Archivo de la categoría: Artigos

A NOSSA CABEÇA

Que cidade ten máis lexitimidade para sela capital de Galicia?

Autor: David Sabucedo


 

Din que os galegos somos os máis localistas de España, defendemos tanto a nosa cidade ou vila que iso impediu que desenroláramos un sentimento nacional en Galicia. Seguramente o debate que máis nos dividiu ao longo a historia foi o da sede da nosa capitalidade. Sabes que cidades competiron por sela cabeza de Galicia? E que esa competición levou a fundación de Portugal?

Gallaecia, da provincia romana ao reino bárbaro

A designación do NO da Península coma Gallaecia (terra dos galaicos) debémoslla a Roma. Aínda que coñecemos os nomes dalgúns dos antigos poboados dos indíxenas (Coelebriga capital dos coelernos, Dactonium a dos Lemavos, Forum Limicorum a dos limicos, ect.) foi cos latinos con quen chegaron as divisións administrativas do territorio e a primeira capital dos galaicos.

220px-Possível_guerreiro_galaico_no_Arco_de_Carpentras
Guerreiro galaico? En Tarraco (wikipedia)

En tempos de Augusto son fundadas sobre antigas poboacións indíxenas as cidades de Bracara e Lucus, estas serán as capitais do sur e do norte da terra dos galaicos, e cabezas dos seus respectivos conventus (subdivisións das provincias romanas). Nun primeiro momento a rexión é incorporada á provincia da Lusitania, sendo máis tarde integrada na Tarraconense, nunha data indeterminada do s.I d.C.; non será ata o século III, en tempos do emperador Caracalla, cando no NO crearase unha nova provincia, a Nova Citerior Antoniniana, a que se lle sumará o conventus Asturiciensis, con capital en Asturica Augusta; este nova demarcación administrativa será o xérmolo da Gallaecia, provincia creada por Diocleciano no s.IV, que terá a súa capital en Brácara, e a que se lle sumou un novo coventus, o Cluniacense, con capital en Clunia.

No século V o Imperio Romano de Occcidente caía e no seu territorio instalábanse numerosos pobos xermanos que crearon nel reinos independentes. A Gallaecia chegaron os suevos, e no 410 d.C. formaron o primeiro reino cristián de Occidente. A capital deste “reino bárbaro” foi a cidade de Braga, a vella capital provincial converteuse na Corte dos novos señores do territorio; mais nos anos de crise e guerra civil que sufriu o novo estado esta mudou a outros lugares coma a cidade de Lugo, a capital do norte, ou  Auria (Ourense) vila que segundo a tradición acolleu a Corte sueva. No século VI os visigodos fanse co control do Galliciensis Regnum e convérteno nunha das tres provincias do seu reino (Hispania, Septimania e Gallaecia), mais manteñen as súas leis e o seu territorio que é gobernado por un membro da realeza co título de dux, un deses príncipes godos é Witiza que instala súa Corte en Tude (Tui).

Da Gallaecia alto-medieval ó reino de Galicia medieval

Ca chegada dos musulmáns á Península no 711 d.C. os centros de poder mudan por completo. O norte da vella Gallaecia manterase case ó marxe da influencia dos invasores, mais iso non implica que as vellas cidades coma Braga perderan o antigo rango de sede episcopal e cabeza de provincia, pasando a ser os bispos de Lugo os novos “primados” dos galaicos; por outra banda o poder real buscará instalar a Corte en territorios onda o poder non estea copado polos bispos, coma é o caso de Oviedo, en Asturias, ou León. A hora de Lugo coma capital galaica verase ensombrecida por un novo emprazamento que pouco a pouco chegará a ser o punto de referencia do NO, Compostela. A sede apostólica será engrandecida por reis e nobres, e seu crecemento será ininterrompido durante todo o período. A coroación dos reis galegos Ordoño II, Sancho Ordóñez ou Vermudo II na basílica de Santiago fará que esta comece a competir ca mesma Corte de Oviedo ou León.

No século X xa se comeza a diferenciar nas fontes a Galicia e os galegos; e no século XI o país dos galegos adquire rango de reino cando é nomeado García coma soberano, este restaurará a antiga sede metropolitana de Braga, mais non se lle coñece unha “capital” fixa, aínda que o mito sinale que tivo a súa corte na vila de Ribadavia.

Se tiveramos que buscar un Pai da Patria galega e unha cidade que fose seu berce esta podería sela Compostela de Xelmírez. O primeiro arcebispo de Santiago loitou contra Braga por convertela cidade do Apóstolo na metrópole eclesiástica galaica, unha pugna que rematou cun dano colateral que o compostelán non previu, a división das dúas Galicias, Bracarense e Lucense, e o nacemento do reino de Portugal. Xelmírez tamén tentou converter Compostela en sede rexia cando na catedral coronou coma rei  ao futuro Afonso VII e logo cedeulle seu pazo coma residencia real, mais non logrou que o monarca escollera a catedral compostelá coma seu lugar de enterramento. Haberá que esperar os seus sucesores, os reis de Galicia e León Fernando II e Afonso VIII, para que Santiago tivera un panteón real. Aínda así seguirá habendo un recoñecemento por parte dos galegos da cidade de León coma: “nossa cabeça”.

Coruña administrativa do Reino de Galicia

A finais da Idade Media, século XV e comezos do XVI, outras vilas e cidades serán sedes dos poderes do reino: as reguengas (baixo autoridade real) Betanzos e Coruña levarán a voz cantante en eventos tan importantes coma o alzamento irmandiño, o deputado que pide as irmandades nas Cortes de Castela será o betanceiro Xoán Branco; ou mesmo Melide, o ser unha sorte de km 0 do Reino, será sede de asembleas das irmandades e mesmo dos fidalgos de Galicia. Chegados á Idade Moderna será a vila da Coruña a escollida pola monarquía para ser a capital do Reino de Galicia. Será nesta poboación onda os reis instalen a sede da Real Audiencia, que ata o reinado de Felipe II era itinerante, e onde o gobernador do Reino teña súa residencia.

tg_carrusel_cabecera_grande
Real Audiencia de Galicia (turismo.gal)

No reinado dos Austrias créase en Galicia un órgano de goberno para cubrir os ocos que non daba tapado a Monarqía, a Xunta do Reino de Galicia, un consello composto por deputados das sete cidades: Santiago, Coruña, Lugo, Betanzos, Mondoñedo, Ourense e Tui. As chamadas “Cortes Galegas” reuníanse a lo menos unha vez o ano para tratar os temas que lles mandaba o rei (xeralmente tributos e levas de homes á guerra), a lugar das reunións non era fixo e soía ser a poboación onde se atopaba o gobernador, que actuaba de Presidente da Xunta, e na maioría dos casos era a súa residencia da Coruña. Aínda que neste período eran a cidade herculina a “nosa cabeza” dábase a curiosidade que nas reunións o deputado que falaba primeiro era o compostelán. Ca chegada dos Borbóns no século XVIII este órgano terá cada vez menos influencia.

Das catro provincias á autonomía

En 1833 o réxime liberal español abolía os antigos reinos e señoríos da Coroa de España, entre eles o Reino de Galicia. O Antigo Reino era substituído polas catro provincias actuais: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, as catro cidades adquirían o rango de capitais de cada territorio, esvaecéndose calquera vencelle administrativo entre elas. A Coruña coma sede do poder xudicial e financeiro da “rexión” mantivo o posto de capital de facto.

Un século despois as aspiracións autonomistas que xorden ca Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918 (esta cidade sería berce de numerosos movementos políticos durante o XIX) porá outra vez sobre a mesa a restauración dun “estado” galaico. Nas negociacións do estatuto dúas cidades loitarán por sela cabeza do país: Santiago, que era a escollida polos autonomistas para sela sede do autogoberno, e Coruña que non quere perdelo rango que tivera nos derradeiros séculos. Esa loita volverá na elaboración do segundo estatuto de 1982, onde algúns deputados coruñeses e composteláns chegaran as mans por mor de dito debate, coma lembrada o ex-presidente Rajoy nunha entrevista. A fin desta disputa será unha decisión salomónica: as antigas institucións coma o Tribunal Superior de Galicia ou a Capitanía Xeral do exército, así coma a Real Academia Galega ficarían na cidade coruñesa; indo a Compostela as novas consellerías e o parlamento.

Paco-Vazquez-interviene-Parlamento-gallego_EDIIMA20130821_0504_13
Parlamento galego no Pazo de Xelmírez (eldiario.es)

Está vivo o debate da capitalidade?

Fai catro anos o alcalde de Vigo, Abel Caballero, comentaba que a cidade olívica cometera o grande erro de non estar presente no debate sobre a capitalidade, sendo esta a máis poboada e industrializada do país. O alcalde puña de pasada enriba da mesa unha cuestión que parecía saldada cando no proceso autonómico Pontevedra e Vigo deran seu apoio incondicional a Santiago. Nos últimos anos Partido Froilanista (grupo político-retranqueiro aínda que vendo coma esta o panorama poden selos máis serios de Galicia) pide que o pretendente a Rei da Galiza, Froilan III, sente súas reais posadeiras nun trono de granito en Lugo. Pola contra Ourense, fiel a súa liña de estar ó marxe, non tivo nunca dita pretensión, aínda que coma curiosidade dicir que o leste da provincia ourensá ten a cabeza eclesiástica en Astorga (a antiga Asturica Augusta cabeza de convento na Gallaecia) e moitos habitantes da zona fan vida nesa cidade .

Fai un ano falando cun coruñés sobre o tema prendeu de novo o lume do debate que eu cría morto e soterrado: el defendía que Coruña era a lexítima capital, e eu a vella e pétrea Compostela, tras unha longa discusión ó fin chegamos a un acordo, a ningún dos dous nos desgustaría que a capital de Galicia fose Braga.

DE CABEZA Á LOUCURA

A viaxe de Sam Shepard coa Rolling Thunder Revue

Autor: Phillip Jeffries


Estás no ano 1975, chegas unha tarde a túa casa e infórmante de que Dylan (nunha das súas etapas máis misteriosas, tras voltar pouco antes á vida pública tralo seu accidente de moto), ao que non coñeces de nada, chamoute ao teléfono mentres estabas fóra. Cal sería a túa primeira reacción? Pensar que estás ante unha broma dalgún amigo? Un erro de alguén? Ou fas caso ao que estás a escoitar e tratas de poñerte en contacto con el?

Unha mestura de todas estas ideas foi o que pasou pola cabeza dun Sam Shepard, descoñecido ata entón para o gran público, e que naquel entón levaba uns dez anos facéndose un nome coma escritor no mundo do teatro, que finalmente decidiuse por chamar de volta a Dylan.

O resultado foi a súa inclusión na que probablemente sería a viaxe máis tola da súa vida, nun auténtico circo ambulante, creado polo propio Bob, nomeado Rolling Thunder Revue, e no que estaban presentes toda clase de personalidades (dende escritores coma Allen Ginsberg, ata estrelas da música coma Joan Baez, Joni Mitchell, T-Bone Burnett, Arlo Gurthrie, Ramblin’ Jack Elliot ou Mick Ronson; ou auténticas celebridades do momento coma Muhammad Ali, que aparecería xa ao remate da primeira metade do periplo).

A idea era representar sobre o escenario a actuación total, non limitándose tan só á música; senón que tamén incluíndo outra clase de números, coma poderían selo os recitados de poesía.

Vinte dúas cidades do nordeste estadounidense serían as visitadas por este grupo de pseudovagabundos (Dylan insistiu moito en manter ao longo de toda a xira o que el denominaba “estética xitana”), sempre disfrazados, que aparecían de súpeto no lugar para ofrecer esta combinación de música, poesía e espectáculo para evaporarse no aire instantes despois.

Atopamos nesta época a un Dylan caracterizado pola maquillaxe branca e por ir eternamente ataviado cun espectacular sombreiro do máis rechamante, imbuído nunha auténtica tolería, con xente entrando e saíndo da xira continuamente a pracer, sendo un bo exemplo disto a visita de Patti Smith ou as continuas idas y vindas de Joni Mitchell, nun reino anárquico no que a loucura parecía mandar, pero sempre baixo o control do omnipotente e omnipresente xenio de Minnesota, cos concertos soando dunha maneira espectacular, na que moita xente considera a época máis potente de Zimmerman en directo.

Aínda que a maior parte dos recintos nos que actuaron eran de pequena capacidade, aparecendo os artistas ante audiencias que endexamais esperaron ver nada semellante nas súas vidas, todo remataría (ao menos a primeira metade da xira, que é a que contaría coa presenza de Sam Shepard) no Madison Square Garden, nun concerto co obxectivo de recadar fondos para o boxeador Hurricane Carter, encarcerado por causas racistas a raíz dun crime que nunca cometera, feito que non logra evitar que o escritor pregúntese que sentido ten semellante concerto como colofón final ao que fora unha xira ante pequenas audiencias, terminando o periplo nunca metafórica estrada principal, tras percorrer, literalmente, só estradas secundarias.

E cal era a función do noso escritor en medio de toda esa tormenta artística? Pois a de crear o guión dunha película que Dylan tiña pensado filmar de forma simultánea ao transcorrer da xira. Este libreto nunca chegaría a existir, e o resultado final foi un libro estraño; unha crónica ou diario de viaxe, publicado no ano 1977, baixo o título “Rolling Thunder: Con Bob Dylan en la carretera”. O proxecto cinematográfico de Bob, pola súa parte, remataría sendo “Renaldo and Clara”, estreada no 78, de desastrosas críticas no seu momento (e actualmente cada vez más reivindicada, a pesar de todo), imposible de encontrar no mercado, tras deter o propio Dylan a súa distribución, e só dispoñible en Internet.

“Rolling Thunder: Con Bob Dylan en la carretera” é un libro peculiar, no que mestúranse acontecementos reais da xira (visita á tumba de Jack Kerouac incluída), con momentos de auténtico surrealismo, e pequenos textos que chegaron a ser escritos para a película, xunto a outros que incluso chegaron a ser filmados, narrando neses casos como desenvolvíase a escena. Todo isto viu a luz coa compaña das fotos que neses meses tomou Ken Regan, todas en branco e negro.

O libro, a modo de curiosidade, pecha cunha anécdota a modo de epílogo, que da boa conta da peculiar personalidade de Dylan, a raíz do sucedido no estreo dunha das obras de teatro de Shepard posterior á xira; pero falar da forma de ser do músico daría para outras moitas publicacións, e non é hoxe o tema que nos compete.

O recentemente falecido (27 de xullo de 2017) Shepard, que co paso do tempo alcanzaría a fama grazas, entre outras cousas, a gañar o premio Pulitzer ou ser o coguionista da marabillosa “Paris, Texas” e que mantería a amizade con Dylan ao longo do tempo tralo proxecto, e ata chegaría a escribir con el a canción Brownsville Girl, incluída no álbum Knocked Out Loaded, aportou con este libro un punto de vista diferente e único a loucura que a Rolling Thunder Revue supuxo. De que outra forma poderíamos haber sabido de momentos coma esa conversa entre Dylan e Baez, coa segunda vestida de noiva, que o propio autor define coma “ou o peor melodrama do mundo ou a mellor confesión cara a cara que haxa sido filmada nunca”, só por poñer un exemplo?

1975 foi un ano movido para Dylan (publicación de Blood on the Tracks, implicación no caso de Rubin Carter, aparición dunha das mellores cancións do artista como o foi precisamente Hurricane, ou a formación e xira da Rolling Thunder Revue, sendo o ano anterior cando voltara a xirar tras oito anos sen facelo despois do seu accidente de motocicleta) e alí estaba Sam Shepard para contalo e dar boa fe de todo o que ocorría relacionado co mencionado tour, deixándonos coma testemuña este libro único e totalmente recomendable para calquera fan de Dylan, que supón unha boa fotografía dos tempos que naquel entón estábanse a vivir, tanto social coma musicalmente.

Sam Shepard e Bob Dylan
Sam Shepard e Bob Dyllan