Archivo de la categoría: Maxín

O ENTROIDO DE MUGARES

O derradeiro carnaval tradicional do concello de Toén

Autor: David Sabucedo


Aínda a medio curar a resaca do entroido imos facer unha derradeira parada nesta festa. Para elo ímonos desprazar á parroquia de Mugares, no concello de Toén, un lugar onde o carnaval tradicional aínda sobrevive grazas á labor de recuperación feita polos seus veciños.

A comezos deste século a Asociación de Mulleres Rurais Amencer, recuperou a entroidada desta parroquia, que ó igual que a inmensa maioría dos lugares de Galicia, fora perdendo estas celebracións mais seguían vivas nas lembranzas das xentes.

Cada martes de Entroido se celebran no lugar os festexos do carnaval. Despois dun xantar, ó que acoden os veciños á desfrutar dos manxares típicos destas datas (o cocido e as orellas),  faise o desfile no que saen a percorrer as rúas as máscaras tradicionais desta parroquia xunto con outras persoas disfrazadas, a rota que seguen vai dende o barrio do Moreiro ata o propio núcleo da aldea de Mugares.

2018021319201587553
Señoritas e Labardeiro de Mugares fotog: Miguel Ángel

Antano a festa era organizada polos mozas e mozos que puñan diñeiro do seu peto para elo. A procesión carnavalesca ía acompañada de bandas de música e paraban de cando en vez para botar uns bailes e uns vasos de viño ós que eran convidados polos veciños nas súas adegas. Neste desfile podía participar todos os que quixesen, pero quen levaba a batuta na festa eran os novos. Ó remate, nun lugar especialmente preparado para ocasión, no Eiró (lugar da parroquia), representábanse comedias que os propios veciños inventaban baseándose nas historias que aconteceran na localidade durante o ano.

As máscaras, señoritas e labardeiros

getimage

Escribía Vicente Risco na obra Historia de Galiza: “as máscaras atópanse en todas as cidades, vilas e aldeas”. Máscara é  termo que denomina ó personaxe característico dun entroido local, son de sobra coñecidos os peliqueiros de Laza, os Felos de Maceda, os cigarróns de Verín ou as pantallas de Xinzo da Limia. Segundo nos di o antropólogo Mariño Ferro estes enmascarados representarían os excesos e a diversión contra o xaxún que impón a coresma; outros coma os galáns e as madamas (típicos tamén de Mugares) representarían a mulleres e homes que só pensan no adorno ó corpo e en levar roupa elegante.

En Mugares atopamos dous personaxes de ámbolos dous sexos os labardeiros e as señoritas. O traxe feminino consiste nunha saia e unha camisa, as dúas prendas son brancas, na saia van cosidas unhas flores de feltro de moitas cores (antano eran de seda ou naturais), por riba da camisa vai un pano colorido e colares; levan sombreiro e zapatos de tacón; portan con elas unha cesta chea de pétalos de flores, anacos de papeis de cores e lambetadas. Os homes van vestidos cunha camisa branca con adornos florais e levan colares feitos cos froitos das hedras; portan calzóns brancos ata os xeonllos, tamén adornados con flores, medias e botas; na cintura levan unha faixa cun cinto con chocas e un gorro alto adornado tamén con motivos florais; a faciana lévana cuberta cunha rede e na man portan unha labarda que lles da nome (unha ferramenta semellante a un mallo). Hai fontes que falan de que os labardeiros tamén levaban no lombo unha pelica de animal (coma os peliqueiros); antano só podían levar este traxe os quintos, é dicir os mozos que ían a mili.

“As máscaras atópanse en todas as cidades, vilas e aldeas. En Mugares temos ás señoritas e os labardeiros

O carro do entroido, o mazaruco e mazaruca

Este ano, tras seis décadas sen estar presente, recuperouse a figura do mazaruco e mazaruca. Estes consisten en dous bonecos, o que representa ó home vai vestido de militar e a boneca vai vestida de “señorita”. O mazaruco  sae de Mugares e a mazaruca do Moreiro, ambos atópanse a medio camiño. En tempos saían montados en carros ou burros (agora van en tractor), e vestíanse cos traxes das parellas que acabasen de casar e aínda non tivesen fillos. Estes serían un exemplo do tradicional carro do Entroido, presente en moitos outros lugares con distintas formas e coma xa sinalaba Risco na obra anteriormente nomeada: “Unha representación do Entroido é paseado triunfalmente polas rúas”. A recuperación desta figura por parte de Amencer foi moi laboriosa, xa que apenas había fontes sobre eles, mais finalmente a obra é bastante fiel a representación de antano.

2018021319201738198
A Mazaruca e o Mazaruco fotog: Miguel Ángel

“O Mazauro e Mazaruca é unha versión do Entroido que é paseado triunfal polas rúas das poboacións”

A corrida do galo, un costume esquecido

Xa non hai costume de tirar formigas a xente durante o desfile de Entroido, pero a tradición desaparecida máis interesante é unha recollida por Mariño Ferro, a corrida do galo: “nalgunhas parroquias-di o autor- chaman corrida do galo a unha parodia do xuízo onde se xulga a este animal”, mais noutros lugares, “sacrifícase o galo de acordo a un certo ritual”. Estas prácticas do sacrificio desta ave eran típicas en diversas localidades no século pasado coma Betanzos, Muros, Melide, A Mezquita, etc. Segundo sinala Mariño Ferro: “En Mugares enterraban o galo deixando fóra só a cabeza, que os xogadores (estes ritos realizábanse coma xogos populares) cos ollos vendados, intentaban golpear cun pau, despois de superar unha serie de obstáculos”. Isto, por moi brutal que vos poda parecer, ten unha carga simbólica moi importante xa que o galo é un animal moi cargado dunha gran simboloxía sexual, e con fama de luxuriosos, e ca súa morte simbolizábase ó rexeitamento ós praceres da carne e a preparación para a coresma, algo que en definitiva viña a ser o Entroido.

A antiga tradición carnavalesca do concello de Toén

En terras de Toén, na actualidade, o entroido enxebre é o de Mugares, un festexo que xa é un símbolo da parroquia e o municipio. Nos outros lugares do concello coma Xestosa, Trelle ou Moreiras o carnaval soe celebrarse cunha cea ou xantar. Estas son celebracións modernas que carecen da tradición de antano, aínda que noutros tempos si que existiron estas festas tradicionais que xa apenas son lembradas polos oriúndos do lugar. Risco recollía o seguinte dato: “Damas e galáns, con diferentes vestimentas, aínda que case sempre arremedando traxes antigos de señoríos, a base de roupa interior, fitas de seda, chapeus, etc. cítanse en terras de Toén”. O mesmo autor fai referencia a máscaras típicas na veciña Moreiras, onde o traxe que levan, feito a base de roupa interior feminina branca, pucho cónico e chocas na faixa lembra ó do labardeiro; así coma tamén fala dunha representación do Entroido feita con palla é levado nun carro tirado por bois nesta mesma aldea, coma curiosidade a mediados do século XX os mozos de Moreiras vestíanse no carnaval con roupas vellas que enchían de palla e máscara, estes traxes chamábanselle mazarucos, podería ter esto relación ca Mazaruca e Mazaruco de Mugares?

Galás e madamas
Debuxo de Vicente Risco dunha máscara tradicional e unha madama

“O Entroido tradicional de Mugares foi recuperado pola Asociación de Mulleres Rurais e Familias Amencer, tras décadas sen celebrarse. Este 2018 restaurouse as figuras do Mazaruco e Mazaruca

Para rematar quixera facer unha confesión que me avergoña, e xa entrados na coresma é tempo de purgalas culpas, aínda que un servidor é dunha parroquia veciña nunca tiven a ocasión de acudir a entroidada de Mugares, mais convido a todos os que o ano que ven teñan ocasión acudan a presencialo e a vivilo, así poderá comprobar que existen máis exemplos destas tradicións fóra de Laza, Xinzo e Verín. Eu polo menos penso acudir.

Tamén che pode interesar:

Parada de Amoeiro, un Entroido diferente

Para saber máis:

Fotografías de Miguel Ángel (La Región)

X.R.Mariño Ferro e X.M. González Reboredo, Diccionario de etnografía e antropoloxía de Galiza Ed. Nigratrea Vigo 2010

V. Martínez Risco, Etnografía: cultura espiritual, en Historia de Galiza (1962)

A NOITE DOS MORTOS VIVENTES

Autor: David Sabucedo Cardero


Imaxinade por un intre que estamos nunha casa da cidade da Coruña na década dos 50. Na cidade herculina atopábase Jorge, un cativo estadounidense con raíces galegas que estaba de visita na casa familiar. Unha das cousas que máis lle gustaban ó rapaz era escoitar as lendas de pantasmas que lle contaban súas tías coruñesas. Aquela noite, trala cea, súa tía Pura contoulle a seguinte historia:

“De nena a nosa casa quedaba preto do monte. Pola noite, moi tarde, ás doce, vía eu por alá enriba unha ringleira de luces.

-Pai-dicíalle eu ó meu pai-, cantas luces van por alá enriba!

-Cala, miña filla, cala, que é a Compaña. Son as ánimas que andan en pena polo mundo.”

(Leyendas, mitos y creencias de Galicia)

Logo volveremos con Jorge e súa tía pero antes falemos do tema sobre o que trata a lenda anteriormente narrada, a Santa Compaña.

As da Noite: “Andad de día que la noche es mía”

Pouco ten de Santa este grupo de ánimas en pena, o certo é que na tradición popular nunca se lle deu tal nome, xa que foi este unha invención erudita do século XX: Compaña, Hoste, Estantiga, Estadea, As da Noite, Compañía, etc. eran as máis comúns formas polas que o pobo denominaba a esta procesión de mortos que busca seu lugar no Alén.

557px-Nuremberg_chronicles_f_264r_(imago_mortis)
Danza macabra ou triunfo da morte.

A Compaña é de ámbito parroquial, é dicir, a parroquia e os seus camiños é o lugar polo que vagan estas animas do purgatorio. Pódese dicir que existe unha parroquia de mortos e outra de vivos, nesta os defuntos fan de mensaxeiros para os vivos, sinalando a que veciño veñen recoller. Non só aparecen en procesión, ás veces os mortos celebran misas polas noites, Misas de Ánimas, nas que sempre precisan un vivo para que axude o defunto sacerdote cos oficios; ánimas soas que teñen que emendar unha mala acción realizada en vida (o movemento dos marcos da terra é a máis común); ou esqueletos que convidan ós vivos a banquetes no alén emulando a historia de don Juan Tenorio.

Dependendo da lenda a Estantiga sae tódalas noites ou algunhas especiais; sae toda a noite ou só unhas horas, o horario laboral das pantasmas deu lugar a ditos coma: “entre as doce e unha anda a mala fortuna”, “entre as nove e as dez deixa a noite para quen é” ou “andad de día que la noche es mía” (este último é da veciña Asturias). Como mínimo ten que estar composta por cinco membros que camiñan en dúas ringleiras seguindo os sucos que as rodas dos carros deixaron nas corredoiras; estas van vestidas cun sudario branco e os pés descalzos; nas mans portan unha luz, xa sexa unha candea ou un óso prendido, tamén portan un caldeiro, unha campá, un estandarte, unha cruz e un peto de ánimas (o encargado do peto é un coxo). O portador da cruz é un vivo que esta escravizado polos defuntos, este nunca pode mirar atrás, ten acudir tódalas noites estea onde estea e garda silencio sobre as súas actividades nocturnas; o coitado mirra fisicamente, perde peso e a cor da faciana, quedando pálido coma os mortos que acompaña, tal tristura e malestar sente que en ocasións cústalle a vida, a única forma de librarse da súa cruz e pasarlla a outro. En ocasións na Hoste vai unha figura alta e moi fraca, que ten cara de esqueleto, ela é a Estadea, quen en verdade dirixe a procesión e que en ocasións chega a darlle nome, disque esta pantasma é o defunto máis antigo da parroquia.

Halloween7-750x563
A Estadea garda semellanzas co Ankou bretón, representado nesta imaxe.

Non todo o mundo é capaz de velas animas, as lendas contan casos de dúas persoas que están xuntas e un pode velas e o outro non, aínda así existen formas de protexerse desta aparición e que todo o mundo pode usar. En primeiro lugar hai sinais da proximidade da compaña: zoar do vento, cheiro a cera, ouvir unha campaíña soar, etc. As formas de protexerse son múltiples: debuxar un círculo no chan cunha cruz no medio, cruzarse de brazos para evitar que che dean a cruz, deitarse no chan cos brazos estendidos (este método ten seu risco xa que os mortos poden pasarte por riba esmagándote). Unha práctica que aínda a día de hoxe faise en case tódalas casas do país é colocar a poliña bendita no Día de Ramos na porta da casa, símbolo que serve para espantar todo mal que tenta entrar nas nosas vivendas, sendo este un dos derradeiros restos dun mundo a piques de desaparecer.

O creador dun Monstro Pop

No ano 1968 Jorge dende New York telefonou a súa tía Pura na Coruña, quería pedirlle un favor: precisaba cartos para poder levar a cabo un proxecto que levaba tempo argallando, unha película de terror cunha trama nunca antes vista, onde unha nova criatura converteríase no pesadelo do público. Os argumentos que lle deu deberon ser moi convincentes xa que Pura Romero accedeu a financiar parte do filme do seu sobriño, A Noite dos Mortos Viventes (Night of the living dead).

 

romero_2728825b
George Romero rodeado das súas criaturas

 

Jorge Alejandro Romero naceu en New York en 1940, súa familia paterna era orixinaria de Galicia, mais seu avó xa emigrara a Cuba sendo mozo e seu pai, que nacera na Coruña, trasladárase a EEUU antes do nacemento de Jorge, máis coñecido coma George A. Romero.

Romero pasará a historia do cine por ser o creador dun Mostro Pop, o zombi. Un ser cuxa creación tivo coma punto de partida as historia do folclore galego que súas tías contábanlle de cativo, coma o propio cineasta recoñecería anos despois. Coñecer a relación entre o primeira película deste xénero e Galicia debémoslla a un autor que tamén acadou a fama a nivel mundial grazas á criatura de Romero, o escritor pontevedrés Manel Loureiro, cuxa obra Apocalpisis Z foi best seller en EEUU. Para Loureiro son varias as influencias que ten este monstro xa que bebería da tradición haitiana (de onde é orixinaria a verba zombi) e de raíces galegas e xudeas, o golem da tradición hebrea medieval sería o antecedente do zombi creado polo home e que comparte co morto vivinte un único punto feble na testa.

La Noche de los muertos vivientes (cinemania)
Fotograma do filme A noite dos mortos viventes (1968)

O filme Night of the living dead sería todo un éxito xa que custou 144000 dólares e recadou 42 millóns (a tía Pura amortizou con creces a inversión), converténdose na rocha nai da que nacería todo un xénero que hoxe está en pleno apoxeo con series, películas, novelas, cómics, etc. que arrastran lexións e lexións de seguidores e que teñen coma epicentro o arquetipo cultural creado por Romero.

A culpa non só é de Fenosa

Hai unha historia moi coñecida que é a dun antropólogo que vai a unha aldea de Galicia onde lle pregunta a unha señoriña: “Cando deixou vostede de crer na Santa Compaña?”, e ela respóndelle: “Hai fillo, pois cando chegou a luz”, aquí a verba “luz” podería ter un dobre sentido, a chegada da razón ou da electricidade.

Na nosa época están a desaparecer os antigos mitos. Os vellos xa non lle transmiten ós cativos as historias e lendas dos seus devanceiros, coma facía Pura co seu sobriño, en parte polo taboo co que a sociedade moderna marcou este tipo de crenzas e que fixo que a moitos dos nosos maiores déralle vergoña falar deles; o avance tecnolóxico tamén trouxo novas formas de lecer ás familias, onde seus membros (polo menos os máis novos) prefiren matalas noites cunha maratón de The Walking Dead que cas historias do avó de trasnos, demos e aparecidos.

Tamén che pode interesar:

A orixe do samaín

Aqueles Vellos Arrepío I

Aqueles Vellos Arrepíos II