recinto para miles de persoas, ao que o segundo lle respostou que o seu maior desexo sería poder tocar en bares con aforo limitado, en contacto directo co público, e poder vivir diso.

Esa idea foi levada á práctica durante toda a súa carreira, e a noite do venres ó sábado pasado, no café cultural Auriense, poidemos vivir unha perfecta representación iconográfica do sentido que el lle daba á interpretación dos seus temas. Esta laboura estivo nas mans de diversos artistas de diferentes puntos xeográficos, coordinados e xuntados nun mesmo espazo polo polifacético artista Carlos Blanco. É interesante citalos  a todos, pois cada un lle deu o seu toque persoal á interpretación: Roberto Sobrado, Leo Arremecághona, Jesús Piñeiro, Xosé Constenla, Uxía Senlle, Josito Porto, Sabela Dacal, Sergio Zarraeta e Pablo Vidal. Destacar a ausencia de Tatán, que aparecía cómo convidado ao evento, mais non puido chegar a tempo.

IMG_50933
Café Cultural Auriense                                                 Fotografía: Andrea Pérez Justo

O concerto estaba maquinado para ser iniciado en torno ás dez da noite, mais agardouse un pouco a que houbese algo máis de afluencia de público, co cal a hora aproximada de comezo foi en torno ás once menos cuarto. Sorprendeu ver que un cantautor con semellante traxectoria, e co elenco de artistas convidados, non tivese unha acollida máis fervorosa, no sentido número de asistentes, pois o que foi o desenrolo da velada, sí que foi moi acalorada, co cantarruxar continuo de varios dos asistentes cómo público, e debido ó ánimo que incitaron algúns para axudar nos coros ós que estaban sobre as táboas, cómo foi o caso de Uxía, que logrou arrancar das gorxas unha fermosa liña melódica de acompañamento, ou Sergio Zarraeta, que cos seus xestos, parodiando a Felipe VI,  conseguiu un acompañamento potente ao berro de “la hoguera”, aparte do esbozo de moitos sorrisos na faciana dos asistentes, que tamén logrou o cantante de Factoría de Subsistencia, Josito Porto, coa súa interpretación de “mi ovejita lucera”.

Non cabe dúbida de que, o público que arrastra a estela deste cantautor, que definiron en moitas ocasións cómo satírico, aínda que el afirmaba máis ben ser irónico, xa que no seu repertorio só contaba con seis ou sete cancións con aroma de sátira. É un público entregado de principio a fin, e como ben comentou o propio Carlos Blanco, cunha certa perspicacia e intelixencia; “co fácil que sería facer cancións que digan nada cun ritmo chin pum de fondo”, verbas de retranca que empregaría Leo, para sentenciar. En “cuervo ingenuo”, canción coa que se iniciou o recital, que foi posta en escea a cargo de Roberto Sobrado, xa daba mostras de que existían certas mentes que non eran do seu agrado.

En definitiva, o espectáculo quixo significar unha sentida homenaxe a Javier Krahe, que nun par de meses fará un ano que nos deixou, tanto dos que se atopaban reinterpretando os seus temas, cómo aqueles que lle ofreceron o seu aplauso aos mesmos, xa que este é o maior aliciente que atopan para seguir xirando con este espectáculo. Quizáis sería aplicable aquí, cómo ben se contaba nunha canción, “descansa en paz que ya escribí tu nombre, junto aquellos de los que jamás me olvido”.

David Conde Seoane

IMG_50842
Roberto Sobrado e Pablo Vidal                                                Fotografía:Andrea Pérez Justo
IMG_51206
Leo Arremecághona                                                 Fotografía:Andrea Pérez Justo
IMG_517529
Jesús Piñeiro                                                    Fotografía:Andrea Pérez Justo
IMG_5132
Josito Porto                                                    Fotografía:Andrea Pérez Justo
IMG_513310
Sabela Dacal                                                   Fotografía:Andrea Pérez Justo
IMG_5110
Xosé Constela                                                        Fotografía:Andrea Pérez Justo
IMG_521233
Uxía Senlle                                                                    Fotografía:Andrea Pérez Justo
IMG_519130
Sergio Zarraeta                                                     Fotografía: Andrea Pérez Justo
IMG_514914
David Conde e Carlos Blanco                                             Fotografía: Andrea Pérez Justo
IMG_520632
Pablo Vidal                                        Fotografía:Andrea Pérez Justo
IMG_51308
Uxía Senlle                                           Fotografía:Andrea Pérez Justo
IMG_527936
Cerre final: Homenaxe a Javier Krahe.                           Fotografía:Andrea Pérez Justo